Peche indefinido por Palestina na Universidade de Santiago

Participantes no peche estudantil na Universidade de Santiago a prol de Palestina, este 18 de maio de 2024 en conferencia de prensa © Peche USC

A solidariedade galega con Palestina non cesa. Quer con concentracións periódicas ou campañas virais, quer con achegas humanitarias para a poboación gazatí dende concellos e deputacións, ou tamén dende as universidades. Unha das mobilizacións xurdidas no ámbito universitario é o peche na Facultade de Historia da Universidade de Santiago, iniciado o pasado día 14 coa constitución da Asemblea Aberta por Palestina e que prevé manterse indefinidamente "ata que se cumpran os nosos obxectivos".

Estudantes participantes nesta acción expuxeron este pasado sábado en conferencia de prensa os seus plans máis inmediatos, baseados no manifesto que condensa as súas reivindicacións. "Temos clara a nosa defensa do pobo palestino" e, dende ese principio xeral, reclaman "a urxencia de recoñecer o xenocidio do Estado sionista" en Gaza, pero van máis alá.

Neste sentido, reclaman que todas as institucións se impliquen na "esixencia de alto o fogo inmediato e permanente" e mais en "permitir todas as intervencións humanitarias necesarias". Pero tamén, no eido académico, reclaman "pór fin a calquera fórmula de colaboración con todas as universidades, institucións académicas, empresas e centros asociados públicos ou privados" de Israel.

A Asemblea Aberta constituída na facultade de Xeografía e Historia da USC, que acolle o peche, reclama que a institución académica cancele "calquera colaboración con universidades, institucións, empresas e centros asociados públicos ou privados" de Israel

Nun contexto de "sistemática violación" dos "dereitos do pobo palestino", a proposta desta asemblea é "destinar os recursos económicos" das "colaboracións institucionais con Israel" e do "rearme armamentístico" a "gasto social", pero tamén "retirar calquera tipo de premio ou recoñecemento a persoas académicas e figuras públicas sionistas". Esta debera ser só, cren, unha das "diferentes accións simbólicas" que debera realizar a USC para "visibilizar o apoio público á causa palestina.

Afirman os estudantes pechados na facultade compostelá que son conscientes da "dificultade" destes obxectivos. Por iso, engaden, "animamos a formar parte desta asemblea" a calquera "persoa de clase traballadora" que queira "denunciar o xenocidio que se está a cometer contra o pobo palestino". "Debemos organizarnos para pór fin a esta barbarie a través dunha resposta colectiva e unitaria", subliñan.

Acampada en solidariedade con Palestina na Universidade da Coruña © UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.