Cando 'limpar' o monte destrúe o ecosistema das matogueiras e favorece os incendios

Antes e despois do desbroce de matogueiras © MEL

Hai uns días coñecemos que a Xunta vén de sacar a concurso a realización dun estudo sobre o estado de conservación dos queirogais e matogueiras de Galicia, “hábitats exclusivos de especies de flora e fauna”. O estudo chegará case dúas décadas despois de que en 2004 a UE considerase que os espazos designados como Rede Natura 2000 non protexían o suficiente especies ou tipos de hábitats como os queirogais húmidos atlánticos de zonas de zonas temperadas e case unha década despois de que en 2014 o Plan Director da Rede Natura 2000 aprobado pola Xunta establecese a necesidade de “mellorar e completar o inventario dos queirogais húmidos”.

Os espazos de mato, lonxe de estar protexidos, veñen sufrindo a acción incontrolada de desbroces

A realidade é que os espazos de mato, lonxe de estar protexidos, veñen sufrindo a acción incontrolada de desbroces, co obxectivo teórico de previr os efectos dos incendios forestais, pero que na práctica axudan pouco neste labor de prevención e si provocan un gran prexuízo medioambiental. Un monte con matogueiras non é un monte 'sucio' que é necesario 'limpar' a través de rozas, senón un monte vivo cun gran valor ambiental e que, por este motivo, resiste mellor a acción do lume. 

Así o veñen denunciando dende hai anos entidades ambientalistas, coma o Movemento Ecoloxista da Limia e tamén grupos de apicultores, como a Asociación Galega de Apicultura. Unhas actuacións, ademais, financiadas con cartos públicos que favorecen as cortas excesivas e innecesarias. 

Efecto do desbroce nas zonas altas da Limia © MEL

As cortas buscan, en teoría, evitar futuros incendios forestais, pero na práctica provocan o efecto contrario, pois"as rozas feitas en primavera deixan unha gran cantidade de biomasa seca moi combustible logo no verán, capaz de transmitir o lume a gran velocidade"

O Movemento Ecoloxista da Limia destaca a situación que se vén repetindo dende hai anos nesa comarca, especialmente nas terras altas de Rairiz de Veiga, Xunqueira de Ambía, Calvos de Randín ou Bande. Alí, segundo relata Manuel García, entre os meses de abril e xuño, lévanse a cabo rozas intensivas en amplas extensións de mato de gran valor ecolóxico, "matogueiras climácidas ben conservadas de pouco máis de medio metro de altura", espazos "xa tipificados e recollidos na directiva Hábitat como prioritarios".

As cortas buscan, en teoría, evitar futuros incendios forestais, pero na práctica non acadan este obxectivo senón exactamente o contrario, pois mentres que non resulta difícil extinguir o lume nestes matos en caso de incendio, "as rozas feitas en primavera deixan unha gran cantidade de biomasa seca moi combustible logo no verán, capaz de transmitir o lume a gran velocidade".

As matogueiras son imprescindibles, para a produción de mel. "A súa biodiversidade proporciona floracións escalonadas que permiten as abellas producir un mel de excelente calidade", destaca a AGA

O efecto é moi negativo a nivel ambiental e paisaxístico, pois o mato acolle unha importante biodiversidade (constitúen o hábitat de numerosas especies de aves, de reptís, mamíferos e sobre todo de insectos) que se ve seriamente ameazada con estes desbroces. De igual xeito, as matogueiras axudan a recargar os acuíferos naturais, retendo a auga da chuvia e axudando a infiltrala na terra. Así mesmo, o mato é fundamental para protexer o monte dos procesos erosivos e contribúe á fixación do nitróxeno e o carbono atmosférico, axudando a frear o Cambio Climático.

As matogueiras son imprescindibles, finalmente, para a produción de mel. Por este motivo tamén a Asociación Galega de Apicultura (AGA) vén denunciando dende hai anos a destrución do mato. "A súa biodiversidade proporciona floracións escalonadas que permiten as abellas producir un mel de excelente calidade", destaca a AGA, que alerta dos prexuízos para un sector que leva tempo sufrindo numerosos golpes, pero que mantén unha grande importancia económica e ambiental, con ao redor de catro mil persoas produtoras, máis de 200 mil colmeas e unha produción total anual de máis de dous millóns de quilos de mel. 

O mato acolle unha importante biodiversidade, ameazada polos desbroces © MEL

Os criticados desbroces están a levarse a cabo, ademais, debido ao importante financiamento público que reciben, 450 euros por hectárea desbrozada, máis do dobre do custo real, denuncia o MEL

Os criticados desbroces están a levarse a cabo, ademais, debido ao importante financiamento público que reciben, 450 euros por hectárea desbrozada, máis do dobre do custo real, denuncia o MEL, un gran negocio para as empresas que os realizan e que, polo tanto, procuran sobre todo incrementar a extensión das cortas, e que chega a custo cero para os propietarios dos terreos, persoas a nivel individual ou comunidades de montes. "Hai actuacións para loitar contra o lume moito máis eficaces que esta, que ademais é contraproducente", indica Manuel García, do MEL.

"Aínda que non estean dentro da Rede Natura, é obrigada a súa protección, e para elo sería necesario canto antes unha catalogación dos poucos montes que conservan este tipo de formacións vexetais tan valiosas dende todos os puntos de vista", di.

"Este tipo de daniñas accións son subvencionadas ao cen por cen pola Consellaría de Medio Rural sen que a Consellaría de Medio Ambiente sexa tan sequera informada", di García

"Este tipo de daniñas accións son subvencionadas ao cen por cen pola Consellaría de Medio Rural sen que a Consellaría de Medio Ambiente sexa tan sequera informada", di García, que sinala que se trata dun "negocio redondo para as empresas forestais, pois non precisan ningún tipo de requisito, como por exemplo un estudo impacto ambiental".

"Alegrámonos moitisimo de que por fin a Consellaría de Medio Ambiente tome cartas no asunto", conclúe Manuel García. Porén, engade que "non fai falla que encarguen un carisimo estudo a unha empresa privada para saber onde están as matogueiras ben conservadas, basta con que lle pregunten aos apicultores, ecoloxistas ou mesmo ao Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), no que traballan auténticos expertos e estudosos das matogueiras".

Matogueira nas zonas altas da Limia © MEL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.