David Reinero

Unha ducia de proxectos para a Cidade da Cultura

Hai agora 20 anos a Xunta lanzou o concurso de ideas para construír a Cidade da Cultura no que se valoraron propostas de once arquitectos de sona internacional. Gañou a de Peter Eisenmann, cuxos cambios desde aquela permiten falar dunha ducia de proxectos distintos para o monte Gaiás que repasamos coas verbas que lles dedica a web da Cidade da Cultura.

  1. 01

    Peter Eisenmann

    "O proxecto gañador de Peter Eisenmann reconcilia con grande intelixencia plástica e simbólica os requisitos contrapostos de respectar un contorno milagrosamente intacto e de subministrar unha imaxe insólita e sedutora. Dispoñendo os edificios como unha topografía artificial sobre a crista do monte, e escavando esta de maneira que o monte mesmo parece tallado, o arquitecto enterra o seu edificio sen enterralo realmente, e constrúe sobre a cima sen dar a impresión de ocupala".

  2. 02

    Annette Gigon / Mike Guyer

    "Catro edificios –orientados cada un deles cara a un dos catro puntos cardinais- definen o espazo do cumio do Monte Gaiás, unha praza enorme en termos urbanísticos, pero simplemente un extenso plano no contexto da paisaxe circundante. Os edificios marcan o espazo, en vez de delimitalo, os elementos que o definen están na topografía, a vista ao oeste cara á cidade e a vista ao leste cara á paisaxe, creada con xardíns e pequenos parques".

  3. 03

    César Portela

    "O proxecto da Ágora da Cultura de Galicia estrutúrase a partir dunha secuencia na que dous espazos nucleares situados aos extremos quedan vinculados mediante un percorrido lineal. E, como en calquera ágora, o templo, a stoa, o teatro ou o buleiterion, van tecendo un espazo fortemente ritualizado e, ao mesmo tempo, cheo de episodios que dan cumprida resposta ás múltiples situacións que a complexidade de toda a cidade esixe, á vez que abre ventás e balcóns en puntos críticos que reforzan a individualidade do lugar, a súa condición irrepetible e, en consecuencia, o seu valor sagrado".

  4. 04

    Daniel Libeskind

    "Vox Nueva propón unha configuración cos nove programas que xeran unha nova paisaxe. Mira cara a Santiago de Compostela e presenta a cidade cun conxunto flexible de espazos públicos e xardíns únicos. Pódese considerar a Vox Nova como a fusión de forma e espazo, onde a forma sostén os programas culturais específicos e os xardíns verticais xeran as entradas ás actividades públicas. Conséguese o xogo entre estes dous elementos por medio da mestura constante de relacións. Estas relacións concrétanse no rico matiz da arquitectura na que se fusiona a totalidade do programa coas infiltracións dos xardíns."

  5. 05

    Dominique Perrault

    "Perrault propón construír toda unha paisaxe, un bosque, un cotarelo… trátase de construír o Cerro da cultura. Todo o complexo nace en torno ao prisma da luz, que é un edificio provisto de certa flexibilidade para que sexa factible a súa rotación de usos. Preséntase un só edificio subterráneo, distribuído en distintos salóns, grandes espazos con distintos niveis, que acollen as diferentes funcións requiridas polo proxecto. Ao nivel do solo, sobrancea na cima do monte Gaias un largo prisma de vidro que permite difundir, reflectir e transmitir a luz que deixa pasar cara ao interior do edificio escavado no outeiro. Pretende así dirixir a luz ao centro da terra, utilizando este instrumento óptico."

  6. 06

    Jean Nouvel

    "Pegada impresa, indeleble, inscrita no chan. A pedra, o duro… hai para moito tempo, moítisimo tempo. Pegada en sentido lineal e dinámico, a xeito de estela, trazo. Un trazo de luz atravesa e perfora o relevo enigmático, misterioso. Símbolo dun porvir, dunha confrontación da luz e da materia, xeralmente a materia para a luz. Aquí a materia é perforada pola luz, é o lugar de encontro dos extremos, da masa e a evanescencia, do grosor e da fineza, da sombra e da luz, do invisible e do visible, da opacidade e da transparencia, do agochado e do amosado, da desaparición e da aparición."

  7. 07

    Juan Navarro

    "O solo onde se asenta está modelado en socalcos que se adaptan perfectamente ás terrazas naturais. No proxecto, as pezas dispóñense atravesando e arrodeando o territorio, fixando niveis, marcas horizontais que se estenden sobre todo o conxunto e que son indicadores do artificial como grandes unións na topografía. A súa forma xeral poligonal arrodea a lomba e a súa sección adáptase á inclinación das pendentes. Esta liña ráchase creando varios episodios que se entrelazan a zonas arborizadas. Esta fragmentación ten como obxectivo asegurar a boa escala e tamén facilitar a accesibilidade e comunicación das áreas de interior e exterior do anel que forman."

  8. 08

    Manuel Gallego

    "O conxunto de lugares de investigación capaces de provocar a interacción e intercambio de ideas, de difundir e recoller información co obxectivo de producir e ampliar o produto cultural, debería ser unha estrutura aberta capaz de posibilitar esta actividade, receptora e xeradora de fluxos de información, actividade que se debe concentrar de forma cambiante en distintas zonas do conxunto."

  9. 09

    Rem Koolhaas

    "As institucións culturais de Galicia concéntranse nun mesmo lugar, entre dúas estradas. O lugar escollido é o hábitat do Grande e do Sublime. Prevese a regularidade ou, cando menos, unha relación lineal entre as institucións –e entre elas e a natureza– para evitar calquera xerarquía entre as diferentes institucións. En termos programáticos, todas as institucións poden relacionarse coa natureza da mesma maneira, coa única excepción do elemento natural da auga que se recolle nun estanque."

  10. 10

    Ricardo Bofill

    "O proxecto da Cidade da Cultura de Galicia, o novo obradoiro de Galicia, defínese como unha praza-balcón sobre Santiago de Compostela, organizado segundo edificios distintos ao longo das rúas. Galicia, Sonimateca, Hemeroteca, Museo da Comunicación, Auditorio e Ópera son edificios separados, formalizados a través dun gran colector ecolóxico que é o Monte das Gaias. A estrutura harmónica do proxecto está baseada nunha espiral construída sobre o número de ouro, dous eixes perpendiculares e unha trama cadrada de crecemento logarítmico. Os usos principais, proxectados como tipoloxías desestruturadas, conforman novos tipos espaciais, posibles grazas a que cada un é independente e está apoiado no terreo."

  11. 11

    Steven Holl

    "A dinámica aberta da nova Cidade da Cultura exprésase en plans de fusión. As institucións trascenden en entidades autónomas, fusiónanse da mesma maneira en que evoluciona a cultura: a música coa poesía e a ópera, a literatura co cinema e a historia. A historia, o estado ou acción de unirse, xunta os diferentes programas do complexo en cristalizacións potenciais. É unha unión programática e dinámica con conexións flexibles que se superpoñen. Os cambios no programa fusiónanse coas torsións na planta e na sección."

  12. 12

    Estado actual

    O proxecto orixinal elixido de Peter Eisenmann sufriu todo tipo de cambios durante as dúas últimas décadas. Así foi evolucionando cada un dos seis edificios previstos no complexo ata a situación actual.