Dende esta semana pódese presentar a declaración da renda correspondente ao ano 2018. Ao igual que outros anos, os e as contribuíntes poden optar por destinar o 0,7% dos seus impostos a fins sociais, á Igrexa católica o á caixa común da Facenda. Dentro duns meses saberase a escolla realizada polos galegos e galegas, pero os datos dos últimos tempos permiten intuír a tendencia.
O pasado ano foi só o 25,98%, dous puntos menos que no 2012
Galicia é dende hai anos un dos territorios nos que menos persoas escolle dar parte dos seus impostos á Igrexa Católica e, ademais, esta porcentaxe experimenta un lento pero continuado descenso. O pasado ano (renda de 2017) foi só o 25,98%, dous puntos menos que no 2012 (renda de 2011). Pola contra, a porcentaxe de galegos e galegos que escolle o recadro de fins sociais para achega un 0,7% dos seus impostos a ONGs rolda o 55%.
Galicia só é superada por Cataluña, onde a porcetaxe de contribuíntes que marca o recadro da Igrexa cae ata o 18,5%. Baleares e Canarias sitúanse tamén por debaixo do 30% e as facendas vascas roldan en conxunto o 30%, aínda que con diferenzas entre elas: mentres que en Guipúscoa a cifra é do 20%, en Biscaia supera por pouco o 30% e en Áraba chega ao 32%.
Galicia só é superada por Cataluña e por Guipúscoa
No outro extremo, Castela A-Mancha, Estremadura, Murcia, A Rioxa e Castela-León sitúanse como as rexións nas que máis persoas realizan unha achega económica á Igrexa católica, con porcentaxes que roldan o 45%. En calquera caso, todas elas tamén experiementan descensos nos últimos anos