A Consellería de Educación publicou este o xoves a versión definitiva do catálogo para o curso 2023/24, coa econversión de ciclos presenciais na modalidade a distancia
A Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades publicou este o xoves a versión definitiva do catálogo de ensinanzas de FP para o curso 2023/24, unha oferta de ciclos que mantén o contido da proposta inicial coñecida a pasada semana e que deu lugar a importantes protestas por parte de profesorado, alumnado e sindicatos.
Nos últimos días sindicatos como CIG-Ensino seguiron a criticar os cambios propostos e finalmente executados pola Consellaría, denunciando non só a conversión de ciclos presenciais na modalidade a distancia, senón tamén "a crecente privatización destas ensinanzas, tanto a través do fomento da FP dual como do incremento da oferta nos centros concertados e privados".
CIG-Ensino denuncia non só a conversión de ciclos presenciais na modalidade a distancia, senón tamén "a crecente privatización destas ensinanzas, tanto a través do fomento da FP dual como do incremento da oferta nos centros concertados e privados"
"CIFPs e IES ven como todas as promesas de incremento da oferta, dos recursos materiais e do profesorado que se prevía despois de meses de propaganda do Plan Conecta FP quedou totalmente diluída e mesmo cun horizonte para o vindeiro curso moi desalentador", sinala o sindicato, que chegou a pedir a dimisión da directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
CIG-Ensino, que tamén critica a "falta de diálogo" da Consellaría, denuncia a supresión de preto de dúas mil prazas presenciais de FP e un incremento dun 136% da dual e dun 74% da oferta a distancia con respecto a este curso, detallando que o número de prazas en ciclos ordinarios descenderá en 624 e en modular presencial en 1199. Pola contra, sobe en 2.327 prazas na oferta dual e en 3.050 na modalidade online.
CCOO advirte de que "ao non haber oferta presencial no ensino público, o alumnado verase obrigado a matricularse en centros privados que si a teñan"
Tamén CCOO-Ensino denunciou a "teima" da Consellaría na proposta de oferta educativa para a FP "que reduce a oferta presencial e favorece os centros privados" e criticou a "profunda xordeira e cegueira" da directora xeral de FP "ante as queixas do profesorado dos diferentes centros de Galicia".
O sindicato advirte de que "ao non haber oferta presencial no ensino público, o alumnado verase obrigado a matricularse en centros privados que si a teñan". E engade que "precisamente, os ciclos que se transformarían en ensino a distancia son aqueles que poden ser ofertados de forma presencial en centros privados con moi pouco investimento en equipamentos, talleres e outros recursos necesarios para a docencia".
"Debe buscarse unha mellora da calidade educativa e non un sistema low-cost que favoreza a marcha ao ensino privado para quen non teña cabida na oferta pública"
Finalmente, o sindicato esixe que se incremente "significativamente" a dotación "de persoal, medios e recursos dos centros educativos" para acometer "o incremento de oferta dual e a distancia" recollido no novo catálogo. "Debe buscarse polo tanto unha mellora da calidade educativa e non un sistema educativo low-cost que favoreza a marcha ao ensino privado para quen non teña cabida na oferta pública", di Comisións Obreiras.
Críticas dende os centros
"A modalidade de ensino a distancia é unha oferta de valor para alumnado cunhas características determinadas pero este non é o perfil maioritario do noso alumnado" , di o departamento do CIFP Anxel Casal
O Departamento de Servizos socioculturais e á comunidade do CIFP Anxel Casal respondeu á publicación definitiva do catálogo de FP denunciando que "non se contemplan tres ciclos ofertados este curso en réxime de persoas adultas presencial, todos eles da familia de Servizos socioculturais e a comunidade (Integración social, Educación infantil e Mediación comunicativa)". E subliña que "a modalidade de ensino a distancia é unha oferta de valor para alumnado cunhas características determinadas (aquel que ten unha alta autonomía na organización do estudo, boa competencia dixital...) pero este non é o perfil maioritario do noso alumnado".
O departamento critica as consecuencias deste cambio na oferta "son moi negativas para o centro" pois alumnado matriculado na modalidade de persoas adultas presencial "verase obrigado a cambiar á modalidade de distancia antes de rematar, ou no seu defecto a buscar unha alternativa no ensino privado". Tamén alerta de que pode haber alumnado que "abandone os estudos por non axustarse esta modalidade as súas necesidades" ou que "non reciba o acompañamento educativo que precise".