Pontón presenta o BNG como “o ‘dream team’ da política municipal” e lanza a precampaña do 28M

Acto do BNG en Santiago este domingo CC-BY-SA BNG

A formación nacionalista presenta os seus candidatos nun gran acto en Santiago no que aposta por “construír unha Galiza mellor desde os concellos”

“Somos o ‘dream team’ da política municipal e o 28M saímos a gañar, con humildade pero coa máxima ambición”. Con estas verbas iniciou Ana Pontón este domingo en Santiago o seu discurso nun acto que os nacionalistas presentaron como “o gran punto de arranque da precampaña municipal do BNG”. Unhas eleccións nas que a formación, di a súa voceira nacional, ten como obxectivo “construír unha Galiza mellor desde os concellos”.

O acto, no Pazo de Congresos, baixo o lema “Unha nova Galiza, concello a concello”, contou coa participación de centos de candidatos e candidatas do BNG nas municipais do 28 de maio e coa intervención de quen aspira ás alcaldías das sete cidades: Francisco Jorquera (A Coruña); Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Iván Rivas (Ferrol) e Xabier Pérez Igrexas (Vigo).

Pontón durante a súa intervención no acto de Santiago este domingo 26 de marzo de 2023 CC-BY-SA BNG

Na súa intervención Pontón asegurou que “o BNG ten proxecto e representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega; porque representa as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade e porque os concellos onde gobernamos son o mellor exemplo de como construír vilas e cidades con futuro”. “Os gobernos BNG son exemplo de como transformar a realidade desde un concello, conseguindo metas case impensábeis e superando barreiras que parecían infranqueábeis; son exemplo de como facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural a un ritmo rápido e positivo; exemplo de como derrubar eses lugares comúns que limitaban o noso potencial e son exemplo do importante que é pensar en grande”, recalcou a nacionalista.

Pontón contrapuxo a visión "en grande" do BNG co "non se pode" da dereita "acomplexada" da esquerda "cegada por Madrid"

Nesa liña, a portavoz nacional contrapuxo esa visión “en grande” dos gobernos nacionalistas con outras forzas situadas ao seu ver no “non se pode, non hai nada que facer” que identificou cunha dereita “acomplexada” e cunha esquerda “cegada” por Madrid. “Os gobernos do BNG nunca puxeron límites aos seus soños e foron quen de facelos realidade”, subliñou, “por iso os concellos que lideramos construíron un modelo propio e xenuíno que hoxe é referente”.

Acto do BNG en Santiago este domingo CC-BY-SA BNG

O encontro deste domingo ven precedido dos actos de presentación de candidaturas nos principais concellos e cidades do país de cara a unhas municipais que os nacionalistas afrontan co obxectivo de obter “un resultado histórico e aumentar a representación con máis alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras”. Segundo a formación nacionalista, “os concellos liderados polo Bloque avanzan, teñen empuxe e dinamismo no económico, no social e no cultural, un aval excelente para pedir a confianza dos galegos e das galega na cita electoral do 28M”. Nesa liña, Pontón dise “convencida de que o modelo municipal que ofrece o BNG vai ter un gran respaldo nas urnas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.