Non esquecemos

Mobilización en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, o 5 de xullo de 2021 na Coruña © Concello da Coruña

Hoxe, domingo 3 de xullo, cúmprese un ano dende que a homofobia e o odio acabaron coa vida dun veciño da Coruña: Samuel Luiz Muñiz.

Hai un ano, tras o asasinato de Samuel, dixéronse moitas cousas: dende o institucional, condolencias máis ou menos contundentes e dende a sociedade civil, concentracións multitudinarias en cada recuncho de Galicia e do resto do Estado. A sociedade, coma sempre, por diante das institucións.

Hoxe preguntámonos: mudou algo? Temos algunha garantía de que non volva acontecer algo semellante?  Que novas políticas públicas se puxeron en marcha neste tempo? 

Hoxe preguntámonos: mudou algo? Temos algunha garantía de que non volva acontecer algo semellante? Que novas políticas públicas se puxeron en marcha neste tempo? Un ano despois… fíxose algún acto público de homenaxe a Samuel? Colocouse algunha placa ou algún símbolo no lugar do asasinato que nos axude colectivamente a non esquecer? Nada. Non se fixo absolutamente nada, nin sequera un acto público para a declaración de Ibrahima Diack e Magatte N'Diaye, as únicas persoas que axudaron a Samuel, como fillos adoptivos da cidade da Coruña. Un nomeamento que, por certo, foi aprobado por unanimidade no Pleno do Concello da Coruña en dúas ocasións, comezando por unha moción conxunta presentada pola Marea Atlántica a instancias da ONG Ecodesarrollo Gaia.

É lamentable que o que seguramente foi o acto máis grave acontecido na Coruña en décadas, quede no esquecemento institucional. A memoria, a xustiza e a reparación son precisas. Ademais da prevención e do desenvolvemento de políticas públicas que contribúan a frear o auxe da ola reaccionaria en curso, alimentada polos discursos e os marcos establecidos pola extrema dereita que moita xente, tanto de esquerdas como de dereitas, están aceptando.

Vivimos unha época reaccionaria onde as alianzas que sexamos quen de articular serán o único que nos axude a producir vidas non fascistas

Dende a política temos a responsabilidade de acabar coa equidistancia. Dicía a pensadora e teórica india Gayatri Spivak que “o subalterno fala ao morrer”. George Floyd en Mineápolis, Samuel na Coruña ou as 37 persoas asasinadas o pasado 25 de xuño no valo de Melilla son corpos subalternos que falan da violencia estrutural que nos atravesa como sociedade e que debemos afrontar de maneira crítica e colectiva. Son mortes que non podemos de ningún modo normalizar nin esquecer.

Por todo isto, no cabodano do asasinato de Samuel reclamamos máis políticas públicas, máis visibilidade e máis dereitos para a comunidade LGTBQI+, por parte de todas as Administracións. Pero alén disto, tamén é momento de dar apoio e visibilidade á campaña impulsada polos colectivos migrantes e o movemento antirracista por unha #RegularizaciónYa. Tal como versaban algunhas das pancartas no Orgullo deste ano: “Sen papeis non hai Orgullo” e “O queer non nos quita o racista”.

Vivimos unha época reaccionaria onde as alianzas que sexamos quen de articular serán o único que nos axude a producir vidas non fascistas. Fagamos diso acción e resistencia en cada un dos ámbitos das nosas vidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.