As e os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador se beneficiarán do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes
O Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade impulsa un proxecto de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís de Tindouf (Alxeria) para o que a entidade achegará 15.000 euros. O Concello de Nigrán, socio da entidade, aprobará no vindeiro pleno unha achega de 10.000 euros a maiores para reforzar a actuación.
Est fin de semana o Fondo asinou en Tindouf un convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi. No acto participaron autoridades locais e membros da sociedade civil saharauí e mais o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado de representantes dos concellos de Gondomar, Cambados e de Tui, que tamén están valorando a posibilidade de contribuír á cooperación coa RASD.
O Fondo asinou en Tindouf un convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi
Así, as e os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador se beneficiarán do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, mellorarase o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa. Así mesmo, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 nenos e nenas das escolas, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna.
A visita aos campamentos organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e a Delegación Saharauí para Galicia foi recibida polo Primeiro Ministro, Bucharaya Hamudi, quen salientou como “o apoio dos municipios e outros axentes da cooperación descentralizada mitigou a caída dos fondos estatais e internacionais provocada pola pandemia”.
“Esta viaxe non só nos fará ser mellores persoas, senón tamén mellores alcaldes e alcaldesas”, valorou Juan González ao remate da misión
Juan González tivo a oportunidade de comprobar como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos, amais de compartir unha xornada de limpeza voluntaria cun grupo de mulleres na Daira de Akti, entre as que se atopaba a propia alcaldesa, e de visitar a emisora de radio. “Esta viaxe non só nos fará ser mellores persoas, senón tamén mellores alcaldes e alcaldesas”, valorou Juan González ao remate da misión.
O Fondo Galego esixe que Marrocos cumpra o Plan subscrito en 1990, coa celebración do referendo de autodeterminación acordado
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta por unha saída dialogada ao conflito que obrigou á poboación saharauí a refuxiarse en Alxeria. Esixe que Marrocos cumpra o Plan subscrito en 1990, coa celebración do referendo de autodeterminación acordado, e que tanto a comunidade internacional como o Goberno español estean á altura dos compromisos adquiridos.
O Fondo está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, con obxectivo de realizar proxectos con impacto nos países do Sur Global no marco da Axenda 2030 e de impulsar a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Nos seus 25 anos desenvolveu máis de 170 proxectos en 32 países.