Pontón pide unha conexión por tren "do século XXI" para Lugo e culpa a Xunta e Estado de "cortar o seu progreso"

Ana Pontón, na presentación do candidato á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo CC-BY-NC-SA BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este sábado en Lugo unha conexión ferroviaria “do século XXI” onde tamén se conecte a cidade co Corredor Atlántico de Mercadorías, durante un acto para reivindicar a mellora das infraestruturas de comunicación nesta localidade.

Pontón reivindica a necesidade de que Lugo conte cunha conexión ferroviaria "do século XXI"

A líder do Bloque, acompañada por Néstor Rego, deputado no Congreso, e por Rubén Arroxo, candidato nacionalista á alcaldía, dixo que o que se precisa é "poñer Lugo no mapa con infraestruturas que garantan a conectividade desta provincia e con ela máis oportunidades económicas e laborais e tamén mellores condicións de vida”. 

Pontón lembrou que a cidade aínda non conta “cun servizo ferroviario que se aproxime aos estándares esixibles no século XXI”, xa que a súa vía está aínda sen electrificar e é “a única cidade capital de provincia que non conta con conexión directa a Santiago de Compostela, a capital do país”, con liñas e frecuencias que "non responden ás necesidades da veciñanza que se despraza para traballar ou estudar".

Pontón, Rego ou Arroxo, no acto do BNG en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

A líder do BNG responsabilizou desta precaria situación ao goberno central e o Goberno do PP na Xunta, xa que “o que están facendo con Lugo é cortar o seu progreso quitándolle oportunidades, prexudicando á cidadanía e ao seu tecido económico e produtivo”, remarcou, fronte ao cal está un BNG que estima o tren “como medio de transporte do presente e do futuro,  aliado na loita contra o cambio climático e dunha mobilidade sustentable, tanto para persoas como para mercadorías”, polo que se fai fundamental, sinalou, a conexión de Lugo co Corredor Atlántico de Mercadorías.

Pontón non se esqueceu tampouco doutras vías de transporte como a A-6, “en mal estado desde hai anos e agora, despois do derrubamento do viaduto do Castro, sen poder usarse”. Unha estrutura pola que as galegas e galegos “levan nove meses agardando para a súa reconstrución, xa que se trata “dunha infraestrutura estratéxica para Lugo pero tamén para o conxunto de Galiza”, o que evidencia un goberno do PSOE “que non lle importa Galiza e un Goberno do PP incapaz de defender os intereses do País”, cualificou, unha factura que pagan, finalmente, “as empresas de Lugo e do conxunto de Galiza”.

Néstor Rego anuncia unha nova "ofensiva institucional" para mellorar as comunicacións en Lugo

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou unha nova "ofensiva institucional" na liña do “inxente traballo desenvolvido nestes anos en todas as institucións”. A destacar, as iniciativas presentadas no Congreso desde o inicio da lexislatura xa que as principais infraestruturas que conectan Lugo dependen da Administración do Estado. “Presentamos numerosas iniciativas e emendas para dotar con cantidades suficientes a execución destas vías de comunicación e sacar Lugo do illamento mais o Goberno de PSOE e UP non tivo a vontade para solucionar este problema” lembra Néstor Rego.

Rubén Arroxo, candidato polo BNG á alcaldía de Lugo, durante o acto CC-BY-NC-SA BNG

Por iso, na recta final da lexislatura, o BNG retomará o traballo para que as necesidades de Lugo non caian no esquecemento, con novas iniciativas que teñen por obxectivo “superar o déficit histórico que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias do que o máximo exemplo, polo desleixo dos sucesivos gobernos do Estado, é Lugo e a súa infracomunicación”.

Ademais, o candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, asegurou que, como futuro rexedor da cidade unha das primeiras cousas que fará “será convocar a todas as institución, Concello, Deputación, Xunta e o Estado nunha mesa de traballo diálogo para rehabilitar e rematar as infraestruturas que lle dan mobilidade a todas as veciñas e veciños de Lugo e tamén ás mercadorías para fixar empresas que faciliten emprego”, emprazou. 

Arroxo criticou que esta cidade “só teña autovía cara á Coruña e cara Ferrol". "De feito hoxe nin temos autovía cara Madrid, non temos autovías nin para Santiago de Compostela nin para Ourense”, o que converte esta cidade “na peor comunicada en materia ferroviaria en todo o país”, remarcou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.