Pontón presenta o BNG como a formación coas “solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade”

Intervención de Pontón no Consello Nacional do BNG deste sábado CC-BY-SA BNG

A portavoz nacionalista lembra que as eleccións municipais son o inicio dun ciclo político con catro comicios nun ano que rematarán coas galegas como moi tarde en xullo de 2024

O BNG celebrou este sábado un Consello Nacional centrado na preparación das eleccións municipais do 28 de maio no que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou que a formación “representa o entusiasmo, a vitalidade, e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”. “Somos capaces de poñer en marcha as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade e os concellos onde gobernamos son o mellor exemplo de como construír vilas e cidades con futuro” salientou.

Pontón durante a súa intervención no Consello Nacional do BNG este sábado CC-BY-SA BNG

“Cando temos que pensar en concellos galegos que son referentes aquí e fóra en quen pensamos? Nos concellos do  PP? Do PSOE? Non”, dixo Pontón, para citar  Allariz, Pontevedra, Carballo ou Ribadeo como concellos gobernados polo BNG que son “exemplo de que unha nova Galiza se vai facendo realidade desde abaixo, concello a concello”. 

Pontón tamén destacou que estamos ante uns comicios que decidirán os gobernos dos concellos galegos pero que tamén supoñen o inicio “dun ciclo decisivo para o futuro do noso país” con catro procesos electorais consecutivos nun ano: eleccións municipais, xerais, europeas e galegas, estas últimas a celebrar como moi tarde en xullo de 2024. Por iso, dixo, estamos nun momento político que supón “unha grande oportunidade para o BNG e dende o BNG non nos poñemos límites porque iso é o que no pide este momento histórico e o que nos demanda Galiza”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.