O Parque da Baixa Limia-Xurés rexistrou máis de 180 incendios nos últimos dez anos, e tamén era espazo protexido pola Rede Natura boa parte do maior incendio do que hai datos precisos, o do Courel de 2022
Coa proximidade do verán e a tempada alta de incendios a Xunta vén de aprobar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) correspondente a este ano, no que ademais de establecer os dispositivos de prevención e extinción para 2024 faise un balance de anos anteriores. Entre outras cuestións, o documento reflicte que na última década, no período entre 2014 e 2023, arderon unhas 70.000 hectáreas de espazos de especial valora natural, protexidos baixo as figuras dos parques naturais ou da Rede Natura 2000.
No caso dos parques naturais, as máis de 12.000 hectáreas queimadas supuxeron o 25% da superficie total protexida en Galicia con esa figura, mentres que na Rede Natura 2000, que a UE vén pedindo reiteradamente que sexa ampliada, as preto de 58.000 hectáreas ardidas superan o 12% da superficie total.
O documento sinala que o parque natural máis castigado vén sendo o da Baixa Limia-Serra do Xurés, con máis de 180 incendios na última década. Alí rexistráronse tamén boa parte dos grandes incendios forestais, os que superan as 500 hectáreas, que veñen afectando de xeito reiterado tamén na mesma provincia ao Macizo Central ourensán, que forma parte da Rede Natura como Zona de Especial Conservación (ZEC).
Nese tipo de espazos, tamén o Courel rexistrou danos significativos principalmente co maior incendio do que hai datos precisos en Galicia, o do verán de 2022.
O pasado ano foi o cuarto con menos superficie queimada da última década
O Pladiga tamén permite coñecer agora a cifra de hectáreas queimadas no pasado exercicio, xa que durante o ano a Xunta restrinxe a súa información aos incendios que superan as 20 hectáreas, os que afectan a espazos protexidos ou os que poden afectar á poboación. Así, agora sábese que en 2023 queimáronse 6.750 hectáreas en 908 incendios, o 1,87% deles de máis de 25 hectáreas. A cifra e notablemente inferior ás máis de 51.000 hectáreas queimadas no ano anterior e sitúan 2023 como o cuarto mellor ano da última década.
Medios para este ano
O dispositivo de loita contra o lume deste ano, no que xa arderon cando menos 630 hectáreas, incorpora máis cámaras de vixilancia nos montes e unhas mil persoas que antes só traballaban seis meses ao ano pasarán a facelo sete meses
Canto aos medios do Pladiga para este 2024, o dispositivo contempla como principal novidade salientada pola Xunta o incremento das cámaras de vixilancia nos montes, con 24 máis en 12 novos emprazamentos ata acadar un total de 177 cámaras en 88 puntos. Segundo a Xunta, isto permitirá cubrir "o 85% do territorio en risco de incendio", especialmente as parroquias consideradas con alta actividade incendiaria.
Canto ao persoal, o operativo será semellante en número aos de anos anteriores, con máis de 7.000 persoas entre Estado, Xunta e concellos. Nese eido, a principal novidade será que o persoal da Xunta que ata agora só traballaba seis meses ao ano, unhas mil persoas, pasará a facelo sete meses, nun incremento progresivo que levará a oito meses en 2025 e nove meses en 2026.
No eido dos medios materiais, a Xunta disporá como en anos anteriores cunha trintena de medios aéreos e preto de 380 motobombas en terra. Tamén entra en funcionamento este ano unha nova base de medios aéreos en Verín-Oímbra e 44 novos puntos de auga que se suman aos 4.843 xa existentes.
De momento no que vai de ano e ata o 31 de maio a Xunta xa comunicou incendios con arredor de 630 hectáreas queimadas, o maior deles declarado o 15 de abril en Crecente con 170 hectáreas.