Desde hai anos, concellos e Xunta expedientan ou vetan a actividade de pazos e espazos singulares que realizan vodas sen licenza ou de maneira irregular
A descuberta e denuncia de pazos e espazos singulares que realizan vodas sen licenza ou de maneira irregular en Galicia foi constante nos últimos anos. O último verán antes da pandemia destapou moreas de casos e revelou unha problemática xa “habitual” e un “efecto chamada” que non se detiña malia as sancións impostas por varios concellos, o precinto de varios inmobles e as denuncias de asociacións profesionais.
A Xunta empezou a abrir expedientes sancionadores a pazos que acollían vodas e banquetes sen o permiso correspondente, ata que a COVID fixo descender ao mínimo estas celebracións. Empresas de cátering incumprían as prohibicións impostas e mesmo saltaban os precintos colocados pola policía local para celebrar casamentos, obviando as prohibicións. Agora, é a xustiza quen actúa, ordenando a unha empresa que servía convites nun pazo en Neda a que deixe esa actividade.
Un xulgado de Ferrol ordena a Pazo da Merced, en Neda, que deixe de acoller vodas e celebracións e ratifica a orde do Concello de suspender a actividade
As irregularidades afectaron moitos concellos que, apoiados tamén nas investigacións abertas pola Xunta a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e de informes de Patrimonio, decidiron acordar o cesamento de actividades en pazos, mosteiros, igrexas ou conxuntos arquitectónicos singulares nos que a licenza non permitía a celebración de banquetes ou casamentos. A propia Administración galega constatou múltiples danos en edificios protexidos.
Algúns dos conflitos chegou aos tribunais e o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol vén de ordenar a Pazo da Merced, en Neda, deixar de acoller casamentos e celebracións tras desestimar o recurso interposto pola sociedade que explota a instalación á resolución do Concello que a instara, en setembro de 2019, a suspender a súa actividade.
A administración local advertira de que o espazo dedicado aos convites no pazo estaba en solo rústico e carecía de título habilitante de natureza urbanística. Segundo a sentenza, a empresa solicitou en 2010 implantar unha instalación "efímera" para ampliar os locais do interior o pazo, un permiso vinculado á solicitude de licenza específica para realizar actividades de restauración que non consta que se tivese outorgado nunca. Xa que logo, a empresa celebrou banquetes durante todo este tempo sen autorización legal. O ditame, sobre o que cabe recurso de apelación, é claro.
Logo, en 2012, abríuselle a Pazo da Merced un expediente sancionador por realizar obras sen autorización do Dominio Público Marítimo-Terrestre, que acabou por denegar a súa legalización dous anos despois.
O deste pazo é un caso máis das mútliples irregularidades achadas en varias empresas de restauración en Galicia, aínda que desta vez é a xustiza a que senta un precedente ante as sancións e investigacións xa abertas.
O sector apunta a que a metade dos predios e pazos que realizan vodas carecen da licenza específica e operan con outra que lles permite aforrar milleiros de euros
Segundo Ascega (Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia) e varias fontes do , entidade que leva tempo denunciando as irregularidades, e varias fontes do sector, practicamente a metade dos predios e pazos carecen da licenza específica, a de vodas e banquetes, e operan con outra –de cátering ou de instalación de carpa– que non é habilitante e que lles permite un aforro de milleiros de euros. Ao carecer do permiso específico, os seguros non dan cobertura no caso de calquera incidente e a responsabilidade pasa aos organizadores, habitualmente as parellas que se enfrontan a problemas como a ausencia de plans de evacuación ou de prevención de riscos laborais, por exemplo.