Pedro Sánchez e os seus homólogos aseguran que a única solución para a paz pasa pola convivencia de dous estados, Israel e Palestina
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e os primeiros ministros de Noruega e Irlanda, Jonas Gahr Støre e Simon Harris, coordináronse para anunciar este mércores que o próximo martes 28 de maio recoñecerán oficialmente a Palestina como un estado. Tras o anuncio dos tres dirixentes, Israel chamou a consultas aos seus embaixadores nos tres estados.
O anuncio de Pedro Sánchez do recoñecemento de Palestina produciuse durante a súa comparecencia deste mércores no Congreso dos Deputados, na que dixo que "chegou a hora de pasar das palabras á acción" e de cumprir "o mandato democrático" da declaración que aprobou a propia Cámara Baixa en 2014 para que se producise ese recoñecemento. O presidente subliñou que toma a decisión "por paz, xustiza e coherencia". En todo momento Sánchez salientou que a única solución para a paz pasa pola convivencia de dous estados, Israel e Palestina.
En similares termos expresáronse os primeiros ministros noruegués e irlandés. Para o primeiro "non pode haber paz en Oriente Medio sen que Israel e Palestina teñan o seu propio Estado, é a única solución real ao conflito". O segundo asegurou que o recoñecemento coordinado de España, Noruega e Irlanda busca unha "paz permanente" entres israelíes e palestinos.
Sánchez di que a decisión acordada por PSOE e Sumar faise "eco do sentir maioritario do pobo español" e xa foi comunicada ao Rei, a UE e a ONU
Na súa intervención no Congreso Sánchez explicou que a decisión foi acordada polos dous partidos da coalición de goberno, PSOE e Sumar, "facéndose eco do sentir maioritario do pobo español" e compartiuna xa co rei Felipe VI, cos líderes da UE (Ursula Von der Leyen e Charles Michel) e co secretario xeral da ONU, António Guterres. "Non imos permitir que se destrúa pola forza a posibilidade dos dous Estados, a única solución xusta", indicou.
"Chegou o momento de reivindicar a política internacional respectuosa co dereito internacional", engadiu o xefe do Executivo: "Chegou a hora de dicir que estamos con eles aos palestinos que sofren e deixar moi claro que por moitos muros que se levanten e por moitos asentamentos ilegais que se constrúan a terra e a identidade de Palestina seguirán existindo nos nosos corazóns e na legalidade internacional".
O BNG di que o recoñecemento de Palestina chega tarde e "non é suficiente" e debe ir acompañado da ruptura de relacións diplomáticas con Israel e un embargo efectivo a dito estado
Tras o anuncio de Sánchez, os grupos que adoitan apoiar ao Goberno de España, entre eles o BNG, amosaron o seu apoio á decisión pero matizando que debera chegar antes. Desde o BNG o seu deputado Néstor Rego, sinalou que recoñecer o Estado palestino "non é suficiente". "Non se entende que se chame indefinidamente a embaixadora na Arxentina e se ameace con romper relacións diplomáticas e, no entanto, se manteña o silencio e a pasividade diante das accións criminais dos dirixentes sionistas” sinalou Rego, que cualificou de "limpeza étnica e xenocidio" o que está a facer o Estado de Israel en Gaza e Cisxordania.
“Deben romper relacións diplomáticas con Israel, aplicar efectivamente un embargo de armas e comercial, hai que reclamar o fin do apartheid e da ocupación de toda a terra da Palestina e colaborar coa Corte Penal internacional para que Netanyahu e a cúpula sionista paguen polos seus crimes”, sentenciou o nacionalista.
Feijóo acusa a Sánchez de apoiar "a desaparición de Israel"
Pola súa banda, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, acusou a Sánchez de apoiar "a desaparición de Israel". "Non o fai por principios, faino por falar doutra cousa que non sexa a trama do PSOE", dixo o líder popular, para quen o prioritario non é o recoñecemento de Palestina senón "entregar os reféns, o alto o fogo, a axuda humanitaria e evitar que recrúe a escalada".