O presidente do Goberno de España e líder do PSOE clausura a dupla cimeira celebrada en Barcelona cun chamamento a "facer fronte ao medo con máis democracia e á desigualdade con máis xustiza"
"Non basta con resistir. Temos que propor, temos que liderar. Temos que demostrar que a democracia non só se defende, senón que se fortalece e se perfecciona día a día". Pedro Sánchez vén de exercer en Barcelona como anfitrión dun duplo cumio progresista, a da IV Xuntanza en Defensa da Democracia, que reuniu unha vintena de representantes gobernamentais internacionais, e da primeira Global Progressive Mobilisation (GPM), a rede impulsada pola Internacional Socialista, o Partido dos Socialistas Europeos e Demócratas (PES, a familia europea do PSOE) e a Alianza Progresista.
Co contexto da ofensiva política e bélica dos EUA de Donald Trump de fondo, pero tamén tras os últimos reveses simbólicos e tanxibles colleitados pola internacional reaccionaria nas últimas semanas, Sánchez clausurou a GPM dando por aberto o momento de "facer fronte ao medo con máis democracia e á desigualdade con máis xustiza". "Se estamos aquí é porque compartimos unha preocupación pero, sobre todo, unha responsabilidade. Hai unha vella distinción entre asomarse á xanela e baixar á rúa cando algo ocorre. Estamos aquí para responder e actuar".
Como informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre, o presidente do Goberno de España e líder do PSOE advertiu da necesidade de "non dar por sentada" a democracia. "Vemos ataques ao sistema multilateral. Un intento de impugnar as regras do dereito internacional e unha perigosa normalización do uso da forza" mentres "dentro das nosas sociedades crece a desigualdade" e tamén a "desinformación" que "erosiona a confianza nos gobernos e, por tanto, nas institucións". De aí "o risco de que a democracia se baleire por dentro mentres a atacan dende fóra".
"Estamos a armar o exército desde o bando correcto da historia"
Alén dos discursos, a intención da cita de Barcelona encabezada por Sánchez como anfitrión foi facer visible un bloque progresista internacional adaptado a cada contexto e como clara alternativa ao trumpismo e os seus satélites. Con Sánchez, pero tamén coa mexicana Claudia Sheinbaum, o brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva, o colombiano Gustavo Petro ou o surafricano Cyril Ramaphosa, mais tamén figuras emerxentes coma o recentemente elixido alcald de Nova York, Zohran Mamdani, que enviou ao encontro da capital catalá a unha das súas colaboradoras máis estreitas, Ana María Archila, ademais de remitir unha mensaxe de alento en vídeo que contrastou con outra mensaxe gravada, a remitida por Hillary Clinton.
"Estamos a armar o exército desde o bando correcto da historia", resumen dende o equipo de Sánchez, informa infoLibre, para resumir o acontecido. "A esquerda necesita tamén unha narrativa" e achouna dende o convencemento dende que as vindeiras eleccións xerais españolas, consideran, serán. unha das grandes batallas políticas internacionais canda as presidencias brasileiras. Neste sentido, o presidente de Colombia resalta que o "pegamento" de todos estes liderados non é só seren "anti Trump". O que procuran é tecer "un cumio por unha alternativa no mundo, non en contra, unha caste de faro que, no medio da confusión e da desorde global perigosa marca unha especie de frecha que segue un rumbo. O rumbo da vida e non da morte".
Participación galega
Na Global Progressive Mobilisation participou tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. "Frear á ultradereita, combater de raíz a desigualdade, blindar os dereitos, defender o público e impulsar unha transición verde xusta" foron, ao seu xuízo, claves do encontro.
"As respostas que se deron neste espazo internacional son as mesmas que precisamos na nosa casa" en eidos como sanidade ou vivenda, salienta Besteiro
Informan os socialistas galegos que entre os encontros mantidos por Besteiro en Barcelona destacan "Mariana Mazzucato, unha das grandes líderes mundiais do pensamento económico de esquerdas, ou Gabriela Ramos, figura clave da IA ética e subdirectora xeral de Ciencias Sociais e Humanas da Unesco". "Falamos de democracia, de dereitos e de cohesión social. Ou avanzamos, ou retrocedemos. Aquí non hai grises", salienta.
Advirte Besteiro, asemade, que o debatido no encontro de Barcelona "tamén afecta directamente a Galicia". "As respostas que se deron neste espazo internacional son as mesmas que precisamos na nosa casa" en cuestión como "carestía da vivenda ou a sanidade pública que hai que protexer". "Son as mesmas batallas que libramos cada día e por iso Galicia estivo aquí", resalta.