As confrarías alertan dos efectos cando chegue ao mar da cinza dos montes que arderon en toda a beira sur da ría de Vigo, de Redondela a Baiona
Este luns a organización ecoloxista SEO/BirdLife alertaba de que os incendios afectaran xa en todo o noroeste peninsular a 13 espazos naturais protexidos pola Rede Natura 2000, catro deles en Galicia, os de Ancares-Courel, Baixa Limia-Serra do Xurés, Macizo Central ourensán e Pena Veidosa. E este mércores Greenpeace pedía medidas urxentes para evitar a contaminación dos cursos de auga tras o lume. A Xunta xa non ofrece información sobre o impacto do lume en espazos protexidos, pero a través de diversas fontes locais ou da información facilitada pola Xunta das parroquias nas que hai incendios, entre elas varias cuxo territorio está incluído en boa parte en espazos da Rede Natura ou dos seus ámbitos de protección exterior, pódese concluír que o lume afectou de xeito directo como mínimo a media ducia deles, pero a cifra podería ser moi superior e ameaza con afectar tamén de xeito inminente a varios ríos con esa mesma figura de protección.
No Xurés a Xunta deixou de dar cifras cando o lume xa afectaba 800 hectáreas do parque natural
A Xunta deixou o pasado sábado de dar información das hectáreas queimadas en cada incendio (este mércores ofreceu unha primeira estimación global dunhas 35.500 só nos últimos días, unhas 48.000 no que vai de ano, fronte ás 96.000 de 2006) e de se algunha delas se atopaba en espazos protexidos. No Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, a primeira zona protexida na que hai máis de dez días comezaron os incendios desta vaga, a Xunta deixou de ofrecer datos de extensión dos mesmos cando a superficie afectada do parque superaba as 800 hectáreas só na parroquia de Río Caldo, en Lobios. Porén, nos seguintes partes distribuídos polo Goberno galego recolleuse tamén outro incendio na parroquia de Araúxo do mesmo concello.
O espazo protexido de Pena Veidosa, no que SEO/BirdLife detectou xa lume, está situado entre os concellos ourensáns de Piñor, San Cristovo de Cea e Vilamarín, e o lucense de Carballedo, todos eles con incendios, segundo os datos da Xunta.
En Ancares-Courel preocupa que se rachen corredores naturais de desprazamento do oso
Nos Ancares-Courel, os incendios preocupan a diversas asociacións ecoloxistas polo seu efecto sobre o oso, que comezaba a recuperarse nesa zona grazas á entrada de exemplares desde Asturias ou León. O gran incendio que afectou o espazo protexido de Muniellos, no extremo suroccidental de Asturias, e os que se produciron en tres parroquias distintas do Concello de Cervantes lindeiras con Asturias e León ameazan con crear unha barreira sen vexetación pola que poida desprazarse o oso.
Varios ríos protexidos pola Rede Natura, como o Sil, o Miño, o Tea, o Támega ou o Cabe, rexistraron incendios importantes nas súas concas
No Macizo Central ourensán os incendios desta vaga engádense aos que de xeito recorrente se producen nesa zona todos os outonos. A Xunta tamén informou de incendios en varias parroquias de Montederramo lindeiras co Bidueiral de Montederramo, outra zona protexida que fontes locais tamén dan como afectada. E varios incendios en diversas parroquias da Ribeira Sacra afectaron ao espazo protexido Canóns do Sil ou farano cando as cinzas dos lumes cheguen aos río. Situación esta que se repite tamén no Baixo Miño, con incendios nas súas dúas beiras, a portuguesa e a Galega, en especial na zona das Neves e Monçao, municipios galego e portugués arrasados polas lapas. Tamén se rexistraron incendios nas concas protexidas pola Rede Natura do río Tea en Ponteareas, do Támega en Verín ou do Cabe en Monforte, nunha lista de espazos protexidos por forza incompleta ata que se delimite a superficie de todos os incendios.
Ese problema, o efecto das cinzas nos ríos e, posteriormente, no mar, xa está a ser advertido por confrarías da ría de Vigo. Alí, o gran incendio que se iniciou en Ponteareas e se estendeu cara Redondela e Pazos de Borbén queimou a maioría dos montes do sur e do leste da enseada de San Simón, no fondo da ría, importante banco marisqueiro e tamén protexida pola Rede Natura. E os incendios que afectaron a Vigo, Nigrán, Gondomar e Baiona sitúanse en montes cuxas augas van desembocar en toda a beira sur da ría de Vigo e a baía de Baiona, na que está outra zona de Rede Natura, a Foz do Miñor.