Após a creación do estado de Israel, en 1948, a Palestina histórica perdeu preto do 80% do seu territorio e unhas 800.000 persoas tiveron que deixar os seus fogares. Exipto e Xordania pasaron a administrar o resto do territorio, onde ficaron máis de 100.000 palestinos. A Nakba é como se coñece ese ano catastrófico de 1948, que tivo continuas réplicas, aínda que a de 1967 foi a maior. A Naksa é como se coñece esa derrota árabe do ano 1967, cando Israel ocupou o resto do territorio palestino amais de anexionar partes de Exipto e Siria.
A Naksa é como se coñece esa derrota árabe do ano 1967, cando Israel ocupou o resto do territorio palestino amais de anexionar partes de Exipto e Siria
Na guerra de 1967, coñecida tamén como guerra de xuño ou dos seis días, Israel tomou Xerusalén Oriental, Cisxordania, Gaza, a meseta siria dos Altos do Golán e a península exipcia do Sinaí. O conflito prevíase dende anos atrás, pois os enfrontamentos eran continuos nas fronteiras con Siria e Xordania, por onde os refuxiados palestinos trataban de pasar na procura de familiares ou dunha vía pola que regresar aos seus fogares. Amais, as ansias expansionistas alimentábanse da idea dunha grande Israel, alén da necesidade de controlar as fronteiras e os nacementos de augas.
En 1956, Israel, xunto con Francia e Gran Bretaña, invadiu Exipto coa intención de derrocar o presidente Náser, que nacionalizara o canal de Suez. As tres forzas aliadas non conseguiron o seu obxectivo e tiveron que abandonar a idea. Entón, as forzas de paz da ONU pasaron a controlar a fronteira entre Israel e Exipto, que non puido evitar a rápida conquista da península do Sinaí en 1967. Mentres, neses anos creceron os movementos de resistencia palestina. Alén disto, a preocupación polo uso da auga do río Xordán, provinte de Siria, aumentou a ira. Foi así que estoupou a guerra en diferentes frontes e como, unha vez máis, a poboación palestina tivo que fuxir do seu lar.
Esa adquisición de novos territorios en 1967 provocou unha nova vaga de expulsións de palestinos, que buscaron acubillo en Xordania
Mazin Qumsiyeh lembra, como se foxe hoxe, cando os tanques israelís atravesaron as montañas da veciña Xerusalén para introducirse na súa tranquila Beit Sahour nese ano 1967 e comenta como «a segunda fase da expansión sionista en terra palestina desatou un medo que non experimentara a nosa xeración, mais que si vivira a dos meus pais durante a Nakba, cando, entre xaneiro de 1948 e finais de 1949, varreron do mapa unhas 530 localidades.» Esa invasión de seis días por todos os costados permanece na súa memoria así como ante a vista dos seus ollos: «Aqueles outeiros que arraxaran os tanques están agora repletos de asentamentos que cicatrizan a vella paisaxe. As escavacións israelís sacaron á luz outros outeiros e transportaron pedras e terra para construír o estado xudeu á vez que destruían a vida dos palestinos».
A «milagrosa vitoria» fortaleceu a idea de que a Terra Prometida pertencía ao pobo elixido
Esa adquisición de novos territorios en 1967 provocou unha nova vaga de expulsións de palestinos, que buscaron acubillo en Xordania. Para Israel, gañar territorio significou tamén conquistar terreo espiritual e político, e por iso enseguida se encheu o Muro dos Lamentos en Xerusalén e os asentamentos proliferaron na propia cidade santa e por toda Gaza, Cisxordania, o Golán e o Sinaí. A «milagrosa vitoria» fortaleceu a idea de que a Terra Prometida pertencía ao pobo elixido e a derrota, a Naksa, só deu continuidade a un evento urdido xa moitos anos atrás, a limpeza étnica de Palestina.