X Solidario: Si ou non?

Presentción da campaña 'X Solidario' a cargo de ONG galegas Dominio Público Praza Pública

O pasado 14 de abril representantes de varias entidades sociais galegas, como Cermi Galicia, EAPN-Galicia ou a Coordinadora Galega de ONGD, presentaron a edición 2015 da campaña X Solidario, que busca concienciar os e as contribuíntes para que na declaración da renda marquen o cadro de fins sociais. Á hora de completar a declaración, cada persoa pode optar por destinar un 0,7% dos seus impostos aos proxectos postos en marcha por ONGs, por entregarllos á Igrexa Católica, por darllo a uns e a outros (sumando un 1,4%) ou a ningún, dirixindo o cen por cento ao Estado para a súa redistribución.

O cadro de fins sociais é o máis popular en Galicia. O pasado ano o 53,6% dos galegos e galegas que fixeron a declaración escolleron esta opción (unha porcentaxe algo inferior á de 2013 -54%- pero en ascenso dende o 2011 -49%-). O cadro destinado á Igrexa católica (en exclusiva ou acompañando o de fins sociais) contou co apoio do 27,57% dos declarantes, unha proporción inferior á media española, próxima ao 35%, e que se mantén estable nos últimos anos (27,94% en 2012, 27,69% en 2013). O 32% non marcou cadro ningún, unha cifra que si experimentou un gran crecemento nos últimos tempos, dende o 23% de 2011.

O pasado ano o 53,6% dos galegos e galegas que fixeron a declaración escolleron esta opción. O cadro destinado á Igrexa católica (en exclusiva ou acompañando o de fins sociais) contou co apoio do 27,57% dos declarantes

Os e as representantes das ONGs galegas destacaron que “grazas á solidariedade das persoas que destinaron o 0,7% dos seus impostos a esta finalidade obtivéronse 14.858.529 euros” pero engadiron que, “se ese 46,4% de persoas que só marcan a Igrexa ou que non marcan ningún recadro apostara polo X Solidario, a cifra aumentaría en máis de 11.400.000 euros”. Lembraron así mesmo que eses fondo “son un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión social”. Na presentación enumeraron algúns dos proxectos que eses case 15 millóns de euros permitiron poñer en marcha en Galicia, coma o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, o Programa de Empregabilidade para persoas con síndrome de Down, programas dirixidos a fomentar a vida independente das persoas con discapacidade intelectual ou programas de apoio a persoas con autismo e as súas familias. Tamén lembraron que existe a posibilidade de marcar tanto o cadro de fins sociais coma o da Igrexa, "algo descoñecido por moita xente" -dixeron, e que nestes casos a asignación do 0,7% non se divide entre os dous, senón que se duplica.

Os cartos entregados a través do cadro de fins sociais son distribuídos polo Estado a través dunha convocatoria pública de subvencións. O 79,14% do total dos fondos recadados destínanse a proxectos de acción social e a convocatoria establécea o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; o 19,43% son para proxectos de cooperación en países en desenvolvemento a través da Axencia Española de Cooperación Internacional; e o 1,43% a proxectos de medio ambiente a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Os cartos destinados a fin sociais son empregados "única e exclusivamente para proxectos concretos de acción social, non para financiar a estrutura das ONG, mentres que o da Igrexa si se utiliza para financiar a súa estrutura"

Unha das grandes diferenzas entre a entrega de cartos a través do X solidario e a escolla da Igrexa católica é que os cartos destinados a fin sociais son empregados "única e exclusivamente para proxectos concretos de acción social, non para financiar a estrutura das ONG, mentres que o da Igrexa si se utiliza para financiar a súa estrutura", como destacaba hai uns días Juan Lara, presidente da Plataforma de ONG de Acción Social. Lara subliñaba ademais que "os cidadáns poden ter a seguridade de que os seus fondos están magnificamente administrados non só polo réxime de boas prácticas e transparencia que rexen as ONG, senón porque estas axudas tamén están suxeitas á supervisión do Ministerio, a intervención xeral do Estado e, nalgún caso, até polo Tribunal de Contas".

 

Cartos para a Igrexa?

Europa Laica eleva a 11.000 millón de euros a cantidade total entregada polo Estado (e as comunidades autónomas) á Igrexa

Unha das críticas que se lle fan ao sistema do X solidario é que unha parte dos seus fondos tamén acaban chegando á Igrexa católica, a través dalgunha das súas entidades, comezando por Cáritas, Manos Unidas ou Mensajeros por la Paz. De feito, calcúlase que o pasado ano estas asociacións confesionais (máis de 40) xestionaron ao redor do 25% destes cartos. A crítica pódese aínda estender, se se ten en conta que o Estado segue a financiar por outras vías a Igrexa católica e a súa estrutura de organizacións, sobre todo no mundo do ensino, polo que a realidade é que tanto se se marca algún destes dous cadros coma se non se fai, unha parte dos impostos sempre vai ter este destino. Neste senso, Un informe da Fundación 1º de Maio lembraba en 2012 a exención do pagamento de impostos (tanto do IBI, coma do IRPF, coma de Patrimonio), do que goza a Igrexa. E, sobre todo, os arredor de 3.900 millóns de euros que recibe a través das subvencións e concertos dos centros de ensino privado que xestiona, ou os 700 millóns que o Estado paga para financiar o profesorado da materia de Relixión. Pola súa banda, Europa Laica eleva a 11.000 millón de euros a cantidade total entregada polo Estado (e as comunidades autónomas) á Igrexa.

Cáritas só recibe o 2,5% de todos os cartos que recada directamente a Igrexa a través do seu cadro na declaración da renda

De feito, a xerarquía eclesiástica tamén foi criticada nesta cuestión pola forma en que, internamente, reparte os fondos recibidos. A Igrexa fai bandeira da actividade de Cáritas e doutras organizacións sociais que xestiona ou apoia, á hora de solicitar a axuda económica do Estado, ou de demandarllelo directamente aos contribuíntes. Porén, o pasado ano denunciouse que Cáritas só recibe o 2,5% de todos os cartos que recada directamente a Igrexa a través do cadro destinado a este fin na declaración da renda.

 

A responsabilidade do Estado

Outras críticas, por exemplo a que todos os anos realiza Europa Laica, teñen que ver co abandono de responsabilidades por parte do Estado en acción social, que obriga ás ONG a necesitar desta colaboración dos contribuíntes para levar a cabo os seus proxectos. A entidade sinala que "os fins sociais non deben depender da 'vontade maior ou menor', cada ano, dos contribuíntes, senón que deben formar parte das políticas públicas, dentro dos orzamentos do Estado" e que "a acción social como dereito (non como caridade), debe financiarse de forma directa polas institucións do Estado". Europa Laica propón que "se hai entidades privadas que presentan programas específicos de apoio solidario, como xa se fai, que se lles facilite financiamento directo desde os presupostos estatais, autonómicos e locais, cos controis públicos adecuados".

Europa Laica: "A acción social como dereito (non como caridade), debe financiarse de forma directa polas institucións do Estado"

Juan Lara, presidente da Plataforma de ONG de Acción Social tamén defendeu hai uns días que os orzamentos do Estado deberían ter unha partida destinada a fins sociais para non depender da solidariedade dos contribuíntes: "Non habería que marcar ningunha X senón que directamente debería reservarse un mínimo do 1% para alimentar estas partidas, pero desgraciadamente non é así e estamos moi lonxe de que o sexa".

Presentción da campaña 'X Solidario' a cargo de ONG galegas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.