A Xunta prescinde da colaboración directa con Adega para o voluntariado ambiental e reivindica o seu operativo cos 'pellets'

Limpeza de 'pellets' nunha praia galega por parte de voluntariado coordinado e formado pola organización ecoloxista Adega CC-BY-SA Adega

Adega "confirma a negativa" da Xunta para "outorgar soporte ao voluntariado ambiental" para a limpeza de 'pellets' e outro lixo mariño das praias que están a levar a cabo e, por outra banda, critica a "non renovación" do convenio que sustenta o Proxecto Ríos, "a iniciativa galega de formación e divulgación ambiental con maior traxectoria"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de informar sobre que a Xunta "confirma a negativa" para "outorgar soporte ao voluntariado ambiental" para a limpeza de 'pellets' e outro lixo mariño das praias que están a levar a cabo desde hai dúas semanas. Este martes, ademais, a organización ecoloxista manifestou que o Goberno galego "retira" o seu apoio ao programa de educación ambiental Proxecto Ríos, que este ano celebraría a súa vixésima edición. 

Para poder abordar "con suficientes garantías" a xestión, coordinación e formación das preto de dúas mil persoas que se ofrecían voluntarias para limpar as praias do granulado de plástico procedente do buque de mercadorías Toconao, Adega solicitou axuda á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o día 15 de xaneiro, cando aseguran que se comprometeu "a procurar unha fórmula de colaboración".

'Pellets' na praia de Area Maior en Louro (Muros) CC-BY-SA Praza.gal

No seu relato dos feitos, desde Adega explican que dous días despois do seu encontro coa conselleira, esta "comunicaba en rolda de prensa que a Xunta xa tiña en activo nos areais galegos uns '60 formadores de voluntarios', alén de atribuírlle á súa administración o mérito de ter recollido desde o día 10 de xaneiro o equivalente a 99 sacos de 'pellets". E que, ademais, a reunión prevista coa Dirección Xeral de Voluntariado para o pasado xoves resultou anulada o día anterior. 

"A Xunta do PP pon en risco a saúde do voluntariado galego, ocúltalle información e négalle formación", denuncian desde Adega

"A Xunta do PP pon en risco a saúde do voluntariado galego, ocúltalle información, négalle formación e, por riba, utilízao para beneficiar economicamente ás empresas amigas, lavar a súa imaxe, e engordar o balanzo diario de 'pellets' e lixo recollidos no litoral. A desvergoña da Xunta é de tal calibre que ata chega a plaxiar o protocolo de limpeza de praias difundido previamente polas entidades ecoloxistas, nun intento de ocultamento da súa incompetencia", salientan desde Adega.

Pola súa banda, o Goberno galego apunta que esas 60 persoas "son informadores, non formadores de voluntariado nin tampouco voluntarios". Trátase –segundo detalla a Consellería de Política Social a Praza.gal– de persoal que "ten como principal función achegar información do documento de recomendacións para entidades e persoas voluntarias, aprobado polo Camgal o 10 de xaneiro".

Unha comunidade con máis de 6.000 voluntarios

En canto ao Proxecto Ríos, a organización ecoloxista defende que "nos últimos vinte anos mobilizou a milleiros de persoas no estudo, conservación e defensa dos nosos ríos, a través de corenta cursos de formación e mil saídas formativas con diversas entidades, ademais doutras actividades divulgativas e de recollida de residuos como a campaña Móllate polos Ríos, na que cada ano dende hai xa dezaseis participan unha media mil persoas". 

Detalle dos orzamentos 2024 de Augas de Galicia coa convocatoria de axudas para educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos CC-BY-SA Praza.gal

Adega traslada que o seu presidente, Roi Cuba, confirmou a semana pasada coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que a Xunta non renovará o convenio de colaboración relativo a este programa de voluntariado e educación ambiental para fomentar entre a mocidade o coñecemento e o coidado dos recursos fluviais de Galicia para este 2024. 

A Xunta argumenta que informou en setembro da súa vontade "de pasar dunha axuda nominativa a unha convocatoria aberta, en réxime de concorrencia competitiva"

Desde a Consellería de Infraestruturas, á que pertence a entidade pública, explican que o Goberno galego "vén financiando cunha achega anual de 50.000 euros" o Proxecto Ríos e "ten a vontade de seguilo facendo nos vindeiros anos", pero que xa comunicou en setembro a Adega a súa vontade "de pasar dunha axuda nominativa a unha convocatoria aberta, en réxime de concorrencia competitiva, a todas as entidades ambientais que traballan neste ámbito". 

Neste punto, Infraestruturas incide en que "co fin de incrementar o apoio a este tipo de iniciativas de voluntariado e educación ambiental, garantir a concorrencia dos distintos colectivos interesados e en aras de garantir unha maior transparencia, Augas de Galicia adoptou a decisión de incrementar a achega para o impulso da educación ambiental: pasando de dedicar os 50.000 euros anuais que viña destinando nos últimos anos, a destinar 200.000 euros neste 2024". 

Manifestación baixo o lema 'En defensa do noso mar' en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

Os orzamentos de Augas de Galicia para este ano xa recollen a "convocatoria dunha liña de axudas a asociacións por importe de 200.000 euros para o desenvolvemento dun programa de educación para a sustentabilidade dos ríos". 

O Proxecto Ríos creou unha comunidade de máis de 6.000 voluntarios e voluntarias, con centos de centros de ensino e ducias de asociacións ambientalistas, culturais e veciñais colaboradoras

A asociación ecoloxista defende que o Proxecto Ríos foi pioneiro no país e ten creado unha comunidade de máis de 6.000 voluntarios e voluntarias, con centos de centros de ensino e ducias de asociacións ambientalistas, culturais e veciñais colaboradoras; sendo "a iniciativa galega de formación e divulgación ambiental con maior traxectoria e influencia na concienciación e sensibilización da nosa cidadanía en materia de custodia fluvial". 

Para Adega, o feito de que a Xunta poña "en risco" a continuidade deste programa de educación ambiental –para o que aseguran que buscarán financiamento noutras administracións– pode obedecer a un "castigo" polas súas manifestacións públicas. 

"Os últimos acontecementos xunto coas precedentes negativas de recibir a Adega por parte do conselleiro de Cultura e Educación, da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e da directora xeral de Voluntariado, fan pensar que a Xunta de Rueda está a tomar represalias contra Adega por ser crítica coa xestión do Goberno galego en áreas políticas de especial impacto ambiental, como pode ser a enerxética ou a forestal", argumentan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.