Xantar en aulas, espazo ao límite, voluntariado: desigualdade no comedor escolar alén do prezo

Comedor escolar nun centro educativo galego © Xunta

A Xunta esixe persoal profesional a concellos e Anpas que xestionan comedores para darlles axudas, pero contempla atención voluntaria nos centros que xestiona directamente, onde tamén decide obras de xeito discrecional

A Xunta considera legalmente os comedores escolares dos centros públicos como unha garantía da "igualdade" no ensino, pero non só consente neles condicións de desigualdade no referente ao seu custo ou xestión -como agora vén de evidenciar ao anunciar un novo bono para comedores xestionados por centros concertados, concellos e Anpas- senón tamén desigualdade nos servizos concretos que se prestan en cada centro público da súa titularidade.

Aulas habilitadas como comedor ao límite da capacidade, persoal voluntario ou comidas por catering combínanse con espazos de nova construción atendidos por profesionais con comida realizada nos propios centros. Unha disparidade de características do servizo, unida á posibilidade contemplada pola Xunta de non ser ela quen o preste senón tamén os concellos ou as Anpas, que lle vén permitindo dar unha resposta similar ás familias que se queixan dalgunha eiva: se non vos gusta o modelo, asumídeo vós.

Unha das varias protestas que levan anos facendo no CEIP de Pedrouzos, en Brión, polo funcionamento do comedor, xestionado pola Xunta © ANPA Andaravía

Voluntariado fronte a profesionais

A Xunta esixe aos concellos ou Anpas cos que convenia ou subvenciona a xestión de comedores escolares que o seu persoal teña contrato laboral. Porén, para os comedores xestionados por ela ela mesma contempla a posibilidade de que colaboren como voluntariado non só familiares senón mesmo persoas sen relación coas familias ou a comunidade educativa. Así o veñen criticando desde hai tempo no CEIP Pedrouzos de Brión, xestionado directamente pola Xunta pero desde cuxa Anpa se salienta que a progresiva incorporación de nais ao mercado laboral fai difícil atopar persoas voluntarias para o comedor.

A Anpa protestou formalmente ante a inspección educativa pola posibilidade de que persoas sen condicións para facelo acabasen atendendo menores de idade. "A resposta de inspección foi que se non nos gustaba, que asumísemos nós o comedor, como fan outras Anpas", salientan desde esa asociación.

Aulas habilitadas fronte a espazos específicos

En Santiago a maioría dos comedores están en espazos non deseñados como tal, nalgún caso aulas que se precisan para actividades lectivas, e a Xunta admite que non investiu nin un só euro na última década

En Santiago é o Concello o que xestiona a maioría dos comedores escolares, 9 dos 13 CEIP da cidade, e a Xunta entrégalle como axuda uns 100.000 euros ao ano. O servizo subcontratado polo Concello dáse nos centros públicos titularidade da Xunta, pero na maioría dos casos en espazos non pensados como comedor, sen que o Goberno galego investise nin un só euro neles na última década, segundo responde oficialmente.

Fontes internas do servizo sinalan que só nos colexios de Fontiñas e Ramón Cabanillas o espazo para o comedor foi deseñado especificamente como tal, mentres que no resto son antigas aulas habilitadas como comedores. No Quiroga Palacios, sinalan estas fontes internas, a falta de espazo fai que tras a comida, nos días de chuvia, o alumnado teña que quedar nos corredores do centro porque non hai un espazo específico para xogar ou realizar actividades. 

CEIP Raíña Fabiola en Santiago © Concello de Santiago

No Raíña Fabiola o problema é de falta de espazo para o propio comedor, servizo que se presta nunha aula anteriormente dedicada a actividades lectivas. Tanto o centro como o comedor precisan máis espazo, o primeiro para as súas actividades lectivas e o segundo porque o aforo actual é de 50 comensais, o que obriga a facer dúas quendas de comidas, cos maiores rematando de xantar pasadas as tres da tarde.

"Xa non caben máis nenos, non se podería facer unha terceira quenda, e as actuais fanse a unhas horas minimamente aceptables grazas a que hai persoal que empeza antes de xeito voluntario", salienta o presidente da Anpa do Raíña Fabiola, que lamenta que nin sequera hai aseos próximos ao comedor para que o alumnado poida lavar as mans ou os dentes facilmente antes ou despois de xantar. "Non é só un problema do comedor, onde non se poden facer actividades cos rapaces que se fan noutros centros, como implicalos en axudar co servizo, é que o comedor está ocupando un espazo lectivo que o profesorado precisa sen que teñamos ningunha resposta de Educación", engade.

Anpas que pagan obras fronte a actuacións discrecionais

Nais e pais da Coruña chegaron a poñer cartos do seu peto para ampliar o comedor do CEIP María Barbeito ante a negativa da Xunta a asumir ela a obra

O problema non é exclusivo de Santiago. Na Coruña tamén hai centros públicos con espazos habilitados como comedor aproveitados de instalacións alleas, nalgún caso universitarias, e as súas escasas dimensións obrigan tamén a facer quendas e alongar os horarios das comidas. 

Pero non é que a Xunta se negue a facer obras en comedores de colexios públicos que non xestiona ela. Fainas de xeito discrecional. En Vilanova de Arousa, con goberno local do PP, Educación vén de investir 165.000 euros no CEIP San Roque en reformar tres antigas vivendas de mestres para crear un novo comedor, con zona de preparación de menús, almacén e aseos específicos.

Hai un ano facía o mesmo en Ribadavia, tamén con goberno local do PP, investindo 95.000 euros en diversas actuacións incluíndo o cambio do solo do comedor e aseos.

Comedor do CEIP María Barbeito da Coruña, nunha foto de arquivo © ANPA Agarimo

Porén, pouco antes na Coruña a mesma consellería de Educación negábase a asumir ela a ampliación do comedor do CEIP María Barbeito, xestionado pola Anpa e ao límite da súa capacidade, con tres quendas de comidas. Educación limitouse a achegar a metade do custo das obras, 11.300 euros, de xeito que os pais e nais tiveron que poñer os outros 11.300 euros se quixeron ampliar o comedor dun colexio público propiedade da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.