Catástrofes

Refuxiados palestinos tras ser expulsados dos seus fogares por Israel en novembro de 1948 CC-BY-SA Fred Csasznik

Hemeroteca

En 1948, arredor de 800.000 persoas tiveron que deixar os seus fogares por mor da invasión das súas terras e a ocupación das súas casas. Non marcharon moi lonxe nin levaron moitos avíos con elas, ignorantes da extensión no tempo e no espazo desa declaración de propiedade que marcou o inicio dunha catastrófica viaxe polo exilio.

Barrio de Manshiyeh, en Jaffa, despois do asalto xudeu en 1948 Dominio Público

En 1948, arredor de 800.000 persoas tiveron que deixar os seus fogares por mor da invasión das súas terras e a ocupación das súas casas

Anos atrás, a comezos dese século xx, as batallas de dous imperios provocaran a fuxida da xente dese campo de batalla, que quedou desolado, mais repoboado pola mesma xente pouco despois. Con todo, xa mediada a centuria e trazadas as liñas do mapamundi, a decisión sobre unha nova orde mundial quedou ben enfiada para dar comezo a unha nova historia que semellaba ter a súa orixe na xénese da vida. E así foi, e tras a beizón de quen decide sobre o mundo, celebrouse unha conquista brandida coa ferruxe da ironía. 

Dende 1948 e antes deuse acubillo, baixo laranxeiras e oliveiras, a familias que enraizaron e prenderon espiñentas como cactos.  E sen cifras que enumerar nin contos para calar, seguimos a oxidar a vida e a sumar catástrofes

A idea de que hordas amigas se aliasen, para xuntas recuperar as casas para quen tiña as chaves das súas portas desvaneceuse devagar. Entón creceron os valados e agromaron tendas de campaña, e en vez de sementar campos no deserto floreceu o cemento. E con este cimentáronse leis ancoradas en edictos divinos e con nomes ausentes. E esas ausencias serviron para proclamar transferencias e represións e demolicións e óxidos nalgunhas memorias, mais non nas chaves de quen segue a vagar sen rumbo fixo máis con chave.

Dende 1948 e antes deuse acubillo, baixo laranxeiras e oliveiras, a familias que enraizaron e prenderon espiñentas como cactos. E para preservar a auga neses invernadoiros de deserto, cortáronse raíces e circuncidáronse historias, tatuadas no interior das peles que tinxiron os panos das cabezas que as sentían e as das roupas todas que as cubrían. E sen cifras que enumerar nin contos para calar, seguimos a oxidar a vida e a sumar catástrofes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.