Dende este martes pódese presentar a declaración da renda: estas son as novidades

A declaración da renda pode presentarse dende este martes e ata o 1 de xullo © UGT

Xa se pode presentar a declaración da renda das persoas físicas correspondente ao ano 2018. Dende esta mañá pódese completar e aceptar por Internet, teléfono ou a través da aplicación móbil da Axencia Tributaria, posta en marcha o pasado ano. As persoas que prefiran facelo de maneira presencial nas oficinas da AEAT terán que agardar ata o 9 de maio para solicitar a cita previa e ata o 14 de maio para seren atendidos. O prazo de presentación remata en todos os casos o 1 de xullo, agás naquelas declaracións con resultado a ingresar que queiran domiciliarse, que terán que entregarse antes do 26 de xuño.

A declaración non presenta nestas ocasión grandes novidades, nin no conxunto do Estado nin en Galicia no que atinxe ás deduccións autonómicas, sendo as súas características moi semellantes ás que se daban o pasado ano. Un dos maiores cambios, de feito, é de forma: este ano desapareceu a posibilidade de obter a declaración e os seus correspondentes documentos de ingreso ou devolución en papel impreso.  

A asociación de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) elaborou unha serie de recomendacións para os e as contribuíntes, de xeito que poidan aproveitar mellor as deducións existentes, tanto por maternidade/paternidade, cotas a partidos, sindicatos e entidades sen ánimo de lucro ou por vivenda habitual.

 

Os cambios

  • Os e as contribuíntes con rendementos do traballo procedentes de dous pagadores ou máis que sexan inferiores a 12.643 euros non están obrigados a declarar sempre que a suma das cantidades percibidas do segundo e restantes por orde de contía superen os 1.500 euros anuais". O limiar para quen cobren as súas retribucións do traballo dun só pagador mantense en 22.000 euros anuais.  
  • Os e as contribuíntes con salarios brutos anuais inferiores a 13.115 euros verán incrementada a redución de 3.700 a 5.565 euros. Na franxa entre 13.115 e 16.825 euros pódese reducir a cantidade de 5.565 euros menos o resultado de multiplicar por 1,5 a diferenza entre os rendementos do traballo e 13.115 euros.  
  • Os ingresos correspondentes ás prestacións de maternidade e paternidade cobrados en 2018 están exentos do pagamento de IRPF.  Podes consultar aquí a guía práctica para reclamar a devolución das retencións do IRPF pola prestación de maternidade. A dedución por maternidade/paternidade increméntase en 1.000 euros anuais -adicionais aos 1.200 euros anuais que xa estaban en vigor- cando a persoa contribuínte pague gastos en gardaría ou centros de educación infantil autorizados.  
  • Os autónomos poden deducirse máis gastos: Se traballan na súa propia vivenda poden deducir os gastos de auga, gas, luz, teléfono ou internet nunha porcentaxe resultante de aplicar o 30% á proporción existente entre os metros cadrados da vivenda destinados á actividade respecto da súa superficie total.  
  • Os alugueiros turísticos pasan a ser rendemento de capital inmobiliario. 
  • Increméntase o límite exento das bolsas públicas. A dotación económica exenta elévase a 6.000 euros anuais -antes, 3.000 euros. A dotación exenta das bolsas para a realización de estudos de doutoramento elévase ata os 21.000 euros.
Captura de pantalla da web da Axencia Tributaria © AEAT

En Galicia

As deducións autonómicas mantéñense en termos moi semellantes ás do ano anterior.

  • As persoas de 35 anos ou menos poderán aforrar o 10% do pagamento anual do alugueiro da súa vivenda habitual ata unha dedución máxima de 300 euros, que se duplica no caso de que a persoa ou parella que presenta a declaración teña dous ou máis fillos/as menores de idade.
  • Polo nacemento de fillos ou fillas. Se a base impoñible menos o mínimo persoal ou familiar é inferior a 22.000 euros anuais, a dedución ascende a 300 euros polo primeiro fillo ou filla, 1.200 euros polo segundo ou segunda e 2.400 euros polo terceiro ou terceira. Por riba de 22 mil euros a dedución é de 300 euros en todos os casos. Esta axuda pode estenderse dous anos máis e é un 20% superior nos concellos de menos de 5000 habitantes e naqueles nos que se levou a cabo unha fusión.
  • Hai tamén deducións polos pagamentos realizados para o coidado de nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís. Pódese desgravar ata un 30% do total aboado, ata un máximo de 400 euros, pero só se a base impoñible menos o mínimo persoal ou familiar está por debaixo de 22 mil euros en tributación individual e 31 mil euros en tributación conxunta.
  • Hai, igualmente, unha dedución por pagamentos realizados para o coidado de persoas maiores de 65 anos; ata un máximo do 10% do total aboado, podendo desgravarse ata 600 euros. De novo, os límites están fixados en 22 mil euros en tributación individual e 31 mil euros na conxunta e debe acreditarse que a persoa coidada necesita axuda de terceiros.

 

Doazóns

Os e as contribuíntes poden desgravar un 75% dos primeiros 150 euros doados a ONGs, fundacións (como é o caso de Praza Pública) ou calquera entidade recollida na lei 49/2002 e un 30% nas achegas a partir desa cantidade; esta porcentaxe aumenta ata o 35% se a cantidade achegada a unha mesma ONG ou fundación non diminuíu nos últimos tres anos. As achegas a partidos políticos e agrupacións de electores dan dereito a unha dedución do 20% das cotas de afiliación. A base máxima desta dedución será de 600 euros anuais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.