Política Social rexeita indemnizar por mortes antes de cobrar a dependencia como piden Defensor e Valedora do Pobo

Informes da Valedora sobre distintos casos nos que Política Social rexeitou expresamente regular o procedemento para que familiares de dependentes mortos antes de recibir a prestación poidan reclamar esa débeda CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Xunta desenténdese da xurisprudencia do Tribunal Supremo e obriga a cada familia a recorrer ante a xustiza cada caso particular en lugar de regular un procedemento xeral cando é ela quen incumpre os prazos legais

"A administración non pode ser quen se beneficie dos atrasos que protagoniza". Así se pronunciou a finais de 2024 a Valedora do Pobo logo de analizar o caso dunha persoa falecida tras ser recoñecida como dependente pero antes de recibir nin un euro da axuda que lle correspondería. A súa familia reclamou que Política Social lles recoñecese a débeda, como tamén fixeron outras familias de falecidos que acabaron recorrendo á Valedora ou ao Defensor del Pueblo. Pero as peticións destas institucións a Política Social para que estableza un procedemento xeral co que outorgue a posteriori prestacións de falecidos cando é ela quen incumpre os prazos legais veñen sendo desatendidas pola Xunta. 

Política Social está a responder que non acepta ese tipo de recomendacións para establecer un procedemento administrativo regulado, obrigando así a cada familia afectada a recorrer á xustiza para ver recoñecido o seu dereito.

Política Social ten un prazo de seis meses para resolver as peticións de axudas de dependencia e, se o supera, unha vez recoñecidas posteriormente as prestacións concretas teñen efecto retroactivo desde aquel prazo máximo. Pero cando o dependente morre superado ese prazo sen ter aínda recoñecida a prestación concreta Política Social está a arquivar por sistema as solicitudes sen resolver os expedientes.

"A administración non pode ser quen se beneficie dos atrasos que protagoniza", chegou a dicir a Valedora hai ano e medio, pero a Xunta segue sen solucionar o problema

Xa en 2021 a Valedora do Pobo recolleu no seu informe anual o caso dunha persoa falecida antes de que Política Social lle recoñecese unha prestación concreta. Un decreto de 2010 establece o dereito a obter as prestacións económicas correspondentes durante a tramitación do procedemento, pero a Xunta escudouse en que a orde que desenvolvía ese decreto fora derrogada. 

Na súa resolución sobre o caso a Valedora pediu á consellería que aplicase igualmente o decreto, de rango superior á orde derrogada, e adecuase as súas actuacións nos casos afectados. A resposta que lle deu Política Social, segundo reflectiu o informe anual da Valedora, foi "que xa non aplicaba" o punto do decreto que obriga a recoñecer esas prestacións a posteriori "pero tampouco parece que teña a intención de modificalo". "Estamos en desacordo coa forma de proceder neste asunto", reflectiu o informe anual da Valedora.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun acto nunha residencia con persoas dependentes nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Así seguiu a cousa ata que en 2024 o Tribunal Supremo sentenciou sobre un caso similar en Andalucía que recoñeceu o dereito dos herdeiros dun dependente falecido a cobrar a prestación que lle correspondería durante o tempo no que a administración demorou a súa resolución. Pero sen procedemento administrativo específico para reclamar eses cartos, as familias están abocadas a recorrer á xustiza.

Tras esa sentenza de mediados de 2024, a Valedora pronunciouse sobre outro caso a finais daquel ano recomendando a Política Social "que se avalíe a doutrina legal citada [do Supremo] para determinar a súa aplicación". Porén, segundo reflectiu no seu informe anual presentado o pasado novembro, "a consellería non aceptou o recomendado". 

O Defensor del Pueblo pediu que a Xunta "revise de oficio" todos os casos similares para indemnizalos sen que os afectados teñan que recorrer á xustiza

Similar situación se reflectiu noutra queixa analizada polo Defensor del Pueblo e relatada hai uns días por Praza.gal. Tamén nese caso facíase referencia á sentenza do Supremo que recoñece o dereito dos herdeiros a recibir a prestación durante o tempo de demora da administración. Por iso o Defensor del Pueblo pedía, como a Valedora, "que se promova de oficio o procedemento de responsabilidade patrimonial da Administración". Porén, de momento Política Social non ten intención de habilitar un procedemento administrativo para estes casos. As familias terán que seguir acudindo á xustiza ordinaria.

Resolución do Defensor del Pueblo pedindo á Xunta que indemnice a herdeiros de dependentes mortos antes de ver recoñecida a súa prestación de dependencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.