Menos visitas e asistencia a actividades culturais no Gaiás en 2022 malia un novo récord de exposicións

Imaxe da Cidade da Cultura, de cuxa actividade en 2022 vén de facer balance a Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sen ter en conta a vacinación masiva contra a Covid, a Cidade da Cultura cifra nun millón os visitantes o pasado ano, dos que menos de 200.000 acudiron a eventos culturais, fronte aos 230.000 comunicados en 2021

A Xunta divulgou este martes un comunicado co que fai balance da actividade e visitas da Cidade da Cultura en 2022. Á espera de que se faga pública a memoria anual oficial, segundo o Goberno galego o pasado ano pasaron polo Gaiás máis dun millón de persoas, das que participaron en actividades de tipo cultural “máis de 190.000” ou “preto de 200.000”, segundo as dúas expresións que se empregan. As cifras supoñen unha caída a respecto do ano anterior, 2021, cando o Goberno galego informara de 1,18 millóns de visitas en total e 230.000 as que acudiron a actividades culturais.

A Xunta aclara que no cómputo total de visitas non se teñen en conta as de persoas que acudiron ao Gaiás para a vacinación masiva pola Covid na área sanitaria de Santiago, que cifra en 265.000 o pasado ano, fronte ás máis de 600.000 visitas do ano anterior.

Unha das exposicións da Cidade da Cultura en 2022 CC-BY-SA Xunta de Galicia

As cifras do último ano supoñen un empeoramento a respecto das de 2021 e volver aos rangos de 2019, o anterior á pandemia, cando se rexistraran 191.000 visitas a actividades culturais e un total de 1.152.000 visitas xerais, entre as que se contan as persoas que acoden alí a traballar a diario ou as que desfrutan dos seus espazos verdes.

A caída nas visitas xerais e nas visitas a actividades culturais rexistrouse nun 2022 no que a Xunta salienta que se produciu un récord de exposicións, con 28 nun mesmo ano. Tamén aumentou a actividade no eido dos eventos, con preto de 400 como congresos, presentacións, foros ou xuntanzas de empresas”.

O Goberno galego salienta que o Gaiás "serve á Xunta pra dar resposta a demandas especiais" como o xuízo polo accidente de Angrois

O Goberno galego tamén salienta no seu balance sobre o Gaiás en 2022 que “o equipamento e a capacidade das instalacións da Cidade da Cultura serve á Xunta de Galicia para dar resposta a demandas especiais” como o xuízo polo accidente de Angrois, “unha das causas máis complexas da historia xudicial galega, entre outros factores, polo elevado número de partes que participan”.

O xuízo polo accidente de Angrois está a desenvolverse nun dos edificios da Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

Unha das principais novidades de 2022 tamén foi a posta en marcha do Edificio Fontán, que acolle xa 130 traballadores do Consello Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) ou o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.