Compostela clama pola “fin do exterminio do pobo palestino"

Milleiros de persoas acudiron á manifestación por Palestina este domingo en Santiago. CC-BY-SA Praza

Milleiros de persoas chegadas de todo o territorio galego agruparon as súas forzas este domingo en Compostela baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galicia con Palestina’

Milleiros de persoas chegadas de todo o territorio galego agruparon este mediodía as súas forzas en Compostela baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galicia con Palestina’. O día frío mais solleiro axudou a que fose maior o número de persoas que apoiaran a causa palestina neste domingo, fronte á mobilización de hai un mes, cando o chuvia acompañou a marcha. 

Onde están, non se ven as sancións a Israel? Foron algúns dos cánticos que se puideron escoitar polas rúas de Santiago esta mañá, durante a marcha que saíu desde a Alameda. .

Exixen ao goberno español e á Unión Europea "unha implicación real e decisións firmes para parar o masacre do pobo palestino"

A Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina, entidades convocantes da mobilización, alertan de que despois de nove semanas do inicio do masacre en Gaza, o número de vítimas mortais rolda as 19.000, sen contar as desaparecidas, e hai máis de 50.000 feridas. “O reconto diario de horrores é tal que non poden deixarnos insensibles as novas de máis escolas bombardeadas, hospitais asediados, civís secuestrados e torturados e xornalistas asasinados. Uns crimes que afirmamos son un xenocidio e non unha guerra e moito menos unha guerra entre iguais”, aseguran nun comunicado

Nestas nove semanas agromou un importante movemento de activismo e solidariedade internacionalista en Galicia, con máis de 160 concentracións en máis de 20 localidades galegas cada luns desde o 9 de outubro. Desta vez, segundo explican os convocantes, os galegos agruparon as súas forzas nunha manifestaron unitaria en Compostela para “exixir ao goberno español e á Unión Europea unha implicación real e decisións firmes para parar o exterminio do pobo palestino. De que vale aprobar outra resolución da ONU se non hai consecuencias nin sancións inmediatas?”, indican.

As asociacións alertan de que cada día é máis difícil a entrada de axuda humanitaria debido tanto ao control de Israel na fronteira de Rafah como polos ataques a persoal sanitario e cooperantes. “Para complicar a precaria situación en Gaza, chegou o frío e a choiva, asolagando os terreos esnaquizados polas bombas e o paso de tanques. Xa o dixemos e continuamos a denunciar: Non hai lugar seguro en Gaza”, din.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.