Palestina é o termo que os romanos usaron para referirse á rexión de Oriente Medio comprendida entre a parte máis oriental do mar Mediterráneo e Xordania. Terra de filisteos é o significado orixinal da palabra grega, en mención aos habitantes desta zona do mundo adaptada e absorbida por diversas culturas, grupos étnicos e identidades relixiosas. Un territorio disputado por diversos imperios, en épocas distintas, e que mantén un dos conflitos máis duradeiros da historia máis recente.
Entre finais do século XIX e comezos do XX comezou a expulsión da poboación palestina do seu territorio. Estímase que, só baixo mandato británico (entre 1922 e 1947), tiveron que deixar o seu fogar unhas 150.000 persoas. Despois da guerra árabe-israelí, que se prolongou dende finais de 1947 ata comezos de 1949, máis de 750.000 palestinos foron expulsados; comezou así un longo período nómade coñecido, en árabe, como a Nakba, a catástrofe.
Tras a declaración de independencia do estado de Israel, moitos dos árabes que vivían na nación acabada de nacer, foron obrigados a escapar
Tras a declaración de independencia do estado de Israel, moitos dos árabes que vivían na nación acabada de nacer, foron obrigados a escapar. Deste xeito, desaparecían Palestina e a súa poboación, que pasou a converterse nunha masa inmensa de refuxiados, «non unha nación, non unha entidade política, só un problema», sentencia a analista política Kathleen Christison. Ás cifras de deportados durante a primeira metade do século XX, hai que engadir a dos preto de medio millón de expulsados entre 1949 e 1967, algúns deles por segunda vez: primeiro das terras que tiñan na actual Israel e despois, tras a ocupación israelí de Gaza, Xerusalén Oriental e Cisxordania, das que aí tiñan. Estes datos confirman que case a metade da poboación palestina vive na diáspora (preto de sete millóns); mentres outros sete millóns viven na Palestina histórica: dous millóns deles con documentos de identidade israelís e o resto distribuídos entre cidadáns da Autoridade Nacional Palestina, hierosolimitanos e refuxiados.
Malia a resolución 181 da ONU de 1947, que recomendaba a partición do estado en dúas entidades, unha árabe e outra xudía, amais dun réxime internacional para a cidade de Xerusalén, Palestina segue a ser un conxunto poboacional sen estado. Un conflito que se agrava coas cifras de expulsados entre 1948 e 1967 e que non teñen dereito a regresar ás súas casas, e que ten continuidade no presente, con continuos desafiuzamentos ilegais. O único motivo é a política restricionista israelí, que prohibe o retorno de milleiros de desprazados e o desprazamento forzado de habitantes de zonas dominadas por sionistas. Así, o feito de non ser xudía converte á poboación palestina no máis numeroso e longo caso de refuxiados aínda sen resolver.
Abdel Khader Hassan sufriu a expulsión en propia carne. Explica como os bulldózeres entraron na súa aldea e como tivo que fuxir, coa familia, cara o sur. Nun principio viviron en covas, ata que organismos internacionais conseguiron coordinar as axudas recibidas e construír tendas de campaña, onde confesa que pasou cinco anos da súa vida, con mais de dez membros da familia. Só tempo despois conseguiu mudarse a unha casa no campo de refuxiados de Deheishe, en Belén.
En setenta e tres anos de rexeitamento, a poboación palestina soubo empregar a arte, a música e a literatura como medio de expresión e desobediencia
Abdel empuña o seu bastón para acentuar a rabia que lle produce saber que non serán os seus ollos os que vexan unha Palestina libre; pero recoñece que ese soño chegará algún día: aos netos, aos bisnetos ou a algunha xeración aínda por vir. Sabe que os nomes impostos sobre as aldeas e vilas usurpadas xamais quedarán impresos na súa conciencia, e que só o tempo lles devolverá o que é seu. As súas pertenzas variaron ao longo dos anos, posto que eses pastos que aínda pode cheirar ou esas froitas que aínda saborea na memoria, non son máis que produto da súa imaxinación e do recordo, como o feito de traballar por construír un novo fogar que tampouco será del nunca. Isto é así porque Abdel axudou a construír o campo de refuxiados de Deheishe, onde conseguiu unha casa que, dende aquela, nunca tivo dereito a ampliar, posto que pertence á ONU e non a el. Nese mesmo fogar, nacido dun xeito rápido e provisional, viven varias xeracións de refuxiados. Non conservan as chaves dos territorios expropiados, mais todos eles manteñen a esperanza de recuperar os seus terreos algún día.
Setenta e tres anos despois da Nakba, a lembranza dese momento forma unha parte importante da resistencia, unha loita contra a máxima do primeiro ministro israelí Ben Gurion, quen asegurou que os vellos morrerían e que os novos esquecerían. Unha loita por quebrar as ideas sacadas de definicións de palestinos como «bestas que camiñan a dúas patas», frase empregada por outro primeiro ministro, Menahem Begin. Unha loita por recoñecérense e clamar o seu lugar, en contra das palabras da primeira ministra Golda Meir, quen afirmou que nunca existira tal cousa chamada palestinos.
En setenta e tres anos de rexeitamento, a poboación palestina soubo empregar a arte, a música e a literatura como medio de expresión e desobediencia. Souberon facer das palabras unha arma perigosa para, como escribiu o poeta Mourid Barghouti «restaurar o respecto polo significado e darlle significado á nosa existencia». Foron esas intifadas verbais as que provocaron o asasinato dun dos escritores palestinos máis sobranceiros, Ghassan Kanafani, quen afirmou: «Pódese roubar todo neste mundo, menos o amor que emana dun ser humano cara un cometido concreto e unha causa xusta». Unha causa que significa a recuperación dunha identidade e a recuperación das vidas que a xente de Palestina algunha vez viviu e espera volver a vivir.