O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade anunciou este xoves, aniversario da Nakba, a entrega duns 10.000 euros que proporcionarán alimentos básicos e auga potable a 289 persoas vulnerables durante un mes
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, formado por 105 concellos e mais as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, anunciou este mércores -coincidindo co anversario da Nakba- o envío a Gaza de dez mil euros de axuda humanitaria, que se distribuirá a través da Axencia de Nacións Unidas para a Poboación Refuxiada de Palestina (UNRWA). A achega proporcionará alimentos básicos e auga potable a 289 persoas vulnerables durante un mes.
Serán produtos básicos ou listos para ser inxeridos, como fariña, pan, galletas, feixóns, polo, carne en lata ou dátiles, que permitan combater os altos niveis de desnutrición e inseguridade alimentaria. O cargamento chegará desde Exipto a través do paso de Rafah, controlado por Israel, que segue a acumular atrasos nas entregas. Unha vez crucen a fronteira, poderán ser distribuídos nos refuxios da UNRWA ou nos propios fogares.
A asociación de concellos e deputacións promove unha moción contra o xenocidio cometido por Israel e organizará a visita dunha refuxiada palestina
A entidade formada por administracións locais galegas respondeu así ao chamamento urxente da UNRWA co fin de cubrir as necesidades máis inmediatas en Gaza e a iniciativa faise pública coincidindo co Día da Nakba, “catástrofe” en árabe, o día en que en 1948 milleiros de palestinas e palestinos se viron obrigados a abandonar
os seus fogares tras a creación do Estado de Israel o territorio de Palestina.
Este apoio á poboación gazatí parte da vontade expresada polas deputacións e concellos socios na última Asemblea Xeral do Fondo Galego, da que xurdiu tamén a proposta dunha moción na que se denuncia o xenocidio que está a cometer Israel e mais a idea de organizar actividades de sensibilización para concienciar sobre a situación en Gaza.
A Praza de Praterías acolleu unha concentración convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina. O acto denunciou que o Goberno de Israel "está levando adiante unha limpeza étnica ante a indiferenza da comunidade internacional
A ofensiva do exército israelí causou xa máis de 35.000 mortos, dos que un 70% son nenas e nenos e mulleres, amais de provocar o desprazamento do 75% da poboación e destruír vivendas e outras infraestruturas civís. A propia UNRWA perdeu máis de 180 traballadoras e traballadores, as súas 278 escolas serven provisionalmente de refuxio e a maioría dos seus 22 centros de saúde se atopan inactivos.
Concentración na Praza de Praterías
Tamén coincidindo co aniversario da Nakba, a Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina realizou este mércores un acto simbólico na Praza de Praterías de Compostela. As organizacións que fan parte da Coordinadora (Asociación Galaico Árabe Jenín, Galiza Por Palestina e Mar de Lumes Comité Galego de Solidariedade Internacionalista) difundiron a un manifesto que alertou "que o pobo palestino está sendo vítima dunha segunda Nakba coa pasividade e complicidade dos Gobernos do denominado Occidente democrático".
A Coordinadora vai propor no Parlamento galego unha Declaración Institucional que, como a de 2014, recoñeza os dereitos do pobo palestino e "condene sen paliativos" o xenocidio que Israel está a practicar
O acto denunciou que o Goberno de Israel "está levando adiante unha limpeza étnica ante a indiferenza da comunidade internacional". As actrices Iolanda Muíños e Mabel Rivera foron as encargadas de ler o manifesto.
As organizacións informaron que están a promover reunións coas forzas políticas do Parlamento Galego para lles propor unha Declaración Institucional que, como a de 2014, recoñeza os dereitos do pobo palestino e "condene sen paliativos" o xenocidio que Israel está a practicar. Este luns, ademais a Coordinadora convocou de novo concentracións de protesta ante a invasión de Gaza, con citas en 30 cidades e vilas.