O BNG presenta a campaña para as municipais cos seus gobernos como mostra de que é posible "unha nova Galiza"

Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria e responsable de comunicación da Executiva do BNG, presentando a imaxe da campaña da formación para as municipais CC-BY-NC-SA BNG

Concellos con "máis por vir" e concellos que "merecen máis". Son as dúas ideas forzas coas que o BNG se presentará ante o electorado cara ás eleccións municipais do 28 de maio nos municipios onde xa gobernan, no primeiro caso, e onde aspiran a gobernar ou aumentar representación, no segundo.

A responsable de comunicación da Executiva Nacional da formación soberanista, Olalla Rodil, presentou este 10 de marzo a liña gráfica e lemas dunha campaña na que o Bloque se apoia, en boa medida, nas localidades onde xa goberna. Non por casualidade, unha das mostras elixidas para amosar o deseño dos carteis é o protagonizado por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra dende 1999 e aspirante á reelección neste 2023.

Ana Pontón, este xoves no acto de presentación da candidatura do BNG na Coruña, con Francisco Jorquera á fronte CC-BY-NC-SA BNG

Eses concellos onde xa gobernan son presentados polo BNG como mostra de que "unha nova Galiza" é posible. Porque son gobernos, defende Rodil, "referencia na mellora da calidade de vida, na dinamización económica e social, no crecemento da autoestima da veciñanza polo seu concellos". Iso é o que sucede en Pontevedra, exemplifica, pero tamén en vilas como Carballo ou Allariz.

"O mellor escaparate das políticas que representa o nacionalismo galego está na marca dos concellos BNG", defende Olalla Rodil, quen sinala que a liña gráfica da campaña prevé amosar que eses municipios son "referencia" en "calidade de vida" e "dinamización económica e social"

"O mellor escaparate das políticas que representa o nacionalismo galego está na marca dos concellos BNG", acrecenta a tamén vicevoceira parlamentaria do Bloque, quen non oculta que a carreira cara ás urnas municipais é tamén en certo xeito un primeiro paso cara ás próximas eleccións ao Parlamento. Así, ata a propia convocatoria electoral, en abril, o lema que acompañará os candidatos e candidatas do BNG na precampaña será Unha nova Galiza, concello a concello.

Cando os comicios estean formalmente convocados -mes e medio antes da cita coas urnas- entrarán en xogo os lemas electorais nos que, onde xa gobernan, "trasladarase a idea clara de continuidade do proxecto, que é o que garante máis porvir para o concello". E onde exercen actualmente a oposición, di, tratarán de "poñer en valor o potencial e a capacidade de concellos que a día de hoxe está sendo desaproveitada ou desatendida, pero merecen máis". Para exemplificalo, Rodil amosou o cartel que empregarán en Santiago, con Goretti Sanmartín como candidata á alcaldía por segunda vez.

Ana Pontón, este 9 de marzo en Lugo con Rubén Arroxo, actual tenente da Alcaldía e candidato do BNG, e outros membros da formación na cidade CC-BY-NC-SA BNG

Desde o punto de vista da imaxe e as gamas cromáticas, indican dende o Bloque, a súa vontade é tamén a "continuidade" a respecto das empregadas dende que Ana Pontón é portavoz nacional, á procura do "optimismo" e a "frescura". Esta imaxe estará moi presente no encontro nacional que preparan para o día 26 de marzo, onde prevén xuntar unhas 1.500 persoas entre membros das candidaturas e outros dirixentes, "un gran acto para dar comezo á intensa precampaña" cara a unhas eleccións nas que, reiteran, queren ser "a forza que máis sume e máis avance".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.