Pontón promete á mocidade conseguir "un país para a xente nova"

Ana Pontón, no encontro coa mocidade en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

O BNG quixo destacar o peso da mocidade nas súas candidaturas municipais nun acto que congregou na sala Malatesta en Santiago a máis de 200 mozos e mozas que participan nas listas electorais do 28M,  ás que a portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou dúas mensaxes: a xuventude será parte esencial do cambio galego e o seu compromiso de construír unha nova Galiza na que a xente moza teña futuro.

"Tendes o meu absoluto compromiso e o do BNG de que imos facer todo o posible para que Galiza sexa un País para os mozos e as mozas"

“Quero dicirvos que tendes o meu absoluto compromiso e o do BNG de que imos facer todo o posible para que Galiza sexa un País para os mozos e as mozas, no que poidades desenvolver os vosos proxectos de vida e ter oportunidades”, destacou, “unha nova Galiza na que teñades presente e futuro, na que as maletas se collan para viaxar, non para emigrar, porque só queremos que emigredes por amor, non para escapar da precariedade ou do paro”, proclamou a líder do BNG.

Ana Pontón, no encontro coa mocidade en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Para construír esa Galicia de futuro para a mocidade, dico, o Bloque aposta por darlle a xente nova un papel "protagonista" nas candidaturas, “centos e centos de mozas e mozas enchendo as candidaturas nos concellos porque a vosa forza,  talento, razón e corazón será un motor de cambio esencial para construír esa nova Galiza que queremos e merecemos”, subliñou na súa intervención, nun acto informal e festivo.

Pontón destacou que estamos ante unha mocidade que medrou entre crises, que sofre traballos precarios, baixos salarios e alugueiros polas nubes, unha combinación que impide a emancipación e retrasa proxectos vitais. “Por se fora pouco, Galiza ten unha ferida aberta: a dos 200.000 mozos e mozas que están fora porque aquí non atoparon unha oportunidade pese a ser a xeración máis formada da historia”, lamentou.

Malia este contexto, a líder do Bloque ve unha mocidade  “que non se resigna senón que pelexa polo seu futuro”, convencida que será clave no cambio galego.

“Por iso é tan importante a vosa participación nas candidaturas do 28M, a vosa implicación e compromiso para ser motores activos do cambio que representa o BNG para poñer en marcha unha nova Galiza, concello a concello, con futuro para a xuventude”, recalcou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.