En outubro de 2023, hai dous anos e medio, os sindicatos CCOO, ANPE e UGT asinaban coa Xunta o Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia. Un pacto que impulsaba a redución do número máximo de alumnos por aula e dos horarios lectivos dos docentes, ademais de melloras salariais e a simplificación das súas tarefas burocráticas. Sen a presenza nin a sinatura da CIG, central maioritaria no ensino en Galicia e na mesa sectorial do sector, o acordo centrado na educación Infantil e Primaria avanzou con atrancos e críticas, en especial da propia CIG ou de STEG, que desde convocaron varias folgas para denunciar as eivas na ensinanza pública que, segundo advirten, non se arranxaron desde aquela.
Neste venres, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, vén de acordar cos mesmos sindicatos que daquela —e de novo coa ausencia de CIG-Ensino— un "segundo paso" neste proceso que amplía as melloras á etapa de Secundaria (ESO, Bacharelato e FP).
O acordo prevé a redución do horario lectivo do profesorado —dúas horas menos de clase desde setembro—, o impulso dun plan para o alumnado con necesidades especiais e a baixada de ratios. Unhas medidas que se elevarán aos órganos pertinentes para que se empecen aplicar desde o vindeiro curso.
A Consellería acorda con CCOO, UGT, ANPE e CSIF a redución do horario lectivo do profesorado, un plan para o alumnado con necesidades especiais e adiantar cinco anos a redución de ratios
No que atinxe ás ratios, a Consellería explica que prevé "intensificar o proceso de mellora progresiva" iniciado en 2024 coa redución de 25 a 20 alumnos por aula en Infantil que, seguindo o calendario previsto, se completará para toda esta etapa en setembro e comezará en Primaria en 2027.
Segundo explica, e tras o diálogo cos sindicatos asinantes do acordo en 2023, a proposta é "acelerar" o calendario previsto para Secundaria, adiantando a setembro de 2028 a redución de 30 a 25 alumnos por aula na ESO prevista inicialmente para 2033. No Bacharelato pasaríase de 33 a 30. Sería anticipar cinco cursos a mellora.
En canto á atención á diversidade, un ámbito no que comunidades educativas e profesorado levan tempo mobilizándose ante a falta de persoal e medios, a Xunta asegura que se "dotará aos centros de máis recursos estruturais" a través de "varias vías": "modificando os catálogos de persoal nas etapas de Infantil e de Primaria e incrementando o persoal especialista e os orientadores nos cursos de Secundaria".
O horario lectivo do profesorado pasará de 20 horas semanais a 18; a baixada de ratios en ESO e Bacharelato adiantarase cinco anos e aplicaríase en setembro de 2028
"É moi importante apoiar máis a quen máis o precisa", dixo o conselleiro sobre un plan que, no entanto, aínda non está concretado. Si o está algo máis o que atinxe ao labor do profesorado.
Segundo explicou o titular de Educación, reconfigúrase o horario dos docentes para "desempeñar mellor os labores múltiples que teñen asinados dentro e fóra da aula e que van en aumento ante unha realidade máis diversa e complexa".
A día de hoxe, os docentes de Secundaria, ao igual que o resto dos traballadores públicos, contan cun horario semanal de 37,5 horas das cales 30 son de permanencia no centro. E dentro desas teñen distribuídas 20 sesións de clase e o resto para outras funcións. A proposta do acordo supón que sexan 18 as sesións de clase e pasen a dispoñer das dúas sesións restantes para "atender outras necesidades de carácter escolar".
"O diálogo é avance e o bloqueo é retroceso e dicir non"
"Esas horas serán utilizadas en accións orientadas a mellorar a calidade doutros servizos, como a xestión dos protocolos educativos, ou incrementar a atención ás familias coas titorías e desenvolver de xeito máis eficaz proxectos como os de idiomas, de bibliotecas ou de novas tecnoloxías", resumiu Rodríguez.
O conselleiro agradeceu ás organizacións sindicais a súa "xenerosidade e altura de miras" e por ser "capaz de ceder e avanzar cunha mensaxe de responsabilidade á cidadanía". "O diálogo é avance e o bloqueo é retroceso e dicir non", rematou.