A pasada semana o Rexistro Civil da Coruña aceptou a solicitude presentada polo pai e a nai dun menor transexual, Pablo, para mudar da inscrición do seu nacemento non só o seu nome (algo que xa conseguiron outras menores transexuais galegas), senón tamén o sexo no que figura nesta documentación oficial. A modificación foi realizada a través do traballo desenvolvido por Arelas, Asociación Galega de Familias de Menores Trans e o asesoramento xurídico de Miguel Vieito, investigador da USC. Trátase da primeira vez que en Galicia se lle permite a unha persoa menor de idade mudar o sexo que aparece no rexistro.
Pablo, que vive en Lugo e ten 15 anos, utiliza este nome dende os tres anos e vive como varón de forma normalizada, tamén no seu centro de ensino. Nestes momentos está recibindo tratamento con bloqueadores hormonais. A xuíza que tomou a decisión final de aceptar a solicitude, tomou en consideración non só a opinión da familia e os informes médicos, senón tamén un informe emitido polo centro de ensino no que cursa estudos. A modificación dos seus datos no rexistro fíxose ademais sen máis obstáculos (como exames forenses ou as obrigas que existen para os adultos -un período de dous anos dende o inicio do tratamento hormonal-) e permitiralle agora cambiar toda a súa documentación (DNI, tarxeta sanitaria...) sen dificultades.
A xuíza tomou en consideración non só a opinión da familia e os informes médicos, senón tamén un informe emitido polo centro de ensino no que cursa estudos
Dende Arelas salientouse que "é unha alegría inmensa ver que se fai xustiza cara a unha familia e un rapaz que o merece todo. Pablito empeza unha nova vida chea de momentos felices". A entidade salientou especialmente o traballo desenvolvido por Miguel Vieito, encargado de redactar o documento de 13 páxinas que recolle as argumentacións aceptadas pola maxistrada para permitir a modificación rexistral. E tamén o labor do centro de ensino e dos seus e as súas profesionais: "Pablo viña doutro instituto, no que fora terriblemente acosado, pero atopou moito compañeirismo e uns grandísimos profesionais no seu no vo centro", destacan.
Cristina Palacios, unha das voceiras de Arelas, destaca que o proceso "foi moi sinxelo", o que resulta importante para o benestar do menor: "Hai moi poucos casos en España -en Andalucía ou a Comunidade Valenciana- pero eses foron moito máis tediosos e, por exemplo, foi necesario pasar polo médico forense". "Ademais, foi rápido, o que en toda situación que afecta a menores é moi importante", engade
Os factores que pesaron á hora de determinar a decisión final da xuíza foron a protección do dereito de Pablo ao libre desenvolvemento da personalidade, á intimidade persoal e á propia imaxe, así coma a defensa da súa dignidade. Tamén a Lei 3/2007, de 15 de marzo, reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas, que prevé as modificacións para as persoas a quen lles fora diagnosticada disforia de xénero. "Estábase vulnerando o dereito dun menor á súa intimidade, esa obriga de que a súa condición de transexualidade quedase permanentemente exposta, que quizais é algo non che apetece estar mostrando continuamente", subliña Palacios
O auto deste caso é pioneiro en Galicia e pode abrir camiño para outros nenos e nenas. Palacios comenta que aínda que neste caso as cousas saíron ben, "non é nada doado para outros e outras menores". "De feito, o mesmo día que llo concederon a Pablo denegáronlle a unha rapaza en Andalucía", di. "Falando con entidades doutras autonomías, parece que estamos a ser o referente para outros territorios do Estado. Dáme moito orgullo que iso pase na miña terra", conclúe.