O número de matrimonios leva anos estabilizado en Galicia na contorna dos 9.000 anuais. Coa única excepción do 2020, primeiro ano atinxido pola COVID no que as restricións aos eventos sociais provocou unha abrupta baixada -ese ano foron apenas 5.600-, na última década e media rexístranse, de media, unhas 9.300 unións matrimoniais cada ano.
Galicia rexistra uns 9.000 matrimonios anuais. O 2008 foi o último ano no que se celebraron máis vodas católicas ca civís e, dende aquela, a diferenza non deixa de aumentar a prol das unións alleas ao rito relixioso
Se a ese dato se suman as resolucións de inscricións de parellas de feito, sobre as que a Xunta ofrece datos dende 2015, o mapa xeral da poboación que decide formalizar legalmente a súa relación rolda as dez mil unións por ano. Atendendo ás cifras que vén de actualizar o Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2023, a última gran variación neste panorama de relativa de estabilidade fai quince anos e é a fin da primacía da Igrexa católica nos matrimonios galegos.
O 2008, con 5.947 matrimonios formalizados polo rito católico fronte a 4.812 pola vía civil, foi o último no que se celebraron no noso país máis unións matrimoniais pola Igrexa que as oficiadas ante unha autoridade civil, quer un membro dunha corporación municipal, quer un integrante da xudicatura. Dende aquelas, os matrimonios relixiosos -os doutras relixións diferentes á católica non pasan da trintena ao ano- non deixaron de caer e os civís, de aumentar.
Tras seren superadas amplamente polos matrimonios civís, as vodas católicas xa son tamén menos que os rexistros de parellas de feito
En 2023, unha vez pasada a alteración da pandemia e o posterior rebote -foron moitas as parellas que adiaron a voda para podérena celebrar sen restricións sanitarias en 2021 ou 2022-, Galicia rexistrou algo máis de 7.700 matrimonios civís entre homes e mulleres, aos que se engadiron algo máis de 200 entre persoas do mesmo sexo. Mentres, as vodas a través da Igrexa católica quedaron en apenas 1.200.
Tras seren superadas amplamente polos matrimonios civís, as vodas católicas tamén están por tras en Galicia das unións a través da figura da parella de feito. O 2019 foi, ata agora, o último ano con máis vodas relixiosas que inscricións no Rexistro de Parellas de Feito da Xunta (1.588 fronte a 1.360). No pasado 2023 rexistráronse case 1.600 parellas de feito na Administración galega, cunha diferenza de máis de 300 a respecto dos matrimonios católicos.
Neste contexto de certa estabilidade da suma de todos os matrimonios e parellas de feito só se aprecia unha lixeira tendencia á alza nos matrimonios entre persoas do mesmo sexo. O seu número, non obstante, segue sendo moi reducido, se ben en 2022 Galicia superou as 200 unións nun ano por primeira vez (foron 240) e en 2023 o total volveu quedar por riba dese limiar.
Os matrimonios entre persoas do mesmo sexo seguen sendo poucos, pero con tendencia á alza e, na última década, con máis mulleres ca homes que deciden casar
Segundo as bases de datos do IGE, o cambio de tendencia nos matrimonios entre persoas do mesmo sexo ten que ver na última década cun maior número de mulleres que casan entre si. Na primeira década dende a aprobación do dereito (2005-2014), todos os anos Galicia rexistrou máis vodas de homes que de mulleres cunha única excepción, o 2010, cando se rexistrara exactamente o mesmo número en ambos casos (40).
Dende 2015, todos os anos agás un (o 2019) Galicia celebrou máis vodas entre mulleres que entre homes. O ano pasado, por exemplo, foron dúas máis (103 fronte a 101); en 2022 a diferenza fora de 10 e en 2020 e 2021, dunha vintena.