A manifestación partirá ás seis da tarde dende a Alameda. Haberá, ademais, autobuses desde A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo
Despois das concentracións e manifestacións en solidariedade con Palestina que tiveron lugar nas últimas dúas semanas en quince cidades e vilas galegas, o vindeiro sábado Compostela acolle unha mobilización galega unitaria baixo o lema "Paremos o Xenocidio. Galiza con Palestina". Será a partir das seis da tarde e partirá dende a Alameda. Haberá, ademais, autobuses desde A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo.
A convocatoria, lanzada polas entidades Asociación Galaico-Árabe Jenín, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes, chega nuns días nos que os ataques militares israelís contra Palestina, especialmente contra Gaza, están a incrementar a súa crueldade, con milleiros de palestinos mortos nos últimos días, entre eles máis dun milleiro de nenos e nenas. Nos últimos días, en paralelo, está a incrementarse a resposta social aos ataques israelís, con mobilizacións masivas en moitos países, dende Estados Unidos e Europa ata o mundo árabe, a pesar das prohibicións exercidas por algúns Estados, como Alemaña.
A mobilización esixe "o inmediato alto o fogo e a abertura de corredores humanitarios para que a axuda poida entrar en Gaza de maneira normal"
Na rolda de prensa, as entidades convocantes destacaron que "o pobo palestino necesita a solidariedade internacional" e lembraron que "o pobo galego ten un longo histórico de apoio á causa palestina", un apoio que se visibilizou nas últimas dúas semanas con "case 40 mobilizacións populares" convocadas polas organizacións que convocan agora esta manifestación nacional, pero tamén co apoio de moitas outras entidades do tecido social: organizacións estudantís, culturais, veciñais, sindicais e políticas.
A mobilización esixe "o inmediato alto o fogo e a abertura de corredores humanitarios para que a axuda poida entrar en Gaza de maneira normal". Así mesmo, demanda "a fin da impunidade do estado sionista de Israel" e "a suspensión das relacións preferentes con Israel" a través dunha "política activa de boicote, desinvestimentos e sancións internacionais que obrigue Israel a pór fin á ocupación, a respectar a legalidade internacional e as resolucións das Nacións Unidas e que se respeite o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas da Palestina".
A convocatoria denuncia "o papel das institucións, parlamentos e partidos da UE, do Estado español e tamén aqui na Galiza que se sitúan de perfil e naturalizan esta política de exterminio".
A manifestación busca denunciar ademais o xenocidio do pobo palestino "que Israel está a perpetrar, dando continuidade á política de terror e masacre que vén aplicando desde o ano 1948". Ademais, critica "o apoio explícito e indisimulado das potencias imperialistas" ás políticas do Estado israelí, semellantes ao apartheid sudafricano.
A convocatoria denuncia "o papel das institucións, parlamentos e partidos da UE, do Estado español e tamén aqui na Galiza que se sitúan de perfil e naturalizan esta política de exterminio".