Galicia é cada vez menos devota. Así o indican datos coma a rápida diminición das vodas pola Igrexa (en 1998 eran o 77% do total e no 2021 foron unicamente o 10,6%), a caída na porcentaxe de persoas que se definen como "crentes" e sobre todo como "practicantes" (é dicir, que acuden a algunha cerimonia relixiosa) e tamén outro indicador de grande importancia, sobre todo económica: a asignación para a Igrexa Católica na declaración do IRPF (Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas)
Nos últimos 15 anos a porcentaxe de declaracións da renda que en Galicia marcan en exclusiva o recadro da Igrexa católica descendeu á metade, pasando do 17,8% do ano 2007 a pouco máis do 8% no último exercicio
Á hora de cumplimentar a declaración da renda, cuxa campaña para este exercicio comezou hai uns días, podemos optar por marcar o recadro 105 de Asignación á Igrexa Católica, o recadro 106 de Asignación a Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, ambos os dous ou ningún. Se se marca un deles, destínase o 0,7% do total do IRPF á Igrexa ou a un conxunto de ONGs de Acción Social e de Cooperación ao Desenvolvemento. Se se marcan os dous recadros, destínase o 0,7% a cada apartado (un 1,4%, polo tanto). E, se se decide non marcar ningún, a integridade do imposto pagado por esa persoa vai ao Estado para que este o redistribúa.
Galicia é cada vez menos devota. Así o indican datos coma a rápida diminición das vodas pola Igrexa (en 1998 eran o 77% do total e no 2021 foron unicamente o 10,6%) ou a caída na porcentaxe de persoas que se definen como "crentes" e sobre todo como "practicantes"
A estatística da Axencia Tributaria amosa que nos últimos 15 anos a porcentaxe de declaracións da renda que en Galicia marcan en exclusiva o recadro da Igrexa católica descendeu á metade, pasando do 17,8% do ano 2007 a pouco máis do 8% no último exercicio. A proporción de persoas que optan por destinar o 0,7% en exclusiva a fins sociais mantívose estable nestes anos, movéndose entre o 36% e o 40%, cun 39% o pasado ano.
Si creceu, en cambio a porcentaxe de declarantes que optan por marcar os dous recadros, que pasou do 10% ao 15%. Nos últimos anos a porcentaxe de persoas que optaron porque o Estado decidise o destino da totalidade do seu imposto moveuse entre o 36% e o 37%, cunha certa tendencia de ascenso.
A porcentaxe sumada de persoas que optan por destinar un 0,7% dos seus impostos á Igrexa Católica (ben en exclusiva ou marcando os dous recadros) amosa unha clara tendencia á baixa, pasando nos últimos 15 anos do 28% ao 24%
Se observamos a porcentaxe sumada de persoas que optan por destinar un 0,7% dos seus impostos á Igrexa Católica (ben en exclusiva ou marcando os dous recadros), o dato amosa unha clara tendencia á baixa, pasando nos últimos 15 anos do 28% ao 24%.
En cambio, a proporción de declarantes que apoiou a achega a fins sociais si creceu, especialmente entre o 2007 e o 2015, pasando do 47% ao 55%. Dende ese ano a porcentaxe está estabilizada e o pasado ano (renda do 2021) o dato foi do 54,5%.
Galicia é a segunda comunidade autónoma na que menos persoas destinan os seus impostos a soster á Igrexa Católica. O pasado ano foi o 23,97%, un dato que só supera o de Catalunya (16%). Tamén supera o de Guipúscoa (14,78%), cuxo dato se ofrece por separado ao ter cada deputación foral vasca e Navarra o seu propio réxime tributario. A media do conxunto do Estado está no 31,29% e en territorios como Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, A Rioxa e Murcia supera o 40%, case duplicando a cifra galega.
Galicia é a segunda comunidade autónoma na que menos persoas destinan os seus impostos a soster á Igrexa Católica. O pasado ano foi o 23,97%, un dato que só supera o de Catalunya (16%).
Hai uns días o bispo da Diocese Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, afirmou que os e as contribuíntes galegas son "os que menos marcan o recadro destinado á Igrexa nas súas declaracións da Renda", o que non é certo á vista das propias estatísticas difundidas pola Conferencia Episcopal.
García Cadiñanos fixo unha apelación aos contribuíntes a que marque o recadro da Igrexa e tamén o de fins sociais, destacando que a Igrexa católica "realiza actividades de tipo cultural, de tipo social, de valores e tamén destinadas ao ben común da nosa sociedade". Con todo, tan só unha parte da achega realizada á Igrexa católica a través desta vía se destina a programas de axuda social.
En calquera caso a porcentaxe de persoas que en Galicia destinan parte dos seus impostos a soster economicamente a Igrexa católica é moi cativo. Se observamos a porcentaxe que no ano 2021 (último exercicio con datos completos) marcou unicamente o recadro da Igrexa, a porcentaxe (8,5%) só supera a de Catalunya e Canarias.
Só o 8% dos contribuíntes galegos marcou en exclusiva o recadro da Igrexa, unha porcentaxe que só supera o dato de Catalunya e Canarias. Galicia é tamén o segundo territorio (de novo detrás de Catalunya) onde unha maior porcentaxe de declarantes optan polo recadro de fins sociais, un 39% do total, moi por riba da media do Estado (32,5%).
Iso si, se en lugar de observar o número de declaracións que optan por destinar os seus impostos á Igrexa católica, se analiza a contía da renda declarada por esas persoas, a Conferencia episcopal sae mellor parada. Isto é, aínda que os contribuíntes que marcaron o recadro da Igrexa foron só o 8,5%, as súas cotas íntegras representan o 15% do total. É dicir, son persoas que declararon unha maior percepción de rendas. Polo tanto, o 0,7% que destinan á Igrexa representa tamén unha contía maior, polo que a Igrexa católica recibiu por esta vía o 19,69% do total.
Galicia é tamén o segundo territorio (de novo detrás de Catalunya) onde unha maior porcentaxe de declarantes optan polo recadro de fins sociais, un 39% do total, moi por riba da media do Estado (32,5%).
Hai uns días presentouse en Compostela a campaña do X Solidario, na que entidades sociais galegas piden ás persoas contribuíntes que marquen o recadro de fins sociais na Declaración da Renda. As ONG galegas destacan que "o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas entidades galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos".
Baixo a etiqueta #ChámalleX, as ONG galegas lanzan campaña nas redes sociais con vídeos e fotos de persoas beneficiarias de programas financiados coa X Solidaria.