O Goberno galego defende a "posta en valor" dos espazos "existentes" e obvia a súa extensión, que mantén paralizada desde 2011 malia apercibimentos da Comisión Europea e a petición aprobada hai tres anos polo Parlamento de Galicia
O 21 de maio é o Día Europeo da Rede Natura 2000, o sistema de espazos protexidos cos que a UE pretende preservar as especies e valores naturais máis representativos de cada zona xeográfica do continente. En Galicia esta rede permanece inalterada desde hai anos, logo de que en 2011 a Xunta paralizase unha proposta de ampliación e malia que a Comisión Europea vén advertindo de que debe estenderse e así o reclamou mesmo o PPdeG no Parlamento hai agora tres anos.
Esa mesma reclamación de ampliación da Rede Natura 2000 volvérona formular este martes unha trintena de entidades ecoloxistas de Galicia. Porén, a Xunta limítase a gabar a súa "posta en valor" dos espazos "existentes" sen ningunha referencia á súa ampliación.
A Rede Natura 2000 abarca o 12% do territorio galego, fronte ao 27% no conxunto do Estado. No mar, espazo da súa competencia, o Goberno de España vén de estender este tipo de zonas protexidas a todo o litoral galego. Pero en terra a Rede Natura está estancada desde 2011.
Naquel ano a Xunta presentou unha proposta de ampliación da superficie, pero nunca a chegou a aprobar, e despois aprobou en 2014 un Plan Director da Rede Natura existente que, como ocorreu con documentos similares doutras comunidades autónomas, a Comisión Europea considerou insuficiente para protexer correctamente a biodiversidade, o que ten aberto un procedemento de infracción contra España. A UE considera que nin os espazos delimitados son suficientes para protexer as especies que o merecen nin os mecanismos de protección de cada espazo son os adecuados.
Unha trintena de colectivos ecoloxistas asinan un manifesto que reclama pasar do 12% ao 36% do territorio galego protexido baixo a Rede Natura 2000
Este martes chegou unha nova reclamación de ampliación a través dun manifesto asinado por unha trintena de colectivos ecoloxistas galegos pero que está aberto aínda a novas adhesións. O documento salienta que a Rede Natura "é imprescindible para que a biodiversidade europea teña unha oportunidade de futuro" e reclama ampliala en Galicia "de maneira urxente, de forma que, como mínimo, se triplique a superficie protexida antes do ano 2030", o que suporía pasar do actual 12% ao 36% do territorio galego, "porcentaxe que xa permitiría asegurar a conectividade de hábitats e especies de conservación prioritaria".
Pero o manifesto non só reclama máis espazos protexidos senón tamén, en liña coa Comisión Europea, "un correcto manexo dos espazos" con "plans de xestión e unha vixilancia efectiva destas áreas protexidas". Para iso, as entidades esixen "que se aumente o número de efectivos encomendados a labores de xestión, vixilancia e sanción" e se supervisen esas zonas "todos os días do ano, incluíndo as situadas no mar".
Hai agora tres anos, en maio de 2021, o PPdeG votou no Parlamento a favor de ampliar a Rede Natura 2000, pero nos últimos meses altos cargos da Xunta mesmo veñen criticando esa figura de protección como lesiva para agricultores e gandeiros
En maio de 2021, o PPdeG, ante unha das reiteradas peticións de BNG e PSdeG para que se amplíe a Rede Natura, acabou votando a favor na Cámara galega. “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”, dicía aquela proposición non de lei.
Tres anos despois, a Xunta aínda non atendeu o que lle pediu mesmo o PPdeG. Mentres, altos cargos do Goberno galego veñen criticando as restricións ambientais impostas pola UE na Rede Natura como lesivas para agricultores e gandeiros.
Fronte a esta situación, a celebración por parte da Xunta do Día Europeo da Rede Natura 2000 consistiu nunha visita da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, ás Fervenzas do río Fírveda, no concello de Porqueira, para salientar os "traballos de mellora e sinalización cos que reforzar o uso recreativo desta zona". O comunicado emitido polo Goberno galego sobre ese acto salienta que "a Xunta segue apostando pola posta en valor dos espazos Rede Natura 2000 existentes en Galicia", sen mencionar nada da súa ampliación. O texto fai fincapé nas axudas da Xunta a outras entidades para que sexan estas quen realicen actuacións en espazos protexidos.