Experiencia, situación e expectativas para o Patrimonio Cultural Ourensán

O rural ourensán afronta un verdadeiro reto de supervivencia. Non é unha hipótese, xa é unha realidade confirmada pola desaparición de 180.000 persoas en case 50 anos. A inexistencia dun sector secundario sólido e a falta de oportunidades promoveu movementos migratorios campo – cidade sen que Ourense  como capital de provincia, cunha excesiva dependencia do sector terciario, fóra quen de absorber esa masa de poboación activa en favor doutras cidades como A Coruña ou Vigo. 

A provincia ourensá, hoxe case baleira e cunhas taxas de natalidade moi reducidas, debe afrontar unha re-configuración do seu sistema produtivo. Proceso compartido co resto do país quen ten abandonado progresivamente o sector primario, pasando de representar un 60 % do PIB a mediados do século pasado a pouco máis dun 10 % na actualidade, tal e como amosan os cálculos do Instituto Galego de Estatísticas. Porcentaxes repartidas noutros sectores como o turismo, o cal supón xa un 2 % máis do PIB galego (12 %) sobre eses outros sectores tradicionais como a agricultura. Un turismo que a día de hoxe concéntrase esencialmente no litoral e a cidade de Santiago de Compostela.

Foi precisamente a emerxencia deste sector, en paralelo ao desenvolvemento dende  os anos 90 doutros tipos de turismo como o rural, e con este o turismo cultural ou de natureza fronte ao obsoleto turismo de sol e praia; que nas últimas décadas espertouse por parte das diferentes administracións e promotores privados un crecente interese no patrimonio, e con este tamén o arqueolóxico. Apostando pola súa explotación como unha posible solución á citada crise socioeconómica e xeográfica destas zonas rurais.

Tanto o Patrimonio Cultural como Natural son recursos endóxenos e imposibles de deslocalizar. E nestes termos  a Provincia de Ourense acolle no seu interior, e principalmente en ámbitos rurais, un recurso de incalculable valor sexa este científico, histórico, natural, simbólico e porque non tamén económico. Así o avalan entre outros 3 Parques Naturais, 3 Monumentos Naturais, 1 Paisaxe protexido, 2 Espazos Naturais de Interese Local, 2 Reservas da Biosfera, 10 Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (LIC´s e ZEPA´s), 78 Bens de Interese Cultural catalogados, infinidade de celebracións gastronómicas e etnográficas, literarias, etc. Por non falar dos miles de recursos culturais inventariados sobre os que non existen estatísticas fiables.

As administracións locais ou supramunicipais, conscientes desta diagnose, cada día apostan máis pola explotación económica de todo este patrimonio como recurso turístico. Un proceso, na nosa opinión excesivamente tutelado, participando xa non só na necesaria cautela e implementación do propio plan de acción senón ás veces na súa propia execución coa creación de empresas públicas ou mixtas. Un proceder que entendemos erróneo pois anula calquera iniciativa privada, xerando competencia desleal e freando a aparición dun tecido empresarial forte e autónomo.

As institucións son conscientes xa da oportunidade que supón este sector. Grandes e pequenas administracións, con ou sen capacidade orzamentaria, apoiadas a cotío por fontes de ingresos europeos queren poñer en valor o seu patrimonio sen que exista unha visión integral dos recursos para desenvolver unha oferta completa e sostible a longo prazo. Reincidindo deste modo no fracaso que supuxo na década dos 90, con investimentos alleos, a rehabilitación e reconstrución de vivendas no medio rural que o paso do tempo evidenciou como pouco planificada e limitada en exclusiva a dotar dunha infraestrutura hostaleira sen ter en conta outras necesidades complementarias do turismo como tal.

Pois este tipo de turista, ademais de consumir cultura (nun sentido amplo: natureza, monumentos, gastronomía, etc.) durante unha parte do día, demanda outras necesidades como integrarse nunha comunidade viva, interactiva, coñecer e especialmente vivir experiencias únicas en contornas sociais recoñecidas baixo a filosofía denominada como Albergo Diffuso. Elementos todos eles pouco presentes, agás excepcións, na oferta de casas de turismo rural illadas en zonas deprimidas, envellecidas e con tendencia á despoboación propias daquel programa. Por non falar da saturación en determinados territorios ou a sempre presente especulación.

Un caso diferente pero igual de paradigmático é o coñecido como Turismo Arqueolóxico onde a iniciativa promovida pola administración para promover este sector deuse en chamar Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico. Un programa que xurde xa no ano 2001, pero aínda incompleto, creado e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Unha rede que xurdía co afán de crear un sistema de información, necesario para dar a coñecer aqueles xacementos arqueolóxicos susceptibles de ser visitados polo público, e establecendo a canle de comunicación adecuada para potenciar a súa difusión e axudar ao visitante na elección dos puntos de interese para a súa visita.

Co que chegou a ser denominado como a infraestrutura máis ambiciosa pretendíase construír catro grandes centros de interpretación centrados en diferentes horizontes culturais (Megalitismo, Arte Rupestre, Castrexo e Romano) que serían quen, por si solos como recurso patrimonial, de estimular un desenvolvemento sostible nas súas áreas de influencia. Un obxectivo novamente ambicioso sen ter en conta outras necesidades complementarias, afastándose e incluso entrando en conflito coas comunidades lexitimamente propietarias e usuarias destes, medrando de costas aos centros de investigación, dos axentes sociais activos en cada comarca, etc.

Esta denominada Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, que na provincia de Ourense materializouse co Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrán de Lás (Punxín – San Amaro), se ben tiña en conta entre os seus obxectivos básicos a difusión, conservación e investigación do patrimonio arqueolóxico de todo o territorio, ata o momento só ten afondado no valor turístico destes recursos obviando aqueles outros que o dotan de sentido. Consumindo a totalidade dos recursos na creación e mantemento dun edificio valorado en 10 millóns de euros para que os turistas o visiten nunha estratexia que entendemos novamente errada ao analizar este recurso como algo estático, inerte e sen vida.

Namentres polo resto da provincia multiplícanse as iniciativas que sen case recursos custodian e engaden o valor necesario aos centos de bens patrimoniais simplemente por compromiso co seu legado cultural e natural. Da permeabilidade de ambos dependerá o éxito de mañá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.