A mediados de xullo de 2014 había apenas unha semana que Santiago mudara de alcalde por terceira vez en tres anos e Alberto Núñez Feijóo recibiu no salón nobre do Pazo de Raxoi a quen enviara como substituto de Ángel Currás, que á súa vez remudara a Gerardo Conde Roa: Agustín Hernández, quen fora o seu conselleiro de Infraestruturas dende o ano 2009. Naquel primeiro encontro o Feijóo despregou un catálogo de promesas de investimento do Goberno galego na cidade para a recta final do mandato municipal no que incluíu a "creación" do chamado "bosque de Galicia", unha plantación de 23 hectáreas na contorna da Cidade da Cultura que, dixo daquela, ía tornar o urbanizado monte Gaiás nun "símbolo da defensa do bosque tradicional galego". Case tres anos despois a Xunta vén de decidir ampliar esa superficie e para facelo bota man de fondos que os Orzamentos da Xunta destinaban inicialmente a repoboacións forestais.
Aquela primeira fase do 'bosque' dotouse cun orzamento de 300.000 euros. En marzo de 2015, ás portas da campaña municipal, Feijóo ascendeu ao Gaiás con Hernández e outros cargos para escenificaren coa plantación dun bidueiro o nacemento do que ía ser, dixo o presidente, "o bosque máis importante da Autoestrada do Atlántico". Malia ás críticas xurdidas no ámbito da bioloxía e do ecoloxismo a respecto de presentar como bosque un parque forestal ubicado nun monte antes arrasado para construír edificios, en agosto dese ano a factura volveu subir. Non foi en concepto de plantación de árbores, parcialmente realizada con traballo voluntario, senón para contratar a "rede de iluminación para camiños do Bosque de Galicia", algo máis de 270.000 euros para colocar luminarias entre as árbores. Concretamente, unha cada dez metros.
Feijóo lanzou o proxecto do bosque entre as medidas que prometeu para Santiago tras situar a Hernández na alcaldía
Despois deses primeiros investimentos próximos aos 600.000 euros e apenas un ano despois da inauguración do bosque o propio presidente anunciou a finais do pasado marzo que a intención do seu Executivo pasaba por amplialo. Concretamente, por alargar a súa superficie "en dez hectáreas e 4.500 árbores", propósito para o que puña sobre a mesa 603.657 euros procedentes de cinco consellerías: Cultura e Educación, Economía, Medio Ambiente, Infraestruturas e Medio Rural. Aínda que o anuncio chegaba mes e medio despois da aprobación dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2017 o proxecto obrigou a introducir mudanzas nas contas públicas. Cando menos, no que atinxe a Medio Rural.
A nova fase do 'bosque' custará uns 600.000 euros, que se suman ao máis de medio millón da primeira
Dado que o plan non estaba contemplado no seu orzamento, o 24 de abril a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez tivo que tramitar a correspondente modificación orzamentaria. Fíxoo, concretamente, por importe de 72.000 euros, que foron restados da partida de axudas para a creación e mellora de masas forestais, unha das máis importantes da Consellería, dotada en 2017 con 36,6 millóns de euros. Eses fondos foron recolocados na partida de "restauración para a recuperación da masa forestal", máis concretamente no apartado de repoboacións, que segundo o orzamento aprobado en febreiro contaba só con 10.000 euros. Con esta operación, indica o expediente, Medio Rural vai "atender a ampliación do bosque de Galicia, na contorna do Gaiás, nunhas superficie aproximada de 10 hectáreas", ademais de "acometer outras pequenas repoboacións".
A finais de 2016 a Xunta transvasou 111.000 euros das axudas para pagar a luz á "iluminación complementaria" do Gaiás
Este non é, así e todo, o primeiro transvasamento á Cidade da Cultura de fondos inicialmente orzamentados para outros departamentos do Goberno. E tampouco a máis cuantiosa. Como informou Praza.gal, en novembro do ano pasado a Consellería de Economía recolocou 201.763,49 euros para atender o compromiso ao que chegara con Cultura para cofinanciar a "iluminación complementaria" do complexo do Gaiás. Máis da metade dese montante, 111.000 euros, saíu de cartos inicialmente orzamentados para o tícket eléctrico, as axudas para o pagamento da factura da luz de familias con poucos recursos económicos. Os 90.700 restantes procedían da partida que Economía dedica a reparacións e mantemento dos edificios que dependen deste departamento autonómico.