Pontón ve no BNG "o entusiasmo, a vitalidade e o optimismo" que precisa Galicia e augura un resultado "histórico" o 28M

Ana Pontón durante a súa intervención CC-BY-SA BNG

"O BNG está aquí para construír unha nova Galiza que xa estamos vendo que emerxe nos concellos onde temos a responsabilidade de gobernar", asegurou a portavoz nacional do Bloque nun encontro con candidatos e candidatas

"Imos ter un resultado histórico porque temos os mellores candidatos e candidatas", salientou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun encontro con representantes da formación nacionalista nas candidaturas das principais vilas e cidades galegas que tivo lugar na mañá deste sábado en Santiago de Compostela. Pontón incidiu en que o Bloque "confía no enorme potencial deste país e da súa xente", mentres que "os xefes de filas de PP e PSOE chegan agora de xira electoral, a facer mitins, que é basicamente cando se acordan deste país".

"Cada vez son máis os galegos e galegas que ven en nós a alternativa para derrotar ao Partido Popular na Xunta e construír unha Galiza forte. E imos facelo concello a concello, vila a vila, cidade a cidade, porque hoxe o BNG representa o entusiasmo, a vitalidade e o optimismo que tanto necesitan Galiza e a sociedade galega", aseverou Pontón. 

Encontro de candidatas e candidatos do BNG para as eleccións municipais do 28M CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG afirmou que a formación nacionalista está "no mellor momento da súa historia" e representa "o futuro" fronte a un PP "esgotado e sen ideas". "O BNG está aquí para construír unha nova Galiza que xa estamos vendo que emerxe nos concellos onde temos a responsabilidade de gobernar", dixo nun encontro inteparlamentar no que participaron o candidato á reelección en Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, Goretti Sanmartín (Santiago), Francisco Jorquera (A Coruña), Xabier Pérez Igrexas (Vigo), Rubén Arroxo (Lugo), Luis Seara (Ourense) e Iván Rivas (Ferrol). 

"Estou absolutamente convencida de que estas eleccións van ser un gran salto adiante para o BNG", destacou Ana Pontón

"Estou absolutamente convencida de que estas eleccións van ser un gran salto adiante para o BNG e que imos multiplicar a nosa representación con máis alcaldes e máis alcaldesas, porque a vida municipal tamén necesita de maior participación das mulleres e máis liderados", manifestou Pontón tras describir a "ilusión" crecente que observa no seu percorrido polo país para acompañar aos candidatos e candidatas nacionalistas.

"Cantos concellos que estaban en decadencia pasaron a ser un referente da man dun goberno do BNG?", preguntouse a líder da formación na súa intervención, na que certificou que os concellos gobernados polo Bloque "iniciaron un camiño de futuro" e, nese "avance", suman "cada vez a máis amplas capas da sociedade". Por iso, destacou que as claves do seu "modelo de éxito" no municipalismo son "a confianza no país, o proxecto de vangarda, a eficacia na xestión e a democracia".  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.