A Xunta cifra en 10 millóns as visitas á Cidade da Cultura desde a inauguración hai 13 anos pero só unha pequena parte son culturais

Un concerto na Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego gábase da capacidade do complexo para organizar eventos como a reunión de ministros de Economía e Finanzas da UE e constata o inicio de novas obras dous anos despois de que Feijóo as dese por rematadas

Como cada ano por estas datas a Xunta vén de facer balance da actividade na Cidade da Cultura no exercicio que agora remata, no que o Goberno galego di que o complexo superou "de novo a cifra do millón de visitas". A cifra é similar á de anos precedentes e inclúe non só as asistencias a actividades culturais, que supoñen só unha pequena parte do total, senón tamén calquera visita de tipo empresarial ou político. Porén, desta volta non se precisan as visitas culturais e só se detalla que o Museo Gaiás recibiu "máis de 100.000 visitantes". Pola contra, si se ofrece unha "visión máis ampla" que sitúa o acumulado de visitas á Cidade da Cultura "por riba dos dez millóns desde a súa apertura ao público en xaneiro de 2011".

Reunión do Ecofin na Cidade da Cultura © Pool PEUE/Julio Muñoz

Tras a pandemia da COVID-19, a Xunta cifrou en 1,18 millóns as visitas en 2021, no que dicía que 230.000 acudiran a actividades culturais. En 2022 a cifra global ofrecida foi de máis dun millón de persoas e indicábase que delas participaran en actividades de tipo cultural "máis de 190.000" ou "preto de 200.000", segundo as dúas expresións empregadas. Pero desta volta só se indica a cifra global de visitantes situándoa en máis dun millón e da actividade cultural só se ofrece o antedito número de 100.000 visitantes ao Museo e de "700 eventos e actividades culturais"

O balance deste ano si fai maior fincapé no cualitativo e asegura que "a expansión da actividade explícase, por unha banda, pola transformación do Gaiás que a Xunta está a levar a cabo, converténdoo nunha factoría que produce contidos para ser programados non só nas instalacións da Cidade da Cultura, senón en centros de toda Galicia, coma acontece co ciclo de exposicións de Cidades no tempo, no que se organizan mostras en cada unha das sete principais cidades galegas, así como co seu programa de itinerancias de contidos dentro e fóra de Galicia".

Unha actividade na Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta tamén sinala que "a segunda razón que permite comprender esta expansión apunta a unha maior capacidade do Gaiás para organizar nos seus espazos eventos institucionais, empresarias ou sociais, algúns deles tan relevantes como o Ecofin, a reunión de ministros de Economía e Finanzas da UE" organizada polo Goberno de España. 

O balance tamén inclúe a acollida novamente dun centro de vacinación do Sergas e da sede do xuízo polo accidente de Angrois, rematado o pasado xullo.

Novas obras dous anos despois de que Feijóo as dese por rematadas

Hai dous anos Feijóo deu por rematada a Cidade da Cultura tras 20 anos de obras e 350 millóns de investimento pero agora veñen de iniciarse novos traballos para a construción dun Centro de Artes Dixitais

O balance anual da Cidade da Cultura tamén sinala, dous anos despois de que Feijóo dese por completado o complexo tras 20 anos de obras e 350 millóns de euros de investimento, que este 2023 iniciáronse novas obras, para a construción do Centro Galego de Artes Dixitais, que se engade a outros traballos de urbanización aínda en marcha. Pero antes mesmo de que estea rematado o novo centro de artes dixitais sinálase que nese eido xa están a impulsarse traballos "con proxectos inmersivos como Hábitats. Natureza estendida ou as experiencias englobadas no Galiverso, proposta que achega o patrimonio á cidadanía a través de aventuras de realidade virtual".

Autoridades na inauguración dos dous primeiros edificios do Gaiás en xaneiro de 2011 © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.