Os cálculos dos sindicatos educativos e dos grupos da oposición coinciden en que, atendendo aos orzamentos autonómicos e á orde de concertos de 2009, as achegas de fondos públicos aos colexios que separan os nenos das nenas, agora declaradas ilegais polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), viñeron supoñendo uns 3 millóns de euros anuais. A Consellería de Educación, ao anunciar a suba de ata un 40% nas taxas dos comedores escolares, fixou un prezo máximo de 4,50 euros por estudante e día, o cal ten que ser abonado polo alumnado en cuxas familias os ingresos per cápita sexan superiores a 9.000 euros anuais.
Cando menos ata que a nova reforma educativa do Goberno central -a coñecida como Lei Wert- entre en vigor, o Goberno galego vai ter prohibido manter prazas concertadas nos cinco colexios segregacionistas aos que subvencionaba: Las Acacias, Montecastelo e Aloya, en Vigo, e Montespiño e Peñarredonda, na Coruña. Quedan, polo tanto, tres millóns de euros liberados ao ano que, a xuízo dos grupos parlamentarios diferentes do PP, poderían ser dedicados aos comedores escolares e así eliminar ou paliar o incremento que vén de decidir o departamento que dirixe Jesús Vázquez. Que solucionaría isto?
Segundo o propio Goberno galego os 4,50 euros do menú escolar non son un prezo aleatorio, senón que é "o custo do servizo", en verbas do secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén. Isto quere dicir, polo tanto, que no curso 2016-17, cando a Consellería conta con acadar o "fito" de atender 66.805 nenos e nenas nos seus comedores, o custo real do servizo sería de 300.622,50 euros ao día. Polo tanto, nunha hipotética situación na que todo o alumnado pagase ese prezo "real", os cartos dos colexios segregacionistas poderían sufragar apenas dez días de comedor.
Os 3 millóns dos centros segregacionistas darían para pagar todos os menús dos escolares durante dez días
Pero, se o cálculo é realizado non por días sobre o global do alumnado, senón por menús pagos, o dato pode ser aínda máis ilustrativo. No caso de que eses 3 millóns de euros anuais fosen destinados a pagar comedores escolares, darían para abonar o custo de máis de 650.000 menús, concretamente, de 666.666. Para que esta hipótese fose real Educación tería que realizar unha modificación orzamentaria, segundo a cal os cartos dos centros segregacionistas fosen sumados aos 27,8 millóns de euros que figuran nas contas públicas de 2013.
Non obstante, non semella moi factible que a Xunta decida reorientar a súa suba de prezos, toda vez que o propio conselleiro non só considera que a medida é adoptada porque "non había máis de onde sacar". Ademais, segundo o máximo responsable da administración educativa galega, "o novo modelo de comedor é unha medida moi progresista".
Prezo por alumna/o | Fillas/os en idade escolar | Ingresos anuais per cápita |
---|---|---|
De balde | Indiferente | Menos de 7.000€ |
1€/día | 1 ou 2 | 7.000,01€ - 8.000€ |
1€/día | 3 ou máis | Máis de 7.000,01€ |
2,50€/día | 1 ou 2 | 8.000,01€-9.000€ |
4,50€/día | 1 ou 2 | Máis de 9.000,01 |