Unha marcha unitaria con xente chegada de toda Galicia malia as malas condicións climatolóxicas denuncia o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel
Santiago acolleu na tarde deste sábado, baixo unha intensa chuvia, unha manifestación en apoio do pobo palestino ante os bombardeos que está a sufrir a poboación de Gaza por parte do exército de Israel. A marcha, convocada como unha protesta unitaria por parte da Asociación Galaico-Árabe Jenín, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes, e á que se sumaron todo tipo de entidades, contou coa participación de xente chegada de toda Galicia, para o que mesmo se habilitaron autobuses.
A manifestación denunciou o xenocidio do pobo palestino "que Israel está a perpetrar, dando continuidade á política de terror e masacre que vén aplicando desde o ano 1948", segundo salientaron os seus convocantes. Ademais, criticou "o apoio explícito e indisimulado das potencias imperialistas" ás políticas do Estado israelí, semellantes ao apartheid sudafricano.
A convocatoria criticou tamén "o papel das institucións, parlamentos e partidos da UE, do Estado español e tamén aquí na Galiza que se sitúan de perfil e naturalizan esta política de exterminio". Durante o percorrido escoitáronse berros como "non é unha guerra, é un xenocidio" ou "o sionismo é o terrorismo".
Esta manifestación chega despois das concentracións e manifestacións en solidariedade con Palestina que tiveron lugar nas últimas dúas semanas en quince cidades e vilas galegas.