Pouco a pouco, con pequenos avances legais, xudiciais e sociais, a vida dos e das menores transexuais gaña algo de normalidade. Hai uns meses unha sentenza permitía que Sara, unha nena lucense de oito anos, adoptase legalmente ese nome, abandonando o de Hugo, co que nunca se identificara. Esta semana outro auto xudicial permite o cambio de nome de Patricia, unha rapaza de 14 anos de Nigrán que fora inscrita como neno (e como Patricio).
A sentenza, destaca a súa familia, é novidade e senta un precedente positivo para os e as menores e as súas familias que sofren esta situación en toda Galicia. En declaracións a Faro de Vigo salientan que mentres o fallo favorable de Sara estaba baseado en motivos "de índole social e do sentimento do menor", esta sentenza vai máis aló, considera probado que a menor sofre disforia de xénero e que a súa identidade psicosocial é feminina, e nela a xuíza sinala que "debe considerarse que sendo o seu sexo real feminino, é o nome co que vén inscrito no Rexistro Civil o que pode inducir a erro".
O problema nestes casos é que os e as menores de idade non están recollidas na lei de cambio de nome e de sexo, polo que a resolución das demandas e conflitos depende da sensibilidade dos xuíces e xuízas. O cambio de nome pode ser tan só unha mellora simbólica, pero moi importante para uns nenos e nenas que doutro xeito terían que sufrir aínda máis presión social pola contradición entre a súa identidade real e a súa identidade legal, e entre a súa identidade legal e o seu aspecto físico. A substitución dos xenitais ten que agardar, iso si, ata os 18 anos.
A nai de Sara, Cristina Palacios, é a presidenta de Chrysallis Galicia, a delegación galega da asociación de familias de menores transexuais que opera en todo o Estado. En entrevista con Praza destacaba hai uns meses que "queremos facer un labor de normalización e despatoloxización, que non se vexa os nosos fillos como enfermos" e pedía "unha lei de transexualidade infantil" coma a existente en Andalucía, que "fai todo máis doado". Tamén demandaba "incluír nos currículos escolares a diversidade sexual e de xénero", para mellorar a situación que estes nenos e nenas sofren moitas veces nas escolas.
Cristina Palacios vai constituír, xunto coa nai de Patricia, Soledad Fernández, a Asociación de familias de menores trans* (Arelas), unha entidade específica que defenderá os dereitos destas persoas e familias en Galicia, atendendo e ofrecendo consello e información nos diversos problemas de tipo sanitario, educativo e legal que adoitan atopar. Da asociación forman parte tamén os pais de Sara, unha nena de dez anos da Estrada que aínda non conseguiu o cambio do seu nome.
Arelas destaca que esta semana outro menor na Coruña comezará cos bloqueadores da puberdade a través do Sergas. Porén, denuncian outros casos nos que outros e outras menores transexuais son enviados e enviadas aos servizos de psiquiatría, coma se sufrisen unha enfermidade mental. Mesmo comentan algún caso no que unha menor foi medicada.