Pontón augura "sorpresa" do BNG nas municipais: "Imos ser a forza que máis suba e afianzar o cambio político"

Pontón, co candidato do BNG no Porriño, Pedro Pereira, e outros membros da formación, ante a casa consistorial da vila este 25 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

A escasos tres meses das eleccións municipais, a deste sábado é unha xornada de intensa actividade das principais forzas políticas tanto das súas cabezas de cartel de ámbito local como dos seus principais líderes. No caso do BNG, a súa portavoz nacional acompaña este 25 de febreiro os candidatos da formación ás alcaldías do Porriño e de Mondariz e faino cun prognóstico: o Bloque, di, vai ser a "sorpresa" o 28M en Galicia.

"Temos a convicción de que o BNG vai dar a sorpresa nas municipais, imos ser a forza que máis suba", afirma Ana Pontón. Augura unha "campanada" da organización soberanista porque "a política municipal de referencia en Galiza" é a súa, pero tamén porque, coida, os votos que reciban "afianzan o cambio político" no país.

Pontón, na presentación de David Santomil como candidato do BNG en Ames, este 24 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

O "importante" cara ao 28M "son as eleccións municipais, son clave e por iso estamos presentando proxectos sólidos en cada concello", sinala Pontón, a cuxo xuízo estes comicios non poden ser independentes da "responsabilidade que nos deron os galegos e galegas" nas últimas eleccións galegas, cando "depositaron en nós a súa confianza para sermos alternativa real ao PP. A líder soberanista reitera que aqueles comicios de 2020 "abriron un cambio de ciclo" que "é importante consolidar" agora.

Na presentación dos candidatos do Bloque no Porriño e Mondariz, Pontón reivindica o "modelo municipal" da formación como "referencia en Galiza e a nivel internacional" porque "mellora a vida da xente" con "apostas polas persoas, urbanismo sustentable e espazos públicos ao servizo da xente"

As municipais, coida, son un bo momento para facelo porque o modelo municipal do Bloque "transforma, mellora a vida da xente alí onde gobernamos" con "gobernos que apostan polas persoas, polos servizos públicos" e ao tempo, "polo urbanismo sustentábel", con "espazos públicos ao servizo da xente" e "xestión eficaz de cada euros". Non en van, di, o do BNG "é o modelo municipal de referencia en Galiza", pero "tamén a nivel internacional".

Con este pano de fondo, coida que ratificar esa suba electoral que agoira é un "reto importante para seguir avanzando e marcar un novo rumbo para Galiza". "Seguir fortalecendo o BNG" nas urnas, advirte, é tanto como reafirmalo como "alternativa real fronte a un PP instalado na rutina, sen impulso político, que practica a submisión aos intereses madrileños e quere unha sociedade galega resignada".

Eses prognósticos de Ana Pontón parten duns resultados, os de 2019, que supuxeron para os soberanistas o 12,87% dos votos e 456 edís. Daquela lograran ser primeira forza nunha vintena de concellos.

Pontón realizou estas consideracións xunto ao cabeza de cartel do Bloque no Porriño, Pedro Pereira, despois de que no serán do venres fixese o propio con David Santomil en Ames. A continuación, desprazouse a Mondariz para apoiar a reelección o do actual alcalde, Xosé Emilio Torres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.