EUA planea financiar medios afíns á dereita radical en Europa antes das eleccións de 2027

Donald Trump, nunha comparecencia pública, sobre unha imaxe de billetes de dólar CC-BY-NC-SA Praza.gal | Fotos: Alexander Grey / The White House

O Departamento de Estado dos EUA comunicou ao Congreso o 21 de agosto a súa intención de destinar catro millóns de dólares a programas relacionados con medios de dereitas en Europa. A cifra forma parte dun paquete de polo menos 25 millóns de dólares dos que se beneficiarán organizacións da sociedade civil vinculadas a causas conservadoras, coincidindo con eleccións decisivas no continente, entre elas as que terán lugar en España, segundo revelou Reuters esta semana citando a catro fontes coñecedoras da operación.

O Departamento de Estado do Goberno de Trump prevé dedicar os fondos ao que considera "retroceso democrático en Europa", en liña coa axenda da extrema dereita no continente

Tres millóns deses fondos, segundo a citada axencia de noticias, estarán destinados a combater o que os EUA denominan "retroceso democrático en Europa", unha axenda coincidente coa dos partidos de ultradereita no continente e que Washington vincula á inmigración, os medios independentes e a lexislación de organismos supranacionais, como a Unión Europea. O millón restante servirá para crear un "consorcio de xornalistas" que defenda "a soberanía nacional" fronte a Bruxelas, os "dereitos naturais" e a "liberdade relixiosa".

Reuters non puido identificar que organizacións ou xornalistas recibirán o diñeiro. A Oficina de Democracia, Dereitos Humanos e Traballo do Departamento de Estado que dirixe Marco Rubio sostén que o obxectivo é reforzar os vínculos transatlánticos e defender a liberdade de expresión, e nega financiar partidos políticos.

Donald Trump e Marco Rubio observan o desenvolvemento da operación do secuestro de Nicolás Maduro CC-BY-SA The White House

O diario alemán Handelsblatt informou hai apenas un mes de que unha influencer da extrema dereita alemá, de apenas 25 anos e vinculada á AfD, solicitara financiamento estadounidense para crear unha nova rede mediática nunha iniciativa que encaixa como unha luva cos obxectivos do Departamento de Estado dos EUA.

Esta partida sumarase a outros 10 millóns cuxa existencia xa era coñecida desde xullo e que se enmarcan no contexto dunha proposta máis ampla de case 180 millóns de dólares. Dela forman parte programas semellantes concibidos para influír sobre China, Corea do Norte, Suráfrica e o Brasil. A aprobación deste financiamento debe votarse a finais deste mes, segundo as fontes citadas pola axencia.

En período preelectoral

En vésperas de relevantes eleccións en España, Italia ou Francia o Executivo estadounidense pon cartos para un "consorcio de xornalistas" que defenda "a soberanía nacional" fronte a Bruxelas, os "dereitos naturais" e a "liberdade relixiosa".

O que se coñece do programa de influencia deseñado pola Administración Trump non menciona a España, pero coñeceuse apenas uns meses antes da celebración dunhas disputadas eleccións xerais que decidirán a continuidade do Goberno presidido por Pedro Sánchez ou a súa substitución por outro en mans da dereita (PP) e a ultradereita (Vox). O presidente dos Estados Unidos ignorou até agora a Alberto Núñez Feijóo, pero non disimula, desde o seu regreso á Casa Branca, hai agora 19 meses, a súa animadversión cara a Sánchez e o seu apoio ao líder dos ultras españois, Santiago Abascal, ao que lle gustaría ver á fronte do Executivo español.

O ministro de Exteriores francés, Jean-Noël Barrot, respondeu en xullo aos primeiros anuncios de financiamento destinado a influír na política europea cunha mensaxe en X no que avisou de que Francia non tolerará intentos de inxerencia estranxeira nos seus procesos electorais, veñan de onde veñan.

Non se trata dun episodio illado dentro da política exterior da Administración Trump. En marzo, The Guardian publicou un cable -unha comunicación oficial, cifrada e confidencial- asinado por Marco Rubio que ordenaba a embaixadas e consulados coordinar campañas contra o que Washington cualifica de propaganda antiestadounidense.

Pedro Sánchez, votando nas eleccións xerais de 2023 CC-BY-NC-ND PSOE

O documento pedía expresamente recrutar a influencers, académicos e líderes comunitarios locais para que as mensaxes financiadas polos EUA, a favor das súas políticas e das narrativas da extrema dereita, parecesen espontáneos e non dirixidos desde o Departamento de Estado.

Tamén propuña que as actuacións levasen a cabo en coordinación coa unidade de operacións psicolóxicas do Pentágono e o uso da función Community Notes de X para dar verosimilitude ás mensaxes que interesen aos intereses de Trump e os seus aliados manipulando o sistema de verificación colaborativa da rede do multimillonario ultra Elon Musk que orixinalmente se deseñou para engadir contexto explicativo a publicacións que resultan enganosas, inexactas ou incompletas.

O pulso con Sánchez e a proximidade con Vox

De momento ninguén identificou os beneficiarios dos fondos para medios europeos

O financiamento de medios e creadores de opinión ao servizo da extrema dereita confirmouse nun momento de fricción aberta entre a Casa Branca e o Goberno español. En marzo, tras a negativa de España a ceder as bases de Rota e Morón para operacións contra Irán, Trump ameazou con cortar todo o comercio con España.

O presidente dos EUA reprochou tamén a Sánchez que España sexa o único socio da OTAN que, desafiando as súas esixencias, non se comprometeu a elevar o seu gasto en defensa ao 5% do PIB. En xuño volveu insistir en que non é "moi fan de España" e atribuíu esa distancia a unha suposta radicalización do país cara á esquerda.

Con Vox, en cambio, a relación da Administración estadounidense foi doutro signo. Santiago Abascal asistiu á toma de posesión de Trump en xaneiro de 2025 e o propio presidente estadounidense chegou a felicitalo  publicamente polo seu traballo e "por difundir tantas mensaxes magníficas para o pobo de España e para a xente en todo o mundo".

Prensa internacional reflectindo a segunda vitoria de Trump en novembro de 2024 CC-BY-SA The Now Time / Unsplash

De momento, ninguén identificou os beneficiarios do catro millóns de dólares destinados a medios europeos, así que aínda non pode establecerse por agora un vínculo directo entre esa partida e ningún medio español concreto dos que forman parte da constelación ultra no Estado.

O financiamento como guerra híbrida

Esta estratexia dos EUA, en todo caso, parece encaixar coa definición que a propia OTAN fai das ameazas híbridas: unha combinación de medios militares e non militares, abertos e encubertos -entre eles a desinformación e a presión política- co obxectivo de sementar dúbidas e debilitar institucións sen cruzar o limiar dunha guerra convencional.

Esas ameazas, como as deseñadas desde Washington para influír nos procesos electorais europeos, explotan vulnerabilidades sociais xa existentes

O Centro Europeo de Excelencia para a Loita contra as Ameazas Híbridas, coñecido como Hybrid COE, engade un matiz relevante. Esas ameazas, como as deseñadas desde Washington para influír nos procesos electorais europeos, explotan vulnerabilidades sociais xa existentes, como o medo, a polarización ou a desconfianza institucional, para tentar alterar a toma de decisións democráticas.

A utilización de fondos para promover os ultras ten varios deses trazos. Selecciona temas que activan narrativas propias da dereita radical europea, como a inmigración ou a soberanía nacional, e busca alterar o equilibrio de recursos entre medios aliñados cos ultras e o resto do ecosistema informativo que non se somete a este tipo de operacións de influencia.

Estas actuacións adoitan ser opacas e resultan difíciles de atribuír. O chamado "concepto europeo de manipulación e interferencia informativa estranxeira", coñecido como FIMI e desenvolvido polo Servizo de Acción Exterior da UE, describe condutas legais, coordinadas e executadas mediante subvencións, organizacións rexistradas e xornalistas reais, sen necesidade de identidades falsas nin bots.

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Os precedentes

España e a Unión Europea responderon no pasado a episodios de interferencia informativa estranxeira con investigacións e declaracións oficiais que, de momento, non están a ter o mesmo correlato no caso dos EUA.

España e a UE responderon no pasado a episodios de interferencia informativa estranxeira con investigacións e declaracións oficiais que, de momento, non están a ter o mesmo correlato no caso dos EUA.

Dous días antes das eleccións xerais de xullo de 2023 apareceu unha web que imitaba á Comunidade de Madrid e difundía un falso aviso de atentados de ETA contra colexios electorais. O daquela alto representante da UE, Josep Borrell, citou ese episodio como exemplo de manipulación e interferencia informativa estranxeira.

En abril de 2024, o Servizo Europeo de Acción Exterior documentou a operación rusa False Façade, dedicada a presentar contidos de orixe prorrusa coma se procedesen de medios independentes.

Francia, á súa vez, atribuíu formalmente en abril de 2025 o roubo e filtración de documentos da campaña de Emmanuel Macron en 2017, coñecido como os Macron Leaks, ao servizo de intelixencia militar ruso GRU. O episodio produciuse dous días antes da segunda volta das presidenciais.

O caso máis severo deuse en Romanía. O Tribunal Constitucional dese país chegou a anular, o 6 de decembro de 2024, a primeira volta das presidenciais tras coñecerse documentos desclasificados sobre contas coordinadas e financiamento non declarado en torno ao candidato ultranacionalista Călin Georgescu. A Comisión Europea denunciou ademais intentos rusos de socavar o proceso electoral e o referendo europeísta de Moldavia o 20 de outubro de 2024.

As operacións de influencia de Israel

Israel protagoniza outros casos de financiamento estranxeiro de creadores de contido. Os rexistros presentados ante o Departamento de Xustiza dos EUA baixo a lei de axentes estranxeiros mostran que a empresa Bridges Partners actuaba para o ministerio de Exteriores israelí a través de Havas Media Group Germany.

O expediente describía un orzamento de 900.000 dólares para recrutar e producir contidos con entre 14 e 18 influencers, como parte dun proxecto coñecido como Esther Project. Israel tamén financiou viaxes de creadores estadounidenses vinculados ao movemento MAGA, cun contrato duns 93.000 dólares para levar a 16 deles a Israel.

Trump e Netanyahu durante unha reunión na Casa Branca en 2025 © White House

En Europa, unha investigación de Declassified documentou en 2024 unha viaxe organizada por asociacións proisraelíes ao que asistiron 22 xornalistas de nove países, entre eles algúns procedentes de España, entre os que citou a redactores da axencia Europa Press. A Embaixada de Israel en Madrid mantén ademais un departamento de prensa e diplomacia dixital que organiza encontros, viaxes e entrevistas con xornalistas.

O financiamento previsto agora pola Administración Trump para medios europeos formalizarase, segundo as fontes citadas por Reuters, antes de que termine setembro. Xusto a tempo de influír en procesos electorais tan importantes como os que terán lugar o ano que vén en España (xerais), Italia (lexislativas) e Francia (presidenciais). O ciclo de votacións relevantes neste contexto iníciase precisamente este domingo coas do estado alemán de Saxonia-Anhalt, as primeiras nas que está en situación de gañar a extrema dereita da AfD. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.