O arquitecto do Gaiás láiase de que Fraga, "un cliente excelente", perdese a Xunta en 2005: "Tivemos mala sorte"

Peter Eisenmann explica a maqueta da Cidade da Cultura na inauguración en 2011 dos dous primeiros edificios CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Era un cliente excelente porque tiña visión", di Eisenman sobre Fraga vinte anos despois do inicio das obras da Cidade da Cultura, con amplos sobrecustos que elevaron á contorna dos 350 millóns a construción dun complexo que é rematado sen ter en conta o o proxecto arquitectónico orixinal

O pasado 16 de febreiro cumpríronse vinte anos do acto oficial de colocación da primeira pedra da Cidade da Cultura. O daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, convalecente dunha operación cirúrxica, non puidera asistir ao primeiro paso para ver feito realidade o que despois definiría coma o seu "soño". Comezara a xermolar exactamente dous anos antes, o 16 de febreiro de 1999, coa convocatoria dun controvertido concurso de ideas que gañou o arquitecto estadounidense Peter Eisenman. O pai da Cidade da Cultura aínda se orgulla, neste 2021, de ter o fundador do PP como "cliente" no Gaiás e láiase de que este perdese a Xunta no ano 2005.

Dúas décadas despois daquela primeira pedra, o complexo do Monte Gaiás avanza cara ao seu remate, pero lonxe dos plans orixinais de Eisenman. Mentres ían quedando constatados sucesivos sobrecustos que triplicaron amplamente os importes previstos (uns 350 millóns de euros só para a construción) e ficaba ratificado que, en verbas do Consello de Contas, Fraga "abdicou da xestión prudente" para sacar adiante o complexo, tamén foron mudando as funcións previstas para os edificios e a propia composición da construción.

Acto de colocación da primeira pedra da Cidade da Cultura en febreiro de 2001, nunha imaxe tirada da retransmisión da TVG © TVG

Tras aceptar a paralización das obras en 2013 -a instancias dunha iniciativa do BNG no Parlamento-, en 2018 anunciaba un novo edificio no Gaiás para instalar dependencias das universidades galegas por importe de 17 millóns de euros. O chamado Edificio Fontán avanza cara ao seu remate sobre o esquelete do que ía ser o Teatro da Ópera da Cidade da Cultura. No resto do espazo onde se prevía esa instalación cultural, un enorme buraco, foi construído un auditorio para espectáculos ao aire libre.

"Era un arquitecto perfecto para el, porque estaba disposto a facer o que ninguén fixera", di Eisenman, convencido de que "tería sido diferente" se Fraga retivese o poder tras os comicios de 2005 nos que perdeu o Goberno "por un só deputado" 

Todos estes acontecementos obsérvaos Eisenman cunha mestura de orgullo e saudade. Cando menos, así transloce das súas palabras nunha entrevista publicada neste maio de 2021 pola revista Arquitectura Viva, tirada do libro Eisenman deconstruido,  que á súa vez é parte dunha serie de volumes sobre diferentes figuras da arquitectura. Na entrevista, realizada na propia Cidade da Cultura -segundo indica-, Eisenman trata diversos aspectos da súa vida e obra e tamén fala de Fraga e do Gaiás.

Considera Eisenman que, "se cadra, as ansias de síntese sexan un erro para os arquitectos" e engade, a continuación, que "é posible que en Galicia o intentase". Sucedeu "con Manuel Fraga, que era un cliente excelente porque tiña visión", relata, presentando como destinatario do proxecto ao daquela presidente da Xunta e non ao Goberno galego. "Pensaba no Valle de los Caídos, que é un monumento para Franco, pero dicíame: 'Eu non quero un monumento para min, senón para esta sociedade e para a España do futuro e para Galicia, a miña terra'", conta que lle pediu.

"Eu era un arquitecto perfecto para el, porque estaba disposto a facer o que o que ninguén fixera antes", evoca Eisenman ao lembrar un período que, lamenta, finalizou coas eleccións galegas de 2005, tras as que o PP perdeu o Goberno da Xunta dando paso a un Executivo de coalición de PSdeG e BNG, que sumaran maioría absoluta. "Tivemos mala sorte. Perdeu por un só deputado", lembra o arquitecto (o PP tivera 37 escanos, un por baixo da absoluta). "Se gañase, tería sido diferente", conclúe sen especificar a que se refire con exactitude.

O auditorio ao aire libre da Cidade da Cultura construíuse no buraco feito no inicio das obras para albergar o Teatro da Ópera proxectado por Eisenman CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.