As universidades galegas comezan a mobilizarse en solidariedade con Palestina

Inicio da acampada en solidariedade co pobo palestino na UDC © UDC

Dende hai semanas o estudantado universitario de varios continentes está a mobilizarse de maneira cada vez máis intensa en solidariedade co pobo palestino e en denuncia da invasión israelí en Gaza, onde o exército xudeu asasinou xa a 34.800 persoas, segundo as estimacións das autoridades da Franxa, consideradas válidas polas Nacións Unidas. O movemento, iniciado nos campos estadounidense, estendeuse por varios países europeos, dende Francia ao Reino Unido e dende hai uns días varios días universidades do Estado, en Madrid, Barcelona, Euskadi ou Andalucía acollen acampadas e outros actos de protesta.

Dende este xoves está convocada unha acampada indefinida no Campus de Elviña da Universidade da Coruña, entre as facultades de Dereito e Educación

O movemento solidario chegou xa a Galicia e dende este xoves está convocada unha acampada indefinida no Campus de Elviña da Universidade da Coruña, entre as facultades de Dereito e Educación.

Ademais, en Compostela, o sindicato Erguer convocou para este xoves unha Asemblea Aberta "para podermos colectivamente organizar accións contra o xenocidio palestino". A cita é ás 20 horas no local de estudantes da USC en Santiago.

Cartel de Erguer en solidariedade con Palestina © Erguer

En Compostela, Erguer convocou para este xoves unha Asemblea Aberta "para podermos colectivamente organizar accións contra o xenocidio palestino"

Así mesmo, o vindeiro martes 14 Erguer convocou concentracións nas sete cidades galegas con campus universitario reclamar ás tres universidades galegas "que se comprometan a rachar relacións coas universidades israelitas e desenvolver relacións de solidariedade académica con Palestina". As concentracións, que terán lugar ás 20 horas, celebraranse ante a Biblioteca de Peritos de Vigo, a Biblioteca de Empresas na Coruña, a Biblioteca Intercentros de Lugo, a Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense, a Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra e en espazos aínda por confirmar en Santiago e Lugo.

Erguer reclama que as tres universidades galegas "se posicionen en favor dun alto ao fogo inmediato e permanente e da fin das agresións israelís contra o pobo palestino" e condenen publicamente "a represión que se está a producir" contra as manifestacións de solidariedade co pobo palestino que ten suposto o desaloxo violento de campamentos e a detención de estudantes por parte das forzas policiais en países como os EEUU e Alemaña. Tamén se pide que USC, Uvigo e UDC "denuncien de maneira clara a destrución das universidades palestinas na franxa de Gaza así como os ataques contra a súa comunidade universitaria".

Ademais, o vindeiro martes Erguer convocou concentracións nas sete cidades galegas para reclamar ás tres universidades galegas "que se comprometan a rachar relacións coas universidades israelitas e desenvolver relacións de solidariedade académica con Palestina"

Dende Erguer-Estudantes da Galiza celébrase "a vaga de solidariedade que se está xestando nas universidades de todo o mundo". O sindicato universitario nacionalista alerta da "intensificación do masacre que está a perpetrar o Estado de Israel contra o pobo palestino" e denuncia que os gobernos dos Estados Unidos e da Unión Europea "exercen de cómplices necesarios e miran cara outro lado, mentres condenan calquera acto de resistencia palestina e manteñen relacións diplomáticas e comerciais co estado sionista".

 

O Claustro da Universidade de Barcelona pide romper relacións con insitucións e empresas de Israel

O movemento solidario nas universidades do Estado está a avanzar con rapidez nos últimos días. Este mércores o Claustro da Universitat de Barcelona votou a favor de romper relacións con institucións e empresas israelís.

Cartel da convocatoria de Asemblea Aberta en Compostela para organizar accións en solidariedade con Palestina © Erguer

Este mércores o Claustro da Universitat de Barcelona votou a favor de romper relacións con institucións e empresas israelís

De igual xeito, a Rede Universitaria por Palestina, con representación en máis de 40 universidades públicas do Estado español, elevou cinco demandas aos equipos reitorais, á CRUE e ao Ministerio de Ciencia e Universidades. Reclámase que se esixa un alto o fogo "inmediato e permanente". Demándase, así mesmo, que se evite "calquera fórmula de colaboración coas universidades israelís que se relacionen co xenocidio en Palestina, practiquen o apartheid coas/os estudantes palestinas/os ou contribúan ás estratexias israelís de expansión no Territorio Palestino Ocupado".

A Rede Universitaria por Palestina, con representación en máis de 40 universidades públicas do Estado español, elevou cinco demandas aos equipos reitorais, á CRUE e ao Ministerio de Ciencia e Universidades

Así mesmo, pídese "unha condena clara e explícita contra a destrución deliberada das universidades palestinas na franxa de Gaza e os ataques a profesorado, estudantes e persoal universitario levados a cabo por Israel" e "a dotación de recursos económicos para a recepción e protección de estudantes e persoal académico en Palestina". Finalmente, faise un chamamento á ruptura de relacións diplomáticas con Israel por parte do Goberno de España, así como á suspensión do Acordo de Asociación UE-Israel por incumprimento das cláusulas do devandito acordo en materia de respecto aos Dereitos Humanos.

A Rede Universitaria por Palestina, que apoia as acampadas que están a comezar na Universidade Complutense, a Universidade do País Vasco, na Universidade de Valencia e en varios campus andaluces, ponse a disposición do movemento estudantil e cita a Angela Davis para lembrar que "as estudantes sempre marcan o camiño".

Concentración en solidariedade con Palestina, este luns 6 de maio en Santiago © Mar de Lumes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.