Marcos Pérez Pena

Unha ducia de espazos naturais das comarcas afectadas polos incendios do mes de agosto

Galicia -particularmente a provincia ourensá- sufriu este mes de agosto a peor vaga de lumes dos últimos anos. Uns incendios que arrasaron preto de 100.000 hectáreas e que nalgúns casos afectaron directamente ou ameazaron de forma importante valiosos espazos naturais. Pena Trevinca, a Serra da Enciña da Lastra, O Courel, o Teixedal de Casaio, o Bidueiral de Montederramo, O Invernadoiro ou o Bosque Ridimoas foron algúns dos lugares que foron cercados polas lapas, chegando a arder nalgúns casos ou a ficar a salvo noutros. Estes son algúns deses tesouros naturais que estiveron en risco.

  1. 01

    Bosque de Ridimoas

    O pasado 16 de agosto o lume queimou parte do bosque de Ridimoas, un valioso espazo natural en plena comarca do Ribeiro, no concello de Beade. Con case catro décadas de historia, Ridimoas é un modelo único de protección da biodiversidade en Galicia, caracterizado pola súa xestión comunitaria.

    O lume queimou unha parte importante das 300 hectáreas deste espazo, especialmente a superficie de piñeiro, a máis exposta a sufrir os incendios.

    Ridimoas, tres décadas protexendo o bosque autóctono

  2. 02

    Parque Natural do Invernadeiro

    O Invernadeiro é un dos seis parques naturais existentes en Galicia. Situado no Macizo Central ourensán, unha parte das súas 6.000 hectáreas de superficie foron afectadas polo incendio iniciado en Chandrexa de Queixa, o máis grande da historia en Galicia. O pasado 18 de agosto o parque foi declarado en situación de emerxencia, empregándose maquinaria pesada para a creación de devasas que impedisen o avance das lapas.

  3. 03

    Pena Trevinca

    Pena Trevinca é o teito de Galicia cos seus 2.127 metros de altitude. A súa contorna, unhas 25.000 hectáreas, son un espazo natural protexido que acolle lagoas de orixe glaciares como O Celo ou a Lagoa da Serpe.

    O incendio iniciado a mediados de agosto e aínda activo queimou unha parte destes montes, especialmente as zonas situadas a máis de 1.500 metros e que se atopan entre as de maior valor ecolóxico.

  4. 04

    Lagoa da Serpe

    Entre os elementos que sufriron directamente o impacto das lapas está a Lagoa da Serpe, situada no termo municipal da Veiga, unha lagoa de orixe glaciar que conta con valiosas especies vexetais e mesmo con fauna endémica. Nesta publicación de X pódese ver o efecto do lume neste espazo.

  5. 05

    Teixadal de Casaio

    O lume non queimou no Teixadal de Casaio, o que podería ter sido unha auténtica catástrofe ecolóxica. Trátase dun dos poucos bosques naturais de teixos existentes en Europa, xa que esta é unha árbore que adoita medrar illada. O bosque reúne ao redor de 400 teixos, a maior parte deles centenarios. Durante días brigadistas e veciñanza loitaron para evitar que as lapas penetrasen neste valioso espazo, que se salvou por pouco.

  6. 06

    Serra da Enciña da Lastra

    O lume si arrasou, en cambio, unha parte da Serra da Enciña da Lastra, o máis novo dos seis parques naturais de Galicia. O incendio iniciado en Rubiá afectou a unha parte da superficie do parque.

  7. 07

    O Courel

    Un dos principais motivos de preocupación durante a pasada semana foi a proximidade das lapas ao Courel. O incendio iniciado o 14 de agosto en Larouco e que queimou ao redor de 30.000 hectáreas chegou catro días despois ao río Sil, que travesou cara ao norte, e ao termo municipal de Quiroga.

  8. 08

    O Courel

    Ás portas do Courel, cercou varias aldeas e queimou ao redor de 10.000 hectáreas en Quiroga e as lapas estiveron preto de chegar ao termo municipal de Folgoso do Courel, na Seara. O río Soldón e o cambio na dirección do vento evitaron que o lume seguise avanzando.

    Aínda así, o lume cercou aldeas como Paradaseca, Paradapiñol, Cereixido ou ou Cereixido, non lonxe da Fervenza do Pombar, na imaxe.

  9. 09

    Souto de Rozavales

    O Souto de Rozavales é un souto de castiñeiros que se atopa en San Martiño de Manzaneda (Manzaneda). No seu territorio, case dúas hectáreras, destaca o castiñeiro de Pumbariños, declarado árbore senlleira, que ten máis de 500 anos e 13 metros de perímetro na súa base. O souto viuse parcialmente afectado polas lapas do incendio que o 8 de agosto se iniciou en Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso e que queimou 19.000 hectáreas.

  10. 10

    Bidueiral de Montederramo

    O Bidueiral de Montederramo, entre os concellos de Montederramo e Vilar de Barrio, é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que abrangue a zona de nacemento dos ríos Arnoia, Limia e Támega nas abas da serra de San Mamede. O bosque tamén se viu afectado polo incendio iniciado o 8 de agosto.

  11. 11

    Macizo Central

    O Macizo Central ourensán é unha área protexida coa cualificación de zona especial de conservación (ZEC) integrante da Rede Natura 2000. Unha parte significativa da súa superficie foi afectada directamente polos incendios iniciados en Larouco e Chandrexa de Queixa.

  12. 12

    Fervenza da Cidadela

    O sur da provincia de Ourense sufriu tamén o impacto do lume. O 12 de agoto declarouse un incendio entre Oímbra e Xinzo de Limia que acabou por queimar 17.000 hectáreas e outro máis na Mezquita que arrasou unhas 10.000. Espazos como a Fervenza da Cidadela, na imaxe, non tiveron lonxe as lapas.