"Ao principio da guerra estaba todo moi tenso, aínda non sabiamos o que ía pasar. Pero sete meses despois o que temos é moito medo"
Sara Ashour (Gaza, 2002) vive en Santiago desde os cinco anos, estuda o último curso do grao en Administración e dirección de empresas na Universidade de Santiago de Compostela e fala árabe, galego, castelán, inglés e francés. Marchou de Gaza o 31 de agosto de 2023, foron as últimas vacacións que puido pasar alí coa súa familia. Está a vivir o xenocidio do pobo palestino en directo, como toda poboación mundial, coa diferenza de que na súa casa recoñecen as vítimas que se ven a través da pantalla.
O seu pai, Sami Ashour, doutor en Economía que actualmente traballa no vicerreitorado de Política Científica da USC e é presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin, viu os corpos dos seus curmáns, asasinados por Israel, por televisión. Sara Ashour pensaba estudar un mestrado especializándose en marketing, mais esta guerra modificou a súa maneira de enfocar o futuro e agora decántase pola cooperación internacional.
Este mes, Sara Ashour participou nun coloquio posterior á conferencia de Francesca Albanese, relatora especial de Nacións Unidas para os Territorios Ocupados de Palestina e autora do informe Anatomía dun xenocidio, organizada pola Rede Universitaria por Palestina e que se puido seguir desde Compostela. Di estar concienciada da “resistencia” do seu pobo e incide, a pesar do gran sufrimento destes meses de guerra, en que “non lle imos regalar a nosa terra a ninguén”.
Como se está a vivir na súa casa o xenocidio en Gaza?
Ao principio da guerra estaba todo moi tenso, aínda non sabiamos o que ía pasar. Pero sete meses despois o que temos é moito medo. Vemos que Israel avanza máis e máis. A familia da miña nai era do norte e tivo que trasladarse ao sur, pero puido saír para Exipto. A do meu pai xa estaba no sur, pero tivo que ir para Rafah, que é aínda máis ao sur. Pero agora dixéronlles que había que saír de Rafah porque vai haber unha incursión terrestre do exército israelí. De momento non pasou como no norte, pero os ataques seguen. Nós desde aquí temos cada vez máis incerteza e impotencia, queres axudar e non podes. O que queres é sacalos de alí, pero ningún país lles dá visado cun pasaporte palestino –que nin é pasaporte porque non está recoñecido–.
Podes mandar cartos, pero non hai caixeiros. Tes que inventar outras maneiras de facer chegar eses cartos aos teus. De todas maneiras, ter cartos non é unha garantía porque podes ter os cartos pero que non haxa comida para mercar. A axuda humanitaria da UNRWA non é para todo o mundo, é para os que xa teñen o carné de refuxiados do 48 ou do 67, que son os refuxiados históricos de Palestina. Pero os árabes en xeral, a diferencia dos occidentais, son un pobo moito máis xeneroso e comparten entre eles.
Percibe en Galicia esas diferencias en canto á xenerosidade?
Si. Os árabes en xeral somos moi moi xenerosos. Eu son máis galega que gazatí, pero alí hai unha hospitalidade distinta. Por exemplo, se vés á miña casa e dis que non queres tomar nada, eu vou sacar todo o que teña igualmente para que o teñas aí. Se lle presto a unha amiga un euro, non llo vou coller de volta aínda que mo queira dar.
Cre que aquí hai prexuízos que consideran a sociedade árabe como máis ‘atrasada’?
Téñenme preguntado se os países árabes están máis ‘atrasados’. Ao final, non é como o pintan porque non podemos meter no mesmo saco a Palestina, Xordania, Siria, Líbano, Arabia Saudita, Dubai, Emiratos, Qatar...
Por exemplo, miña nai aquí ten carné de conducir e coche propio. Vai a todas partes pero sempre a xente a mira porque é muller con veo e conduce. Si que hai machismo nas sociedades árabes, vaias onde vaias hai machismo sempre.
"Se hai machismo en Gaza, como en todos lados, é porque somos unha sociedade oprimida á que non deixan avanzar cara a adiante"
Pero aquí tamén hai machismo.
Tamén. Pero na miña casa as tarefas domésticas repártense, non se encarga só a miña nai. Se hai machismo en Gaza, como en todos lados, é porque somos unha sociedade oprimida á que non deixan avanzar cara a adiante. Se Palestina está pechada e cercada, á xente palestina non a deixan ver como se vive no exterior... Se estás sendo oprimido non poderás liderar nada tampouco.
E de aí vén a existencia de Hamás?
Se levas 75 anos nunha gaiola ao aire libre, porque é así como o chaman, vas ter accións máis ou menos agresivas para intentar saír diso. Eles fixeron o ataque, pero non sabían a ciencia certa se ían poder ser liberados ou non. Intentárono porque que se consegue estando de brazos cruzados? Cando Hamás ataca a Israel aquel 7 de outubro é un ataque terrorista, pero o que non se ve é a guerra de 2014, 2019, 2020, 2021 con todos os ataques de Israel para Palestina, que non eran ataques terroristas. Por que para a comunidade internacional unha cousa é terrorismo e a outra non?
Se non “atacamos nós” o 7 de outubro, por dicilo dalgunha forma, vannos atacar eles. De feito, no verán cando estiven alí a xente xa comentaba que había moito que non atacaban. Cada seis meses estaban atacando, non saía nos medios de comunicación. Houbo guerras de unha semana ou de dez días, tamén morreu xente e tamén bombardearon edificios. E en Gaza, o verán antes da guerra actual, aínda se estaban a reconstruír edificios destruídos en 2014.
Cando estivo en Gaza o verán pasado puido facer ‘vida normal’?
Si, é sorprendente como era Gaza con tan poucos recursos. Había un nivel de prestixio, de calidade... Estaba súper avanzada. Sendo gazatí, eu dicía: é que pecho os ollos e penso que non estou en Gaza. Teño subido algún vídeo ás redes sociais e que a xente me conteste que iso non pode ser Gaza, que é como os Emiratos e Gaza é un deserto. Como que un deserto? Hai un mes un tío díxome ‘vaite o Sáhara a amañar os seus problemas’. De querer meter a todos no mesmo saco xa non saben do que falan.
Cando lle dicía ás miñas amizades ou compañeiros da universidade que ía estar todo o verán en Gaza dicíanme que que mal, que ía facer alí, que me ía aburrir. Outra cousa que nos diferencia aos árabes é o tema familia. Alí o máis importante son os pais, priorizas os teus pais por enriba da túa parella e das amizades. Tes que facer que os teus pais estean contentos e felices. Estiven noites enteiras sen durmir por estar falando cos meus curmáns, tiña que aproveitar porque non sabía cando se ía poder repetir iso. Saímos de Gaza o 31 de agosto e tiña planificado volver este ano ao rematar o curso, pero xa nada... Aquí coñezo xente que ve aos seus tíos ou curmáns unha vez ao ano, e só teñen que coller un avión ou un tren para velos. Eu podo coller un avión pero dependo de que me deixen cruzar unha fronteira e nunca sabes cantos días vas ter que agardar para poder entrar. Como non valoran o tempo coa familia? Para min iso é moi estraño. Cando era moi pequena, ao pouco de vir para Galicia, unha cousa que me chamaba moito a atención eran os divorcios.
"Miña nai puxo o veo porque quixo, pero a xente considera que a obrigou meu pai. En cambio eu, como non o levo, xa todo o mundo pensa que tomei a miña propia decisión ao contrario dela"
Conta que súa nai leva veo, vostede decidiu non levalo?
Nunca o levei. O veo ten que ser unha decisión da muller, que estea totalmente cómoda e convencida de querer levalo porque unha vez que o pos non o podes sacar. Obviamente si que o podes sacar coa familia, pero tes que estar totalmente convencida. As miñas curmás da miña idade xa o levan hai anos, pero ao criarme aquí tampouco tiven ese contacto con el e o ambiente aquí é distinto. Eu non me sinto cómoda levándoo porque vexo como o pasa miña nai e non quero. A miña experiencia con isto é que eu soa pola rúa e son unha máis, non teño acento en galego nin en castelán e tes que fixarte moito para ver polos meus trazos físicos que non son de aquí. Pero cando vou coa miña nai escoito sempre comentarios tipo ‘vaite ao teu país’. Vas no coche con ela e a xente queda mirando para ti, pero tamén cando imos no coche co meu pai, que se quedan mirando como dicindo ‘estes mouros con ese coche’. Miña nai puxo o veo porque quixo, e fíxoo con 21 anos, pero a xente considera que a obrigou meu pai. En cambio eu, como non o levo, xa todo o mundo pensa que tomei a miña propia decisión ao contrario dela.
Israel bombardeou hospitais, persoas que agardaban para recibir comida, escolas cheas de crianzas, campos de refuxiados... Esta é unha guerra máis para a súa familia ou ven os ataques sobre Gaza aínda máis violentos?
Para a miña familia é unha guerra máis. Quen viviu a Nakba do 1948 ou a guerra do 67 xa viu cousas peores. Evidentemente esta guerra está a ser moi longa e se está a facer moitísimo dano. Pero a xente alí é crente, e cre na resistencia. A resistencia alí é o único que lles queda porque non teñen armas, nin exército, nin apoio político ou económico. Resistir é o único que lles queda. O que lle doe a Israel, a oriente medio e a occidente o que lle doe é que sexan tan ‘pobres’ e aguantasen 200 días de guerra.
Como valora que a ONU non reclamase aínda a fin do xenocidio sobre o pobo palestino?
Que a propia ONU, con todo o peso que ten a nivel internacional, non poida pararlle os pés a Netanyahu fai que me replantee o mundo no que vivimos. Quen manda exactamente no mundo? Estados Unidos? Se a ONU non ten nin o valor de dicir ‘basta xa’ e asumir as consecuencias que veñan... é que parece que lle ten medo a Netanyahu.
O mundo moveuse hai unhas semanas cando mataron aos cooperantes que traballaban para o chef José Andrés. Esas sete vidas valen máis que as case 40.000 persoas asasinadas por Israel en Palestina?
"O mundo moveuse hai unhas semanas cando mataron aos cooperantes que traballaban para o chef José Andrés. Esas sete vidas valen máis que as case 40.000 persoas asasinadas por Israel en Palestina?"
E como vive a actitude do Estado español cara ao conflito? Segue pendente o recoñecemento do Estado palestino que avanzara o presidente Pedro Sánchez.
Teño sentimentos encontrados nesta situación, creo que á maioría da xente de España non lle gustan as palabras de Sánchez. Polas redes vexo moitos comentarios sobre que España xa ten problemas abondo como para meterse noutros. Ao final, esta guerra é en Gaza pero é cousa de todo o mundo. Sinceramente, Sánchez non deixou de lado ningún problema de España por pronunciarse en defensa de Palestina, pediu que Israel cesara o ataque a civís. Segue vendendo armas a Israel, si, pero foi un dos líderes europeos máis claros na súa posición. Outra cousa que non entendo é como moita xente aquí pode comparar a guerra na Ucraína co que está pasando en Gaza. Palestina non ten exército, nin sequera é un país, e a ONU recoñece o dereito á defensa dos territorios ocupados non dos ocupantes. España abriulle os brazos aos refuxiados aos refuxiados ucraínos, non pasa o mesmo cos palestinos. E tampouco se ven tanto as bandeiras palestinas como as da Ucraína, que aparecían incluso en películas.
Pensa que un novo recoñecemento do Estado palestino pode axudar algo a que rematen os ataques de Israel a esta altura?
Non o sei, deixaron a Israel que avance tanto en tan pouco tempo que xa non sabes se hai posibilidade de volta atrás. Evidentemente, se Palestina fose un país máis recoñecido internacionalmente xa estariamos xogando noutro marco.