A programación cultural do Gaiás vén desenvolvéndose fundamentalmente cos cartos que en decembro de 2008 achegaron a Xunta e unha quincena de empresas, varias desaparecidas, que xa só dan para catro anos máis
O 29 de decembro de 2008, hai agora 15 anos, a Xunta e unha quincena de empresas privadas creaban a Fundación Gaiás cun capital de 23 millóns de euros, a metade públicos e a metade privados. O seu obxectivo era atraer patrocinios empresariais ás actividades culturais dun complexo cuxa construción recibiu máis de 350 millóns de euros públicos. Eran os millóns para o contido tras os millóns para o continente, e sen ter en conta os millóns do mantemento.
Tres lustros despois aquela Fundación Gaiás xa non existe e tamén desapareceron varios dos membros privados que achegaron cartos, pero o fondo económico creado daquela segue a supoñer unha achega fundamental para dotar de contido o programa cultural da Cidade da Cultura. Porén, ese fondo segue a baleirarse sen que nunca ingresase novos cartos e xa só quedan nel algo máis de 4 millóns de euros, polo que ao ritmo de gasto dos últimos exercicios rematarase en catro anos.
A Fundación Gaiás, da que formaron parte empresas hoxe desaparecidas como Barreras, Banco Gallego ou as caixas de aforros, foi disolta en 2015 e o que restaba do seu capital, o denominado Fondo Gaiás, foi transferido á Fundación Cidade da Cultura, a fundación pública integramente da Xunta que xestiona o complexo. Reduciuse así a opacidade coa que os primeiros gobernos de Feijóo xestionaron aqueles cartos destinados a patrocinar a actividade cultural do complexo. Porque aínda que o fondo foi creado polo anterior goberno de PSdeG e BNG, non sería ata a apertura dos dous primeiros edificios do complexo, en 2011, que se comezaron a empregar os seus cartos de xeito significativo.
A Fundación Cidade da Cultura di que o diñeiro que resta "permite asumir as necesidades de financiamento da programación cultural ata 2027" e que despois será o seguinte plan estratéxico o que "configurará o modelo de xestión que garantirá os recursos precisos"
A finais daquel primeiro ano en funcionamento da Cidade da Cultura xa se gastaran 3 dos 23 millóns de euros do fondo de patrocinios. Pero en anos seguintes nin o Parlamento de Galicia lograba saber cal era o ritmo de saída de cartos porque a Xunta argumentaba que, malia a súa propia participación nela coa metade do capital, a Fundación Gaiás era "privada".
Coa desaparición en 2015 da Fundación Gaiás e o traspaso dos seus cartos á pública Fundación Cidade da Cultura, o fondo de patrocinios, daquela xa reducido a algo máis de 14 millóns, comezou a transparentarse nas contas anuais. O gasto foi reducíndose a un ritmo dun millón de euros ao ano, de xeito que a finais deste 2023 quedan 4,2 millóns, o que xa só permitiría chegar a finais de 2027.
Preguntada polo que resta dese fondo e o seu futuro, a Fundación Cidade da Cultura di que o diñeiro aínda existente "permite asumir as necesidades de financiamento do programa cultural da Cidade da Cultura ata o 2027, ano no que remata o II Plan Estratéxico do Gaiás", documento para o período 2021-2027 que foi presentado tres anos despois de rematar a vixencia do anterior, 2012-2018. Ese mesmo horizonte do 2027 no que rematarán os cartos e o plan estratéxico "coincide tamén coa finalización da próxima lexislatura", lembra a fundación dependente do Goberno galego.
"Ao longo deste próximo período de catro anos, a Cidade da Cultura traballará na definición do que será o seu terceiro plan estratéxico", un documento que "fixará os obxectivos e liñas de acción máis alá do 2027 e configurará o modelo de xestión que garantirá os recursos precisos para que a Cidade da Cultura desenvolva a súa actividade".
Á espera de que o próximo Goberno galego decida que facer co que resta do fondo de patrocinios e como seguir financiando a programación cultural da Cidade da Cultura, esta vén manténdose fundamentalmente grazas a aqueles cartos achegados hai agora 15 anos e que están a esgotarse. Manter o complexo en funcionamento custa moito máis, e nel hai exposicións ou actos culturais que teñen os seus patrocinios particulares, pero as propias contas da Fundación Cidade da Cultura permiten comprobar o grao de relevancia dos cartos achegados por aquel Fondo Gaiás que está a desaparecer.