Os 55 monumentos da Ribeira Sacra esquecidos na declaración BIC "chaman a berros" pola súa protección

San Xillao de Lobios (Sober) © O sorriso de Daniel

O pasado 27 de decembro o Consello da Xunta aprobou a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Ribeira Sacra, publicada no D.O.G. do 31 de decembro. O decreto inclúe un gran número de bens protexidos con esta figura, un total de 70 en 22 concellos. Porén, deixa fóra unha cantidade igualmente importante, como denuncias varias entidades de defensa do patrimonio. 

 Todos sabemos que unha cousa é estar catalogado e outra ser declarado BIC"

En abril do pasado ano a asociación O Sorriso de Daniel, que traballa na protección da arte románica, entregou un documento de alegacións ao expediente de incoación da declaración BIC. O texto demandaba a incorporación como bens de interese cultural de 55 elementos que ficaran fóra da primeira proposta. Porén, ningunha delas foi finalmente incluída na declaración.

A entidade denunciou as eivas do decreto e difundiu un calendario titulado Ribeira Sacra. Románico Esquecido, realizado con fotografias tiradas por Soledad Felloza dalgúns dos monumentos excluídos. "Fixémolo como acto de desagravio con ese románico que a Dirección Xeral de Patrimonio considera falto de valor para ser incluído como BIC", destaca O Sorriso de Daniel, que engade que "todos sabemos que unha cousa é estar catalogado e outra ser declarado BIC".

Os 55 bens repártense entre 15 concellos das provincias de Lugo e Ourense: Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Monforte, Nogueira de Ramuín, Pantón, Paradela, Portomarín, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, Taboada, Parada de Sil, A Teixeira e A Pobra de Trives.

Ademais, a asociación organizou este domingo un roteiro por varios dos espazos esquecidos polo Goberno galego, con visitas comentadas ás igrexas de San Xillao de Lobios e San Vicenzo de Pinol (Sober) e ás ruínas de San Pedro de Cela (O Saviñao).

 

Os edificios que quedaron fóra "chaman a berros por nós"

Dieter Moure pediu un "recoñecemento a eses miles de homes e mulleres que levan máis de 800 anos coidando do noso románico"

Hai tan só uns días O Sorriso de Daniel recolleu o Premio da Cultura Galega na súa categoría de Patrimonio Cultural. Nun acto celebrado en Montederramo o presidente da entidade, Antonio Dieter Moure, reclamou ante o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que "o románico da Ribeira Sacra se deixe de ver como adxectivo na candidatura a Patrimonio da Humanidade". "Non hai románico maior e menor, hai un único libro do que non convén esgazar ningunha das súas fermosas páxinas. Os máis de 50 edificios románicos que quedaron fóra desa declaración BIC chaman a berros por nós", engadiu.

Dieter Moure destacou que "o románico ten que servir como motor de desenvolvemento económico para unha zona moi castigada demograficamente e pediu un "recoñecemento a eses miles de homes e mulleres, artesáns, labregos e mariñeiros, tamén algúns deles homes e mulleres de igrexa que levan máis de 800 anos coidando do noso románico". E alertou de que o despoboamento do rural ameaza a protección do patrimonio.

Igrexa de Santa María de Piñeira (Taboada) CC-BY José Antonio Gil Martínez

Os 55 bens propostos e non incluídos na declaración BIC

Os 55 bens repártense entre 15 concellos das provincias de Lugo e Ourense

As alegacións da asociación demandaban a inclusión de 55 monumentos distribuídos entre 15 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Ademais, reclamaba a realización dun estudo de campo "minucioso e rigoroso" e incluír no documento "unha exposición polo miúdo do estado de conservación dos bens, unha diagnose sobre as intervencións necesarias para a súa conservación e posta en valor, e unha determinación daqueles elementos que deban ser obxecto de retirada forzosa por ser incompatibles coa posta en valor".

  • Carballedo: Igrexa de San Miguel de Oleiros, Igrexa de Santa Baia de Aguada, Igrexa de Santa Baia de Búbal, Igrexa de Santiago de Lousada. 
  • Chantada: Igrexa de San Miguel d ́O Monte, Igrexa de San Cristovo de Fornas, Igrexa de San Cristovo de Mouricios, Igrexa de San Paio de Muradelle, Igrexa de San Salvador de Brigos, Igrexa de Santa María de Bermún, Igrexa de Santa María de Camporramiro, Igrexa de Santiago de Requeixo. 
  • Monforte de Lemos: Museo de Arte sacra das clarisas (en especial o Calvario medieval proveniente de San Fiz de Cangas), Igrexa de San Pedro de Ribas Altas, Igrexa de San Pedro de  Valverde, Igrexa de Santa María de Baamorto 
  • O Saviñao: Igrexa de San Lourenzo de Fión, San Martiño da Cova, San Vitoiro de Ribas de Miño, Santa María de Marrube, San Pedro de Cela.
  • Pantón: O Cotillón (eremitorio na parroquia de Acedre)
  • Paradela: Santa María de Ferreiros, Santa María de Vilaragunte. 
  • Portomarín. San Pedro de Portomarín, Santa María de Castromaior e Santa María de Cortapezas 
  • Ribas de Sil: San Clodio, Santa María de Torbeo 
  • Sober: O Priorato de Doade, San Pedro de Canaval, San Vicente de Pinol, San Xillao de Lobios, Santa María de Amandi, Santa María de Bolmente, Santa María de Proendos, Santo Estevo de Anllo. 
  • Taboada: San Xián de Campo, San Xoán de Bouzoa, Santa María de Castelo, Santa Mariña de Cerdeda, Taboada dos Freires, Santa María de Piñeira, San Mamede da Torre 
  • A Pobra de Trives: Santa Salvador de Sobrado, San Sebastián de Piñeiro. 
  • A Teixeira: Santa María de Abeleda. 
  • Castro Caldelas: San Pedro d ́O Burgo, San Xoán de Camba, Santa Tegra de Abeleda, San Pedro de Alais.
  • Nogueira de Ramuín: San Martiño de Nogueira, San Cristovo de Armariz
  • Parada de Sil: Santa María de Chandrexa. 
Igrexa de San Pedro de Portomarín (Portomarín) CC-BY José Antonio Gil Martínez
Igrexa de Santiago de Requeixo (Chantada) CC-BY José Antonio Gil Martínez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.