António Guterres di que a guerra en Gaza afecta á seguridade internacional e o ministro israelí de Exteriores contéstalle que a súa actuación supón "un respaldo ao asasinato de anciáns, o secuestro de bebés e a violación de mulleres"
Este mércores o secretario xeral da ONU, António Guterres, invocou por primeira vez durante o seu mandato, iniciado en 2017, o artigo 99 da Carta da organización que lle permite chamar a atención do Consello de Seguridade sobre "calquera asunto que na súa opinión poida poñer en perigo o mantemento da paz e a seguridade internacionais". Fíxoo para reclamar aos estados máis poderosos que eviten "unha catástrofe humanitaria" en Gaza e reclamen "un alto o fogo". A súa petición foi respondida desde o Goberno de Israel acusándoo de ser "un perigo para a paz mundial".
A apelación directa de Guterres aos estados máis poderosos con capacidade de veto no Consello de Seguridade para que se impliquen máis na resolución do conflito entre Israel e Palestina foi contestada duramente polo ministro de Asuntos Exteriores israelí, Eli Cohen. Segundo di, a actuación de Guterres "constitúe un apoio á organización terrorista Hamas e un respaldo ao asasinato de anciáns, o secuestro de bebés e a violación de mulleres".
Ademais da activación do artigo 99 da Carta da ONU, Guterres tamén fixo pública unha carta na que denuncia a situación humanitaria en Gaza e o colapso do sistema sanitario. "Os hospitais convertéronse en campos de batalla", di o portugués, que salienta que só 14 dos 36 hospitais funcionan parcialmente e están a quedar sen subministros básicos ao tempo que serven de aloxamento a milleiros de persoas desprazadas.